O PSdeG demora uns días máis a decisión de entrar ou non no goberno de Goretti Sanmartín

A líder do BNG local e a edil socialista Mercedes Rosón destacan a intensidade e a “cordialidade” durante a xuntanza, que foi moi “frutífera”

Edís electos do PSOE de Santiago negocian co BNG unha posible entrada no goberno municipal / EP

Edís electos do PSOE de Santiago negocian co BNG unha posible entrada no goberno municipal / EP / Ana Triñáns

Ana Triñáns

Proseguen os contactos das forzas de esquerdas para conformar o goberno municipal o vindeiro 17 de xuño. Nesta ocasión, a alcaldable Goretti Sanmartín, do Bloque Nacionalista Galego (BNG), e o seu equipo reuníronse no hotel NH Collection de Compostela co grupo socialista (Mercedes Rosón, Sindo Guinarte, Mila Castro e Gonzalo Muíños) para tratar de chegar a acordos sobre a entrada ou o apoio do PSdeG no Goberno local.

Ao mediodía de onte compareceron diante dos medios as líderes de cada formación, Goretti Sanmartín (BNG) e Mercedes Rosón (PSdeG), para explicar os resultados desta nova xuntanza e explicar que quedaron emprazadas para un novo encontro a comezos da próxima semana.

“Vimos de ter unha xuntanza co grupo socialista, que se desenvolveu con toda a cordialidade e onde avanzamos en temas que teñen que ver con problemas e cuestións relevantes para a cidade”, explicou Sanmartín, que tamén aclarou que “aínda non hai unha decisión por parte do Partido Socialista a respecto de se queren ou non entrar no goberno, mais nós seguimos, dende o BNG, con esa man tendida agardando a que tomen esa decisión, respectando os tempos doutras organizacións, como non pode ser doutra maneira”.

Nesta dirección, a concelleira de Acción Cultural en funcións, Mercedes Rosón, aclarou que “foi unha reunión moi frutífera, seguindo o que marcamos a semana pasada, porque os intereses de Compostela pasan polo programa, polos grandes retos que temos, polos compromisos e polos temas urxentes que hai que abordar nada máis empezar esta lexislatura”. Rosón recalcou a intensidade da reunión e o “frutífera” que resultou pero tamén aclarou que “tomar unha decisión desta embergadura non é tarefa fácil, somos paritarios en número de concelleiros, hai que atinar, afinar e chegar a un acordo que permita garantir os grandes retos que temos por diante”. E insistiu “no que dixen a semana pasada, o Partido Socialista de Compostela estará á altura das circunstancias sempre pensando na veciñanza”.

Pola súa parte, Goretti Sanmartín explicou que “non podemos ficar paradas e seguiremos traballando de aquí ao 17 para conformar ese goberno da maneira máis ampla posible, se o podemos ter amplo, estable, onde participe o Partido Socialista ademais de Compostela Aberta (CA), esa é a liña na que traballamos”.

Preguntanda por que agardaba a entrada do PSdeG no Goberno local, cando o BNG non o fixo na lexislatura que agora remata, Sanmartín aclarou que “como é evidente, hai unha diferenza numérica, antes era un goberno de dez o PSOE e dous o BNG e neste caso o goberno sería de seis a seis”. “Nós tamén entendemos que o goberno debe ser conxunto de todas as forzas da esquerda porque iso daríanos a oportunidade de ter maioría absoluta e, polo tanto, a ocasión de levar a cabo moitísimas máis cousas, a situación é diferente á de hai catro anos”, dixo.

Sobre se a vindeira semana o Partido Socialista tomará unha decisión, Mercedes Rosón explicou que trataban o tema “coa serenidade e co ritmo que cremos que é necesario e, polo tanto, imos pasiño a pasiño”. Sobre as recentes renuncias de Xosé Sánchez Bugallo e Xaquín Fernández Leiceaga, especialmente, foi preguntada tamén a aínda concelleira, que insistiu en que “foi unha decisión persoal que respectamos, como non pode ser doutra maneira, pero os que estamos adquirimos un compromiso coa cidade e temos que estar ás duras e ás maduras”.

Ao respecto de se as palabras do número tres do PSdeG ao renunciar á súa acta, Leiceaga, e se Rosón se sentira interpelada, a edil respondeu de forma contundente. “Non me sinto absolutamente en nada interpelada, non teño nada máis que dicir, remito á anterior resposta, cada un que apande co seu”, sentenciou. En canto a se o Partido Socialista estará disposto a entrar nun goberno con CA, Mercedes Rosón sinxelamente declarou que “neste momento estamos a falar con Goretti e co BNG”.

Por parte do Bloque Nacionalista, a súa líder Ana Pontón, tamén se pronunciou no día de onte sobre o Goberno local compostelán. Durante un almorzo informativo, Pontón explicitou que Santiago terá un goberno “sólido e forte” con Goretti Sanmartín á fronte e destacou que o BNG ten a man tendida a PSdeG e CA para formar goberno. “Temos a man tendida para que tanto o PSOE como Compostela Aberta se poidan integrar neste proceso”, subliñou para incidir en que “as negociacións teñen os seus ritmos, os seus prazos” e que estes deben de ser respectados.

Ana Pontón insistiu en que o pasado 28 de maio a cidadanía de Compostela apostou por “un goberno liderado polo Bloque Nacionalista Galego e a man tendida segue aí e o máis importante é mirar polo interese da cidade e poñer a Santiago de Compostela por diante”, apuntou.