Chaián celebra a súa tradicional Festa do Escalo que este 2023 cumpre os corenta e sete anos

Dende as 8 da mañá disputouse o clásico Torneo de Pesca no río Tambre e pola tarde a terceira edición do Campionato de Chave

Os participantes na pesca reuníronse ás 8 da mañá / Cedida

Os participantes na pesca reuníronse ás 8 da mañá / Cedida / Ana Triñáns

Chaián celebrou onte a súa XLVII Festa do Escalo, un encontro no que aos concursos de pesca e chave se sumou a música de verbena e a gaiteirada. A Sociedad de Caza e Pesca La Venatoria, con 91 anos de historia, é a entidade que dende 2012 organiza este evento, en colaboración cos concellos das dúas beiras do río Tambre, Santiago e Trazo. Unha cita que habitualmente se encadra dentro da programación das Festas do Apóstolo e que este ano, por mor da cita electoral do próximo día 23, adiantou a celebración. Deporte, música, polbo e, en definitiva, festa popular coa que dalgún modo comezan as festas grandes da capital.

O torneo de pesca da Festa do Escalo contou cun total de 35 pescadores, que entre todos capturaron 37 quilos de peixe. Por categorías, os gañadores foron: por parellas José Luís Gómez e Diego Gómez, seguidos por José A. Chantada e Roi J. López e por Jesús Cea e Jesús Rodríguez; na categoría sénior o vencedor foi Ramón Andrade, ao que seguiron José M. Muíños e Álex Chicharro; na categoría feminina as vencedoras foron Susana García e, en segundo lugar, Sonia María Blanco; e na categoría xuvenil venceu Nahla Cabo, seguido por Nico Samuel Borja e Aarón Rodríguez.

O gañador da categoría sénior de pesca, Ramón Andrade, tamén se proclamou vencendor no Torneo Kías, ao pescar un total de 5,97 quilos de peixe.

Na xornada tamén se rendiu homenaxe aos pescadores / Cedida

Na xornada tamén se rendiu homenaxe aos pescadores / Cedida / Ana Triñáns

En canto ao Torneo de Chave, que este ano celebrou a súa terceira edición, os vencedores foronChema Camino e Lolo Rial, seguidos na segunda posición por Pepe Mera e Miguel Martínez e, en terceiro lugar, Fernando Abeijón e Manuel Pérez.

Pero non só houbo deporte, Tamén se reuniron os asistentes, a iso das 15 horas, para participar do xantar popular, no que, como non podía ser doutra maneira, non faltou o polbo, cociñado pola afamada Pulpería Guerra. Antes diso, o grupo de gaitas Os Viqueiras, de Ordes, púxolle música á sesión vermú, e o ritmo continuou a partir das 20 horas co grupo La Bamba.

Coma cada ano esta popular festa non esquece tampouco aos máis pequenos da casa, que por se non tiveran suficente coa fermosa contorna de Chaián e os paseos á beira do río tamén contaron con unha atracción hinchable, na que puideron xogar toda a tarde.

Na entrega de premios de todas as categorías contouse coa presenza de edís dos concellos de Santiago e Trazo. Dende Compostela achegáronse os concelleiros de Centros Socioculturais e Festas, Xan Duro e Pilar Lueiro; da formación socialista acudiu o seu portavoz, Gonzalo Muíños; e por parte dos populares acudiron Olalla Otero e Nerea Barcia. O Concello de Trazo estivo representado pola alcaldesa, Fina Suárez (PP), acompañada de José M. Juncal (PSdeG) e César Boquete (BNG), entre outros asistentes.