Só tres dos 25 concelleiros da corporación non teñen en propiedade ningún ben inmoble

A máis cara é a casa que o líder popular Borja Verea posúe en Compostela, cun valor catastral de 239.213,37 euros

As máis modestas son as de Lestegás e Lueiro, 45.000 euros

Pazo de Raxoi en Santiago.

Pazo de Raxoi en Santiago. / ECG

O pasado 24 de xuño celebrouse no Concello o Pleno de organización, no que se decidiu entre outras cousas, a periodicidade das sesións plenarias, a composición das distintas comisións e o réxime de dedicacións exclusivas e parciais. Na devandita sesión tamén se estableceu o salario dos concelleiros con dedicacións exclusivas, 56.688.62 euros, o equivalente ao subgrupo A1 nivel 26 dos funcionarios municipais.

Polo momento aínda non están publicados no apartado de transparencia da web municipal os salarios reais, bruto e máis trienios, pero si as declaracións de “posible incompatibilidade e bens patrimoniais dos 25 edís que compoñen a Corporación municipal. Destacan o de Borja Verea (PP, Partido Popular), con dúas vivendas, unha en Santiago e a outra en Porto do Son, valoradas en 239.213,37 e 15.779,10 euros, respectivamente; e o nacionalista Xesús Domínguez, non tanto polo valor das propiedades senón polo número delas: un local comercial do que posúe o 100%, unha vivenda en Compostela e outra edificación no Grove, con participación do 50 e do 33,33%, respectivamente, así como 3 solares e 2 fincas herdadas, con participación sempre do 33,33%.

Pleno de aprobación de dedicaciones exclusivas

Pleno de aprobación de dedicaciones exclusivas

No polo oposto, en valor e cantidade de inmobles atópanse os concelleiros do BNG (Bloque Nacionalista Galego), Iago Lestegás e Pilar Lueiro, con propiedades por valor de pouco máis de 45.000 euros, no primeiro caso, e xustos no segundo. E tan só tres edís de toda a corporación non son titulares de ningunha propiedade inmble, é o caso de Xan Duro, concelleiro por CA (Compostela Aberta) e Adrián Villa e Nerea Barcia do PP.

A residencia da alcaldesa, Goretti Sanmartín (BNG), da que é titular ao 50% está valorada en 97.611,15 euros; mentres a primeira tenenta de alcaldesa, María Rozas (CA), é propietaria ao 100% de dúas vivendas, unha en Santiago e outra en Esteiro (Muros), por valor de 70.061,83 e 46.303 cada unha delas.

A segunda tenenta de alcaldesa, Miriam Louzao (BNG) ten en propiedade dúas vivendas ao 50%, cun valor aproximado de 98.000 euros; por detrás dela, Manuel César, do mesmo grupo, con dúas vivendas tamén, en Santiago e Vilagarcía de Arousa, cuns valores de arredor de 68.000 e 9.000 euros.

Finalmente, Mercedes Rosón (PSdeG, Partido Socialista), con propiedades en Compostela, Celeiro (Viveiro) e as Nogais, por valor de arredor de 97.000 euros a súa residencia santiaguesa, cun 25% de propiedade en Celeiro e co 100% dunha vivenda e dous soutos nas Nogais.

[object Object]

• 56.688.62 euros é o salario bruto anual da Alcaldesa e os concelleiros con dedicación exclusiva na Corporación local.

• 49.49 euros será o que perciba cada un e cada unha dos edís por trienio traballado.

• Sete son as dedicacións exclusivas do Goberno local, correspondentes á Alcaldía e a seis concelleiros delegados.

• Outras cinco exclusividades correspóndenlle a outros concelleiros da Corporación, catro delas ao Partido Popular e unha ao Partido Socialista.

• Un dos concelleiros delegados terá unha dedicación parcial, á que lle corresponderá o 80% dos 56.688,62 euros (45.350,89). Máis as retribucións e pagas extraordinarias, equivalentes ao grupo A1 e ao nivel 26.

• Outros dous concelleiros, neste caso do PSdeG, terán unha dedicación parcial, neste caso do 60%, polo tanto corresponderanlle 34.013.17 euros. Máis as retribucións e pagas extraordinarias, equivalentes ao grupo A1 e ao nivel 26.

Os maiores propietarios da oposición municipal

Máis alá do líder do PP, Borja Verea, os maiores propietarios entre os edís da oposición son os tamén populares, Borja Rubio e Evaristo Ben, e os socialistas e exconcelleiros Sindo Guinarte e Gonzalo Muíños.

Un piso en Santiago, unha casa no concello de Teo e outro piso na Coruña son as propiedades de Sindo Guinarte, das que participa ao 50% no caso dos pisos, tendo o de Santiago un valor de 129.000 euros, e ao 100% na vivenda de Teo, cun valor de 113.000 euros. O seguinte en valor da propiedade é o popular Borja Rubio, cunha vivenda valorada en arredor de 204.000 euros, propiedade da que ten unha porcentaxe do 50%.

Tamén con dúas propiedades, sitúase o seguinte no escalafón, o popular Evaristo Ben, cunha vivenda de valor catastral 114.000 euros participada ao 50%, e outra vivenda de 92.000 participada ao 100%. E por último, entre os concelleiros con propiedades de maior valor está o socialista Gonzalo Muíños, cunha vivenda da que é propietario ao 50% e que ten un valor de 112.000 euros.

O valor catastral das propiedades dos demais concelleiros, con máis dunha propiedade participadas ao 50 ou ao 100% oscila entre os 70.000 e os 100.000 euros. Finalmente, aqueles edís con tan só unha propiedade móvense entre os 50.000 e os 70.000 euros.