Vinte das 90 prazas da Escola Infantil Breogán abriranse á cidadanía

A Universidade de Santiago inclúe o prazo de solicitudes do 16 de marzo ao 5 de abril

Dous pequenos na Escola Infantil Breogán da Universidade de Santiago de Compostela. /santi alvite

Dous pequenos na Escola Infantil Breogán da Universidade de Santiago de Compostela. /santi alvite / k.m.

A Escola Infantil Breogán ábrese ao conxunto da cidadanía por primeira vez desde a súa creación en 1978, “subliñando o compromiso da Universidade de Santiago coa responsabilidade social e as políticas de conciliación da vida laboral e persoal, e coa propia cidade”, explica a USC. A flexibilización dos criterios establecidos nesta nova convocatoria permitirá que, das arredor de 90 prazas ofertadas para o vindeiro curso, unha vintena poidan ser ocupadas por familias alleas á comunidade universitaria. Nos criterios de admisión daráselle prioridade a aquelas situacións familiares con especial necesidade de atención.

As persoas cunha renda dispoñible por debaixo dos 2.100 euros estarán exentas de pagar o servizo complementario de comedor, resultando o servizo de escolarización completamente gratuíto xa que os nenos con residencia en Galicia terán unha bonificación do 100 % pola atención educativa ao abeiro do convenio coa Consellería de Política Social para o fomento da gratuidade da atención educativa.

A oferta do comedor contará co asesoramento directo da Fundación Dieta Atlántica, que orientará o deseño dos distintos menús en base ás pautas deste réxime alimentario polos seus beneficios contrastados, e colaborará no desenvolvemento doutras actividades para incorporar hábitos nutricionais saudables na vida cotiá das familias.

Outra das modificacións da convocatoria para o curso 2023-2024 refírese aos requirimentos que debe cumprir o alumnado de grao e mestrado para beneficiarse dos servizos da escola. Así, mentres que na pasada convocatoria era preciso ter formalizada a matrícula en 60 créditos, o novo texto flexibiliza este criterio e permite o acceso para pequenos de alumnado que curse os seus estudos a tempo parcial, matriculado en 30 créditos.

Unha vez que se atendan as solicitudes dos membros da comunidade universitaria, as prazas restantes poderán ser ocupadas por fillos de persoas que non formen parte da institución e teñan feito a solicitude de acordo co requirido nesta convocatoria que entronca co disposto no III Plan estratéxico de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes 2021-2024. O prazo, tanto para solicitudes de readmisión como de nova admisión, permanecerá aberto do día 16 de marzo ao 5 de abril.

Os horarios de entrada e saída serán flexibles para adaptarse ás necesidades familiares e características da idade de nenos e nenas. A Escola Infantil Breogán permanecerá aberta de 07.45 a 18.00 horas coas excepcións que contemplen as Instrucións que dite a Xerencia. Durante o mes de xullo, período de Nadal e Semana Santa o horario estenderase de 8.30 a 15.00 horas. Estará pechada dende do 1 de agosto ao 6 de setembro, ambos incluídos, e a semana de Nadal prevista para a rede de escolas infantís dependentes da Consellería de Política Social.