Verea tacha de “esperpento” as negociacións entre BNG e CA

Borja Verea, candidato do PPdeG.

Borja Verea, candidato do PPdeG. / ECG

O presidente do Partido Popular de Santiago e candidato á alcaldía nas pasadas eleccións municipais do 28 de maio, Borja Verea, asegurou onte que a veciñanza “asiste atónita ao esperpento” que quere perpetrar a voceira do BNG (Bloque Nacionalista Galego)” porque “todo o mundo sabe que Santiago non votou un Goberno de BNG e CA (Compostela Aberta) e iso tamén o sabe a señora Sanmartín, quen aínda non foi quen de convencer aos seus socios, pero que segue adiante coa súa idea”, declaraba.

Verea, que se reivindica como gañador das municipais con 11 concelleiros e por ser a forza máis votada, aféalle a Goretti Sanmartín que na noite electoral se “autoproclamase” gañadora con só seis concelleiros, os mesmos que o Partido Socialista (PSdeG).

Verea manifestou que “é coñecedor de que a Lei permite esta situación tan surrealista pero o sentido común non”, remarcou. “Estou convencido de que esta falta de seriedade e responsabilidade terá as súas consecuencias”. A este respecto, Borja Verea comentou as negociacións que está a levar a cabo a líder do BNG local, Goretti Sanmartín, con PSdeG e CA. “A foto de Compostela Aberta, que perdeu un 60% dos seus apoios, pasando de 5 a 2 concelleiros, cunha perda de máis de 6.200 votos, coa voceira do BNG, ambas cun enorme sorriso, decidindo o futuro de Santiago, é a peor imaxe dun goberno de perdedores”, afirmou.

Verea reiterou que, contra as postulacións do “tripartito dos que perderon, a realidade é teimuda e non pode haber dúbida de que o PP se converteu na forza política máis votada na capital”.

Para o candidato á Alcaldía, acadouse unha vitoria aplastante sobre o resto de forzas políticas, xa que case o 40% dos santiagueses decidiron apostar polo seu partido que “duplicou en número de concelleiros á segunda forza política e subiron 8 puntos, o que sitúa ao PP ante un escenario excepcional onde a primeira forza practicamente duplique en edís á segunda”.