Trescentos profesionais analizan como tratar a displasia epiletial ou a patoloxía ósea en medicina oral

Galicia ofrece amplo programa de saúde bucodental en Atención Primaria, cunha atención específica para nenos de 0 a 14 anos

Blanco, Cerero, Bugallo, López, Comesaña, Álvarez e Ramoa

Blanco, Cerero, Bugallo, López, Comesaña, Álvarez e Ramoa / Santiago Alvite (EP)

Trescentos expertos en medicina oral participan estes días no XVII Encontro da Sociedade Española e o XVIII da Academia Iberoamericana de Patoloxía e Medicina Oral, que se desenvolve ata este sábado na capital galega, e que están centrados na relación entre medicina oral e industria, a displasia epitelial ou a patoloxía ósea, analizando estes problemas bucodentais desde diferentes ópticas. Ademais das mesas redondas e sesións para a presentación de comunicacións e pósters, o congreso inclúe un obradoiro sobre Inxertos autólogos segundo a técnica de encofrado biolóxico, con Guillermo Escobar, e unha sesión clínico-patolóxica da man de José Manuel Aguirre Urizar (UPV) e Abel García García (USC).

O encontro foi inaugurado onte polo reitor da Universidade de Santiago, Antonio López, nun acto que contou coa presenza do decano da Facultade Medicina, Julián Álvarez Escudero; do presidente do comité organizador, Andrés Blanco Carrión; do presidente da Academia Iberoamericana de Patoloxía e Medicina Bucal, Fabio Ramoa Pires; da presidenta da Sociedade Española de Medicina Oral, Rocío Cerero Lapiedra; do conselleiro de Sanidade da Xunta, Julio García Comesaña, e do alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo.

Na súa intervención, o titular de Sanidade resaltou o programa de saúde bucodental en Atención Primaria co que conta Galicia, e do que sinalou que “é un dos máis amplos e completos de España”.

Explicou que xunto ás prestacións destinadas á poboación xeral, o programa galego abrangue dun xeito específico aos nenos de entre 0 e 14 anos de idade, así como ás embarazadas, ás persoas con diversidade funcional e aos pacientes con risco de cancro oral.

O programa se desenvolve a través de 93 unidades de saúde bucodental, que contan con máis de 90 odontólogos e máis de 90 hixienistas dentais.

Polo que respecta ao congreso sobre medicina oral de Santiago, Andrés Blanco Carrión (presidente), Pilar Gándara Vila (vicepresidenta), Eva Otero Rey (secretaria) e Manuel Somoza Martín (tesoureiro) encabezan o comité organizador dun evento que retoma nesta edición a asistencia presencial tras o parón provocado pola pandemia.

Entre os ponentes, cabe destacar a presenza do xefe de Oncoloxía Médica do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, o doutor Rafael López: así como a do catedrático de Medicina Legal e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, Ángel Carracedo, nun encontro no que os participantes puideron debatir e contrastar opinións sobre diferentes doenzas que están relacionadas coa saúde bucodental.