Máis dun cento de compañías escénicas acercan a Compostela propostas para todos os públicos

Do 29 de maio ao 1 de xuño, Galicia Escena PRO busca favorecer a compravenda de espectáculos a profesionais e público en xeral

Participantes na presentación das liñas xenéricas da décima edición do festival Galicia Escena PRO

Participantes na presentación das liñas xenéricas da décima edición do festival Galicia Escena PRO / EP

A X edición da Feira de Artes Escénicas Galicia Escena PRO, organizado pola Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Industrias Culturais coa colaboración de Escena Galega, acollerá do 29 de maio ao 1 de xuño en Santiago máis de 180 axentes do sector co obxectivo de dinamizar a contratación dos espectáculos de produción galega, ademais de impulsar a súa proxección social. Polo momento, teñen confirmada a súa asistencia representantes de 75 feiras, festivais, circuítos e espazos culturais de dentro e fóra de Galicia e de máis de 100 compañías galegas e empresas de produción e distribución de teatro, danza e circo, sumando unha das maiores cifras de participación do evento.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, presentou onte as liñas xenéricas da programación deste ano que, ademais das actividades estritamente profesionais, volve abrirlle as portas ao público xeral para a asistencia gratuíta ás representacións dos espectáculos. Sutil, quen estivo acompañado polo presidente de Escena Galega, Santiago Cortegoso, explicou que a estrutura de Galicia Escena PRO segue poñendo o foco nas persoas responsables da programación cultural e demais axentes que exercen de mediadores entre artistas e espectadores.

A vindeira semana, Santiago recibirá a representantes de teatros, salas e auditorios públicos e privados, así como de feiras, circuítos e mostras galegos como do resto de España (MADferia de Madrid, festival Dansa Valéncia, FiraTàrrega de teatro de rúa, Fira del Circ de Catalunya, Teatro Gayarre de Pamplona, Teatre L’Artesà de El Prat de Llobregat, Circuito Estatal para Audiencias Escolares Audaces...), ademais de Portugal (FITEI do Porto, Feira Ibérica do Teatro de Fundao e Teatro Art’Imagen de Maia).

Sutil explicou que o equipo organizativo “optimizou cada unha das actividades propostas coa prioridade de apelar á interacción persoal e ao factor humano”. Neste sentido, volverá contarse co Centro Obra Social Abanca como sede profesional do encontro, onde haberá máis de 400 reunións de traballo entre programadores e representantes de compañías, produtoras e distribuidoras, xa concertadas a través da figura da “facilitadora”, papel que este ano desempeña Eva Triñanes.

Outro dos eixos centrais de Galicia Escena PRO é a difusión dos trinta espectáculos e proxectos galegos seleccionados, dos que 18 se representan en formato completo e outros 12 se compartirán exclusivamente cos profesionais acreditados nas dúas sesións de pitchings. A listaxe resultante conxuga compañías de longa traxectoria no panorama teatral galego con formacións emerxentes, así como espectáculos de distintas disciplinas e temáticas, tanto para o público adulto como para o familiar, que se atopan na primeira fase do seu percorrido polos escenarios.

Mantense, ademais, o intercambio co certame MADFeria de Madrid, a través do que Galicia Escena PRO recibe a compañía Inconstantes Teatro con Hasta que la muerte nos separe, mentres que a galega Colectivo Glovo actuará o vindeiro 16 de xuño nas Naves del Matadero coa peza de danza “Tabú”.

O Salón Teatro, o Teatro Principal, o Auditorio Abanca e a Fundación SGAE son os escenarios para as representacións dos espectáculos seleccionados, que se estenden así mesmo ás prazas de San Martiño Pinario e Mazarelos con varias propostas de rúa. Crisálida de Caramuxo Teatro, Vaivén de Marcia Vázquez, A nai de Amorodio Teatro, Hasta que la muerte nos separe de Inconstantes Teatro e Arraianos de Sarabela Teatro son algúns dos títulos que se exhibirán en pases completos, con acceso ao público xeral de balde e con previa retirada dos convites no Centro Obra Social Abanca.