Toponimia 'picheleira'

Toponimia picheleira: de onde veñen os nomes das rúas de Santiago de Compostela?

Descobre a orixe do nome de cinco rúas cheas de historia no corazón de Santiago de Compostela

Plano de Santiago de Compostela en 1595

Plano de Santiago de Compostela en 1595 / Archivo general de Simancas / Ministerio de cultura

Cristina S. Marchán

Seguro que moitas veces te preguntaches por que a túa rúa se chama como se chama. Nun lugar como Santiago de Compostela, con séculos de historia e que forma parte do exclusivo grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade , a toponimia é unha fonte inesgotable de coñecemento sobre os oficios, as tradicións, as lendas, a política ou sobre como medrou a cidade. Hoxe percorremos cinco desas rúas cuxo nome agocha moito máis do que parecería a simple vista.

Acompáñanos nesta viaxe ao pasado de Compostela!

Toponimia de Santiago de Compostela

Rúa do Home Santo (Barrio de San Pedro)

Rúa do Home Santo

Rúa do Home Santo / barriosanpedro.eu

O "home santo" que dá nome a esta rúa do emblemático barrio de San Pedro era Juan Tuorum, un ferreiro que vivía en Compostela alá polo ano 1320. Naqueles tempos, o arcebispo de Santiago de Compostela era Don Berenguel de Landoira, quen tivo que atallar de forma violenta unha rebelión popular para tomar posesión do seu cargo.

Esta historia podería terminar aquí. Mais o bo de Juan Tuorum tivo a pouca sorte de ser acusado de liderar esta rebelión e, consecuentemente, foi condenado á forca. De camiño ao cadalso, instalado daquela no que hoxe é o Monte da Almáciga, era costume que os reos fixeran parada nunha estatua da Virxe de Belén para amosar o seu arrepentimento e dicir as últimas oracións. O ferreiro foi máis aló e, desesperado, encomendouse á virxe para que dera proba da súa inocencia. Conta a lenda que dixo "¡Vem et me-val!" ("Ven e váleme!), dando orixe (sempre segundo a crenza popular) ao nome doutra rúa da zona, a de Bonaval.

Ante a atónita mirada da veciñanza, Juan Tuorum caeu fulminado naquel mesmo momento, o que todo o mundo interpretou como proba irrefutable da inocencia e "santidade" deste home. A el non lle valeu de moito, pero a súa historia quedou fixada no rueiro compostelán.

Rúa do Preguntoiro (Casco Histórico)

Rúa do Preguntoiro

Rúa do Preguntoiro / Compostela histórica

Tirando de retranca, haberá quen che conte que o nome desta rúa vén polo feito de que moitos peregrinos andan despistados preguntando pola Catedral. Esta explicación ten o seu encanto, mais a orixe toponímica desta rúa ten unha explicación histórica moito máis plausible. 

A Compostela chegaban infinidade de mercadorías e, como agora, había comerciantes pouco honestos que buscaban enriquecerse ilexitimamente inflando os prezos, e os peregrinos eran as principais "vítimas". Para evitar isto, que podía chegar a ser unha ameaza para a puxante economía compostelá, o arcebispo Xelmirez decidiu que os prezos oficiais dos distintos produtos, dende o viño ata as cunchas de vieira que acreditaban a peregrinación, foran anunciados públicamente, é dicir, pregoadas. O lugar elixido foi, precisamente, esta rúa do Preguntoiro, que facía esquina coa primeira Casa do Concello (na praza de Cervantes). Deste xeito, podemos afirmar que a toponimia desta vía vén de "pregoar" e non de "preguntar".

Rúa do Franco (Casco Histórico)

Rúa do Franco, en el casco histórico de Santiago de Compostela

A Rúa do Franco, no corazón da cidade vella de Santiago de Compostela / Jesús Prieto

Seguro que coñeces algunha persoa que veu facendo o Camiño de Santiago e decidiu quedar en Compostela. Esta historia vénse repetindo dende tempos medievais, e ten o seu reflexo directo nunha das rúas máis emblemáticas da Zona Vella: a rúa do Franco

Abonda dicir que non ten nada que ver con Francisco Franco, o ditador. A orixe é moito máis remota e humilde. Naqueles tempos, o Camiño era unha viaxe complicada e chea de perigos. Moitos peregrinos sabían que era só de ida. Algúns morrían polo camiño, outros ao chegar. E, co paso do tempo, tamén houbo quen se asentou nunha cidade que comezaba a medrar ao carón da peregrinación xacobea. Precisamente un destes peregrinos foi Bretenaldo, 'O Franco' (é dicir, o francés), que chegou do país galo e decidiu asentarse nun terreo moi achegado ao Locus Sanctii Iacobi (zona da Catedral protexida pola primeira muralla da cidade). 

Non deixa de ser curioso que Bretenaldo, un estranxeiro, sexa un dos primeiros veciños de Compostela. Somos unha cidade internacional dende a raíz!

Rúa de Carretas (Casco Histórico)

Rúa das Carretas

Rúa das Carretas / ECG

Sabías que, en tempos, Compostela tivo un hospital específico para "tullidos y mendigos"? Foi fundado no ano 1770, en tempos de peste e fame negra, polo empeño do arcebispo Bartolomé Rajoy y Losada. Nun contexto de gran mortalidade, estas persoas estaban practicamente condenadas e, ademais, elevaban o risco de contaxio. Deste xeito, coa creación do Hospital de Carretas, a cidade tiña unha ferramenta máis para mellorar a súa situación sanitaria e, ao mesmo tempo, cumprir co deber cristián de socorrer a quen máis o precisaba. 

Abonda dicir que os pacientes deste hospital tiñan grandes problemas de mobilidade. É por iso que moitos eran recollidos e levados ata o hospicio en numerosas carretas, que remataron por darlle nome á rúa. O edificio, moi reformado, é hoxe o Centro de Acollida ao Peregrino.

Virxe da Cerca (Casco Histórico)

Rúa da Virxe da Cerca

Rúa da Virxe da Cerca / Cedida

Non ten moito misterio a segunda parte do nome desta rúa que forma parte do anel que rodea a zona vella: a palabra "cerca" fai referencia xustamente a iso, á cerca. Esta rúa, que é hoxe unha das máis transitadas da capital galega, formaba parte do trazado da muralla da cidade, algo que se fai evidente mirando un mapa.

E a virxe? Efectivamente, había unha virxe nun nicho da cerca medieval. Co paso do tempo e a modernización da cidade, a fortificación perdeu a súa función e acabou por derruirse. Porén, a escultura pode verse hoxe na fachada do Colexio San Agustín, ao lado da Praza de Abastos.