Maker Faire Galicia: chega a Santiago a maior feira de inventores do mundo

Celebrarase do 1 ao 4 de xuño no Museo do Gaiás // Máis de 70 proxectos e 300 makers presentarán as súas creacións // Os asistentes poderán mergullarse nun mundo de tecnoloxía e creatividade nas xornadas de portas abertas

Fascinantes charlas sobre mobilidade sen barreiras, dilemas éticos en Intelixencia Artificial, biotecnoloxía e hidróxeno renovable esperan ós asistentes na xornada de Industria.

Fascinantes charlas sobre mobilidade sen barreiras, dilemas éticos en Intelixencia Artificial, biotecnoloxía e hidróxeno renovable esperan ós asistentes na xornada de Industria. / Maker Faire Galicia

Do 1 ao 4 de xuño celebrarase no Museo do Gaiás a Maker Faire Galicia, a cita de referencia para a comunidade Maker. Nesta ocasión, a organización preparou unha programación impresionante, batendo récords en proxectos, obradoiros e conferencias.

Durante as últimas semanas, a organización revelou na súa plataforma en liña todo o contido que dará forma ao evento. En total, máis de 70 proxectos e 300 makers, máis de 40 obradoiros e máis de 20 charlas, tanto en liña como presenciais, proporcionarán experiencias inesquecibles para toda a comunidade Maker.

A Maker Faire Galicia contará con tres tipos de sesións. O primeiro día, o 1 de xuño, estará dedicado á industria, presentando charlas inspiradoras e coñecementos de expertos en diferentes campos. Dimitris Petrotos presentará o seu proxecto Laddroller, centrado na mobilidade sen barreiras. A mesa redonda "Dilemas éticos na intelixencia artificial" contará coa participación de Amparo Alonso, Bárbara Román de Nolegaltech e Ana Mª Alonso. Da innovación en biotecnoloxía tamén se falará con Eldara Rodríguez Cobo, responsable de innovación de NANOGAP, Alvaro Goyanes, director e cofundador de FabRx, Patricia Fraga María de DIH DATAlife e Julio Martínez Rumbo, Project Manager do Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida ( Bioga).

No eido da enerxía, David Buceta, CTO de NANOGAP, presentará Hysun, un proxecto que pretende revolucionar a xeración de hidróxeno renovable. Ademais, haberá un concurso de proxectos e un concerto de plantas que promete ser espectacular.

Imaxe dunha edición anterior do Maker Faire Galicia

Imaxe dunha edición anterior do Maker Faire Galicia / Maker Faire Galicia

O 2 de xuño a xornada estará centrada na educación, coa participación de referentes destacados. O mozo maker Samu falará da arte como forma de expresión e comunicación. Eva Cabanelas abordará a importancia da divulgación científica. Esther e Diego, finalistas do Stockholm Junior Water Prize (#SJWP) presentarán o seu proxecto "Nunca choveu que non escampara" Ademais, contaremos coa experiencia de Pablo de Miguel Morales de Autofabricantes, Jorge Sánchez López (Simón), enxeñeiro e co-director do Centro CeLeO, Xoan España, Director Xeral e Transformación de Amicos e Pablo Vilariño, Instrutor de Tiflotecnoloxía e Braille da ONCE, moderados pola xornalista Selina Otero, que guiará a conversa e facilitará o intercambio de coñecementos sobre inclusión e accesibilidade na comunidade Maker.

Os dous últimos días, o 3 e o 4 de xuño, estarán abertos a todos os públicos. Durante estes días, os asistentes poderán explorar o mundo dos brazos electrónicos, mergullarse nas páxinas da revista AI-GEN, descubrir a fusión entre arte e tecnoloxía con Rubén Ramos Balsa, afondar na domótica, interactuar co poderoso Chat GPT e marabíllarse coa maxia da impresión 3D.

O sábado día 3 dedicarase unha parte importante da xornada ao “emprendemento social”, con destacados relatores que abordarán temas fundamentais para promover o emprendemento con impacto social. Destacarase a importancia da inclusión, a sustentabilidade e a innovación neste ámbito. Dirixido por Víctor Grande, guionista e presentador, o acto contará coa participación de Celso Gándara, xerente de Algalia e presidente de FOROESGAL; Covadonga Toca, secretaria xeral de Emprego da Xunta de Galicia; Margarita Ardao, directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego da Xunta de Galicia; Pablo de Miguel Morales de Autofabricantes; Ana Olveira de Abeluria Coop; Lorena Quintás, de Xogo de Fíos e representantes de destacadas organizacións como Grovemakers, Skeirrum, Ecos do Sur, Despunte e Cogami-Galega Economía Social.

Tamén durante a fin de semana destaca este ano o espazo dedicado aos videoxogos e o Hackathon de Tecnoloxías de Apoio, onde os participantes traballarán en equipo para buscar solucións aos retos propostos por entidades como a ONCE, ASPACE Coruña ou COGAMI Galicia.

A asistencia ao evento é totalmente gratuíta, tanto en liña como nas sesións presenciais de industria e educación, que terán lugar nas mañás dos días 1 e 2 de xuño, respectivamente. As xornadas de portas abertas dos días 3 e 4 de xuño terán un custo de 6€ presenciais, sendo gratuítas para menores de 6 e maiores de 65 anos.

A 9a edición de Maker Faire Galicia celebrarase no Museo do Gaiás e conta co apoio da Xunta de Galicia, o Concello de Santiago, a Fundación Cidade da Cultura, a Asociación para o Progreso da Dirección (APD), o Círculo Financiero de Galicia e o Club Empresarial Nordés. Ademais, conta coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía - Ministerio de Ciencia e Innovación.

Para obter máis información sobre este apaixonante evento e como participar, visita a plataforma de Maker Faire Galicia: https://makerfairegalicia.com/inicio