Vivenda, o Clínico e turismo, asuntos centrais do acordo entre o Foro Cívico e as forzas políticas de Santiago

Este mércores asínase o novo compromiso sobre temas fundamentais para a cidade de cara aos próximos 4 anos de lexislatura

Vehículos mal aparcados na contorna do Hospital Clínico Universitario de Santiago

Vehículos mal aparcados na contorna do Hospital Clínico Universitario de Santiago / Jesús Prieto

Redacción

A Cámara de Comercio de Santiago acolle este mércores o acto de sinatura dun novo acordo entre o Foro Cívico e as forzas políticas con representación no Concello. O obxectivo é promover unha nova folla de ruta na que se recollan os temas que se consideran claves para Compostela de cara á próxima lexislatura, a resultante das eleccións municipais do próximo 28 de maio. Entre eles, o dimensionamento e planificación do espazo destinado ao Hospital Clínico Universitario de Santiago, a adopción das medidas necesarias para dar solución ao problema da vivenda en Compostela ou o compromiso co deseño dunha xestión e promoción turística sustentable de cara aos próximos anos.

Durante a xornada intervirán a presidenta da Cámara de Comercio de Santiago, María País Fajín, que intervirá en representación do Foro Cívico; o alcalde e candidato do PSOE ao Concello de Santiago, Xosé Antonio Sánchez Bugallo; a candidata do Grupo Municipal de Compostela Aberta, María Rozas; o candidato do PP á Alcaldía do Concello de Santiago, Borja Verea; e a a do BNG, Goretti Sanmartín Rei.

Outros dos temas que o Foro Cívico considera fundamentais nos vindeiros catro anos son o servizo do ciclo integral da auga, a realización dun estudo de viabilidade sobre a estación de ferrocarril de mercadorías e a industrialización de Santiago coa ampliación do chan industrial e a creación dunha oficina de captación de investimentos.

O Foro Cívico

O Foro Cívico de Santiago de Compostela, é unha plataforma de traballo que reúne a institucións, asociacións e colexios profesionais da capital galega como a Universidade de Santiago de Compostela, a Cámara de Comercio de Santiago, a Asociación de Empresarios de Hostalería de Santiago e Comarca, a Fundación Santiago Centro, a Asociación de Empresarios do Polígono do Tambre, a Asociación de antiguos alumnos e amigos da USC (ALUMNI), Compostela Solidaria, o Rotary Club, a Real Sociedade Económica de Amigos do País, a Fundación Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Ulla, a Asociación de Xornalistas de Santiago, a Asociación Vicus Francorum, o Colexio Maior A Estila, o Colexio de Avogados, o Colexio de Procuradores, o Colexio de Economistas, o Colexio de Arquitectos, o Colexio de Enxeñeiros Industriais de Galicia, o Colexio de Enxeñeiros Técnicos Industriais e o Ateneo de Santiago. Entre todos representan en torno ao 85% do PIB da cidade.