Última xornada de folga do persoal de Correos fixo a xornada parcial do CTA de Lavacolla

O 90% dos traballadores secundaron a paro durante os catro días para rexeitar a situación de precariedade laboral que padecen

Concentración dos traballadores de Correos ás portas da oficina central de Correos na rúa do Franco

Concentración dos traballadores de Correos ás portas da oficina central de Correos na rúa do Franco / CIG

Arredor do 90% do persoal fixo de Correos a xornada parcial secundou as catro xornadas de folga convocadas ola CIG, CCOO, UGT e Sindicato Libre no Centro de Tratamento Automatizado (CTA) de Lavacolla, en Santiago, para denunciar a precariedade laboral que padecen como consecuencia de non poder acceder á xornada completa. Hoxe, último día de paro, desenvolveron unha concentración ás portas da oficina central de Correos na rúa do Franco, mentres que nas tres xornadas anteriores celebraron protestas diante do propio CTA.

Á folga sumáronse tamén de xeito solidario numerosos/as traballadores/as con contrato a xornada completa, polo que todas as quendas do centro se viron afectadas, non sendo posíbel levar a cabo a actividade normal do tratamento postal en ningunha delas. Xa que este colectivo, pese a traballar a xornada parcial, é chave na actividade do centro “para que todo chegue a destino, sen demora e en prazo”, tal e como salientan dende a CIG.

Durante as mobilizacións que tiveron lugar tanto diante do CTA como a desta mañá ás portas do edificio principal de Correos despregouse unha faixa na que se podía ler “Xornada parcial, ruína salarial” e berráronse consignas denunciando a situación dun persoal que non ten practicamente opcións de conseguir un emprego a xornada completa a pesar de levar máis de anos nese centro de traballo. Pola contra, as persoas de novo ingreso na empresa na próxima convocatoria de emprego de Correos gozarán de contratos fixos de xornada completa.

Ás portas do edificio principal de Correos despregouse unha faixa na que se podía ler “Xornada parcial, ruína salarial”

Ás portas do edificio principal de Correos despregouse unha faixa na que se podía ler “Xornada parcial, ruína salarial” / CIG

Segundo explican dende a central sindical, a Sociedade Estatal Correos e Telégrafos ten convocada unha oferta de emprego en distintas áreas de traballo cun total de 160 prazas na provincia da Coruña, das que 113 son a tempo completo. No que afecta ao CTA de Lavacolla, Correos ten asignadas practicamente todas as prazas de novo ingreso en xornada completa -que son un total de 34- para postos de Axente de Clasificación.

Precariedade laboral

Mais o persoal fixo na empresa, en xornadas de tempo parcial, ve limitadas as súas lexítimas opcións de poder mellorar as súas precarias condicións laborais porque “hai unha imposibilidade para poder acceder, nun tempo prudencial, a un posto de traballo a tempo completo”.

Consideran que, deste xeito, quedan abocados/as a unha situación de precariedade laboral, mentres que quen acceda de novo ingreso nesta nova convocatoria de consolidación de emprego gozará de contrato de traballo fixo pero con xornada completa.