Galicia Escena PRO ofrecerá 30 pases de espectáculos en Santiago

Función dos Arraianos, que participa na cita

Función dos Arraianos, que participa na cita / redacción

Redacción

Galicia Escena PRO, o mercado de artes escénicas promovido pola Xunta e organizado en colaboración coa asociación profesional do sector Escena Galega, desenvolverase do 29 de maio ao 1 de xuño en Santiago arredor dos 30 espectáculos e proxectos escollidos para configurar a edición do décimo aniversario deste evento. A partir da convocatoria aberta á que concorreron preto de 86 propostas, unha comisión de selección encargouse de configurar a escolma dos 18 títulos que levarán a cabo funcións en formato completo, así como os 12 proxectos que ocuparán as presentacións rápidas tipo ‘pitching’. A listaxe resultante combina a presenza de compañías de longa traxectoria no panorama teatral galego xunto con formacións de máis recente creación e espectáculos de distintas disciplinas que se atopan na primeira fase do seu percorrido polos escenarios. Tamén conviven nela o teatro de texto, a danza e o circo coas montaxes másis próximas ás novas linguaxes escénicas, tanto para público adulto como familiar. O Salón Teatro, o Teatro Principal, o Auditorio Abanca e outras localizacións ao aire libre serán os espazos principais que acollerán Galicia Escena PRO 2023.