Ambiente de festa nos actos de peche de campaña de Compostela Aberta e BNG

María Rozas volveu reivindicar que “CA é o voto útil para garantir o futuro de Santiago en clave progresista” e Goretti Sanmartín afirmou estar preparada “para gobernar desde a Alcaldía”

Compostela Aberta celebrou a ‘Festa da alegría’ na Praza 8 de Marzo / JESÚS PRIETO

Compostela Aberta celebrou a ‘Festa da alegría’ na Praza 8 de Marzo / JESÚS PRIETO / J. T.

Compostela Aberta e BNG pecharon onte, nun ambiente de festa, a campaña electoral. Na Praza 8 de Marzo, María Rozas volveu reivindicar que “CA é o voto útil para garantir o futuro de Santiago en clave progresista, para termos unha Compostela que avanza con políticas verdadeiramente transformadoras, e para recuperar o orgullo de sermos picheleiras”. “Somos a única forza que ten claro como é o Santiago que queremos, que temos un proxecto para a nosa cidade, e que temos a capacidade de xestión e a valentía para levalo a cabo, da man de todos os veciños e veciñas”, afirmou a cabeza de lista de CA.

Ademais, apelou “ao voto de todas as persoas que se senten vítimas dunha estafa, dunha estafa que leva o nome de Bugallo; de todos os veciños e veciñas que confiaron en Compostela Aberta en 2019, porque demostramos que somos coherentes; e tamén daqueles que non nos votaron, que hoxe saben que as cousas non foron como llas contaron, e que reclaman unha honestidade que só nós lles podemos garantir”. A candidata á Alcaldía mostrouse convencida de que “Santiago precisa abrir unha nova etapa, necesita mirar cara o futuro con esperanza, necesita recuperar a súa vitalidade, o seu optimismo, o seu orgullo; e iso non o pode facer nin co PP nin con Bugallo”. Na festa de CA participou tamén Martiño Noriega, exalcalde de Santiago e número 25 da lista de CA.

Como peche de campaña, o BNG organizou unha foliada no CSC Maruxa e Coralia / J. PRIETO

Como peche de campaña, o BNG organizou unha foliada no CSC Maruxa e Coralia / J. PRIETO / J. T.

E tamén na última xornada de campaña, nun acto matinal no Obradoiro, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, arropou á candidata nacionalista á Alcaldía de Santiago, Goretti Sanmartín, e dixo que van “a por todas este 28-M para liderar a cidade”. “Este domingo Santiago vai facer historia e Goretti Sanmartín vai ser a próxima alcaldesa de Compostela, a primeira muller en coller o bastón de mando nesta cidade, abrindo un tempo novo, de ilusión e de futuro”, sinalou Pontón, antes de engadir que “Goretti vai ser a alcaldesa capaz de construír un Santiago en grande, un tempo novo para que a cidade se prepare para os grandes retos de presente e de futuro”.

E para iso, apelou ao voto de toda a veciñanza que quere cambio. “Votase o que votase noutras ocasións, este 28-M pídolle que sume no BNG, que concentren na candidatura de Goretti o voto das persoas que queren máis para Santiago, unha urbe máis habitable, máis pensada para as persoas, máis verde, con máis cultura, feminismo e inclusión, con máis oportunidades. Somos a garantía de que imos abrir un tempo novo de ilusión e de esperanza e imos deixar atrás a apatía destes últimos anos”, recalcou a portavoz nacional do BNG.

Pola súa parte, Sanmartín afirmou “estar preparada para gobernar desde a Alcaldía”, e lembrou que o Bloque xa obtivo un resultado extraordinario nas eleccións galegas nas que deu o sorpasso ao PSOE co dobre de votos. “Pedimos sumar no BNG fronte á decepción e a inercia para construír un goberno que teña as persoas no centro, para que non haxa cidadáns e cidadás de primeira e de segunda, para ter un Goberno que teña a co-participación como elemento fundamental das decisións, para conseguir unha profunda transformación urbana e para termos unha capital verde europea”, subliñou a candidata do BNG, que pechou a campaña cunha foliada no CSC Maruxa e Coralia.