O PSOE reúnese o martes para abordar se participa no goberno municipal

O día 13 reunirase de novo o grupo socialista para tomar unha decisión sobre a posible entrada no goberno de coalición

Mercedes Rosón e Goretti Sanmartín durante as negociacións

Mercedes Rosón e Goretti Sanmartín durante as negociacións / REDACCIÓN

REDACCIÓN

Será finalmente a semana que vén cando se coñeza a decisión adoptada polo PSdeG acerca da súa participación no futuro goberno de Santiago. O martes reunirase de novo o grupo socialista para tomar unha decisión sobre a posible entrada no goberno de coalición. A xuntanza deste xoves entre ambos os dous partidos “desenvolveuse con toda a cordialidade e avanzamos en temas que teñen que ver con problemas e cuestións relevantes para a cidade”, explicaba Sanmartín ao remate da mesma. A portavoz do BNG tamén aclaraba que “aínda non hai unha decisión por parte do Partido Socialista a respecto de se queren ou non entrar no goberno, mais nós seguimos, dende o BNG, con esa man tendida agardando a que tomen esa decisión, respectando os tempos doutras organizacións, como non pode ser doutra maneira”. En todo caso, de non conseguir o pacto co PSOE, a nacionalista iniciará canto antes a configuración dun goberno con Compostela Aberta de cara a que poda comezar a traballar a partir do 17 de xuño.