Xosé A. Sánchez Bugallo, candidato por el PSdeG
O actual alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, preséntase o 28M á reelección. Nesta lexislatura, ademais de na Alcaldía, ten competencias en Promoción Económica, Emprego, Mercados e Comercio e é portavoz da Xunta de Goberno. A súa andanza na política local comezou en 1987 como concelleiro socialista á fronte de Deportes, Relacións Veciñais, Tráfico, Persoal e Facenda. Entre 1991 e 1999 foi tamén deputado provincial e, en 1998 accedeu por primeira vez á alcaldía compostelá, logo da renuncia de Xerardo Estevez. Goberno a cidade durante tres lexislaturas consecutivas e entre 2012 e 2016 foi deputado no Parlamento de Galicia. En 2019 volveu á política municipal e recuperou a alcaldía para o grupo socialista.
Borja Verea Fraiz, candidato do Partido Popular
O candidato dos populares á alcaldía compostelá, Borja Verea é Licenciado en Dereito polo Universidade de Deusto e doutor nesta materia pola USC. Na súa traxectoria profesional foi funcionario de Habilitación Nacional das subescalas de Intervención-Tesouraría e Secretaría-Intervención no Corpo Superior da Administración Xeral da Xunta de Galica. Entre 2015 e 2020 exerceu como secretario xeral técnico da Consellaría de Economía da Xunta, da que xa formara parte entre 2011 e 2015. Anteriormente desempeñou o cargo de subdirector xeral de Réxime Xurídico Local da Consellaría de Presidencia (2009-2011) e secretario-interventor no Concello do Saviñao (2007-2009).
Goretti Sanmartín Rey, candidata polo BNG
A candidata nacionalista preséntase por segunda vez á alcaldía de Compostela, logo da súa primeira candidatura nas eleccións de 2019. Profesora universitaria e doutora en Filoloxía Galego-Portuguesa, foi directora do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade. Dentro do BNG, Goretti Sanmartín foi responsable local da formación e vicepresidenta da Deputación da Coruña. Na actualidade, forma parte da Executiva Nacional do BNG.
María Rozas Pérez, candidata de Compostela Aberta
Licenciada en Ciencias Políticas pola USC, con mestrado en Extratexias, Axentes e Políticas de Cooperación ao Desenvolvemento por HEGOA. Dedicouse á consultoría de xestión económica e patrimonial para as Administracións Públicas e foi voluntaria en divesas ONGD's, até a súa chegada a Concellaría de Economía e Facenda de Santiago, entre 2015 e 2019. Unha vez rematada a lexislatura de goberno da súa formación, María Rozas volveu de novo ao Concello en 2020, exerzendo a portavocía da súa formación.
Luís Emilio Batallán González, candidato de Compromiso por Galicia
Coñecido como cantautor polo seu traballo Aí vén o maio, Luís Emilio Batallán é tamén médico, compositor e músico. Encabeza a candidatura de Compromiso por Galicia. Nunca ostentou cargo municipal máis lidera esta candidatura “pola súa “vocación de servizo público”.
Beatriz Cristina Estévez, candidata do Partido Galego
Avogada agora dedicada á docencia, Beatriz Cristina Estévez lidera a candidatura destoutro partido de nova formación, o Partido Galego, PG. É profesora titular de Lexislación do Centro Superior de Hostalaría de Galicia e non ostentou até agora cargo político.
Fernando Mayo, candidato de Vox
Doutor en Medicina e Diplomado en Enfermaría, o candidato de Vox á alcaldía de Santiago e especialista en Prevención de Riscos Laborais, Seguridade no Traballo e Medicina do Traballo. O candidato de Vox á alcaldía de Compostela defínese como “firme defensor da integración da saúde pública e privada” e nesta dirección creou en 2010 unha empresa de servizos de medicina de familia, laboral e enfermaría do traballo.
Ángel Jiménez Lavilla, candidato de Por e Para Santiago
O candidato deste partido veciñal, que tamén é presidente da formación, é empresario autónomo que traballou por moito tempo como xefe de obra e nunca ocupou un cargo político ao igual que o resto de membros desta formación de nova constitución. Na actualidade, Ángel Jiménez Lavilla é o presidente da Asociación de Veciños de Vista Alegre.