Verea “non renuncia” á conexión do tren con Lavacolla e creará unha estación de mercadorías na Sionlla

Súmase á aposta pola xestión integral da auga porque “é unha débeda pendente coa veciñanza”

Imagen de archivo del aeropuerto Rosalía de Castro en Compostela

Imagen de archivo del aeropuerto Rosalía de Castro en Compostela / ECG

O candidato do Partido Popular (PP) á Alcaldía de Santiago, Borja Verea, aproveitou na mañá de onte o encontro para a sinatura da nova folla de ruta co Foro Cívico, na que participaron as catro formacións actualmente representadas no Pleno, para incidir en que Santiago non pode renunciar á conexión ferroviaria co aeroporto Rosalía de Castro-Lavacolla, incluído xa no Plan Xeral de 1989, e para o que hai reservado un espazo de 73.000 m2 porque isto permitiría “consolidar a industria existente na cidade”.

Seguindo coa cuestión ferroviaria, o candidato popular fixo tamén o anuncio de que se gaña as eleccións creará unha estación de mercadorías no polígono da Sionlla, e pide ao goberno central que realice un estudo da súa viabilidade.

Neste mesmo encontro, coas asociacións, institucións e colexios profesionais composteláns, Borja Verea explicou as súas propostas para o aparcamento do CHUS (Complexo Hospitalario Universitario de Santiago), a vivenda, o ciclo da auga, o turismo, a concesión de licenzas e a creación da oficina ‘SantiagoInviste’.

Ao respecto disto último, o candidato popular afirma que permitiría captar investimentos para crear emprego e negocio.

Canto ao aparcamento do Hospital Clínico, Verea propón unha solución integral para crear 2.000 prazas de estacionamento repartidas en catro pisos, aproveitando a pendente do terreo, nunha superficie total de 46.000 m2, o que permitiría eliminar o aparcamento en superficie e crear unha área peonil.

As solucións do candidato do PP á Alcaldía pasan tamén pola creación dun bono vivenda para mobilizar os edificios baleiros mediante incentivos aos propietarios, ademais de permitir a habilitación de vivendas en baixos comerciais e a flexibilización do plan especial e da normativa do casco histórico.

Canto á xestión do ciclo da auga, Verea considera que esta debe ser “integral” xa que é “unha débeda pendente coa veciñanza”. “Esta xestión quedou paralizada, a pesar de todas as prórrogas que tivo o actual contrato de abastecemento de auga, polo que empezarei a traballar para atopar unha solución que garanta este servizo público, cun modelo eficiente que renove e mellore a rede de saneamento e abastecemento, levándoa a zonas como o rural, onde aínda non existe”, explicou.

Verea tamén promete axilizar a concesión de licenzas e facer unha xestión e promoción de turismo de calidade, con “valor engadido”.