A Avogacía de Santiago premia o xuíz Alvariño e o traballo pola inclusión de Cogami

O maxistrado recibiu a Medalla de Ouro do colexio nos actos de San Raimundo de Peñafort

Anxo Queiruga, presidente de Cogami

Anxo Queiruga, presidente de Cogami / Cedida

O Colexio da Avogacía de Santiago recoñeceu onte o labor do xuíz José Vicente Alvariño Alejandro e da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade, nun acto no que conmemorou a festividade de San Raimundo de Peñafort, e ao que asistiron máis de 300 persoas na Facultade de Historia. A institución entregou a súa Medalla de Ouro a José Vicente Alvariño Alejandro, maxistrado do Xulgado Contencioso-Administrativo Núm. 2 de Santiago, mentres que o XIII Premio de Dereitos Humanos foi para Cogami, entidade que aglutina máis de 50 asociacións.

“Sempre defendemos o labor da avogacía en beneficio da sociedade, con servizos como a xustiza gratuíta, por iso a xornada de hoxe é tan especial, polas persoas e entidades que homenaxeamos”, asegurou Francisco Rabuñal, decano da Avogacía de Santiago. “José Vicente Alvariño deixa unha profunda pegada en toda a xustiza galega, unha traxectoria impecable de servizo público”, engadiu Rabuñal, que considerou “fundamental o traballo pola inclusión das persoas con algunha discapacidade” de Cogami.

O acto contou co alcalde, Xosé Sánchez Bugallo; o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, José María Gómez y Díaz-Castroverde; o Fiscal Superior de Galicia, Fernando Suanzes; o xuíz decano de Santiago, Andrés Lago Louro; o reitor da USC, Antonio López; a presidenta do Consello da Avogacía Galega, Lourdes Carballo, e Francisco Rabuñal.

Recibiron a insignia de ouro os colexiados con 40 anos de exercicio profesional, e Juan Cástor Vázquez recibiu un recoñecemento pola súa etapa como comisario do CNP en Santiago. O acto completouse coa entrega de diplomas aos colexiados con 25 anos de carreira, a xura ou promesa de novos letrados e un recoñecemento a Inmaculada López Domínguez pola súa xubilación como traballadora do Colexio da Avogacía Santiago.