Investigadores seguen criticando a actual convocatoria da Xunta de axudas á etapa predoutoral

InvestiGal convoca unha mobilización en San Caetano, o 18 de agosto

Piden modificar as bases da convocatoria antes da publicación no DOG

Dous investigadores realizando traballos nun laboratorio da Universidade de Santiago

Dous investigadores realizando traballos nun laboratorio da Universidade de Santiago / XOÁN ÁLVAREZ

Tras a publicación hai unhas semanas da convocatoria das axudas á etapa predoutoral da Xunta de Galicia despois de meses de atraso, a asociación InvestiGal (Rede Galega pola Investigación) segue mostrando o seu descontento coa mesma polo que decide convocar unha mobilización en San Caetano para o vindeiro 18 de agosto, a partir das 12.00 horas, despois de presentar a semana pasada unha queixa ante a Valedora do Pobo. O obxectivo, din, é a “modificación inmediata das bases da actual convocatoria antes da súa publicación no DOG” e “a revisión e camiño cara un novo modelo, máis universal, máis dotado e estable nas seguintes convocatorias”.

Dende a asociación cren que se trata dunha “xestión pésima” e que “parte duns atrasos intolerables e deixa fóra a moitas persoas candidatas, desoíndo ás universidades e aplicando ademais criterios arbitrarios”.

A asociación declara a etapa predoutoral como “esencial non só na formación de persoal investigador, senón ademais como motor básico do traballo investigador”. A actual xestión por parte da administración, entenden que “limita a capacidade para acceder a estas axudas, actuando con criterios sen base algunha”.

A matrícula nun programa de doutoramento é o elemento esencial do conflicto. Desde a organización indican que “dita matrícula obriga a perder un ano para poder acceder a estas axudas, o que corta a actividade investigadora que xeralmente se realiza durante as etapas de mestrado”, sinala Investigal nun comunicado de prensa. En concreto, descríbena como “un criterio que se modifica para a tramitación sinxela, deixando a centos de candidatas fóra”, xa que dita matrícula pechou no pasado mes de febreiro.

En conversa con este medio, o secretario de InvestiGal, Hugo López Fernández, conta que xunto ás tres universidades galegas e á Asamblea de Investigadoras de Compostela (AIC) levan tempo pedindo sacar ese requerimento, pero “aínda que de momento estamos ante un borrador, non vai ser así”. Para López Fernández, esta medida “non beneficia a ninguén”, senón que provoca que moitos acaben desligándose do ambiente investigador ou continúen cos seus traballos sen posibilidade de sustento económico.

Outra cuestión coa que non están de acordo é co aumento da nota media para o acceso ás axudas que se está a producir ano tras ano. “Os criterios de nota aumentan. De por si, estes non se atopan directamente relacionados coa capacidade investigadora, o que fai que en outras convocatorias homólogas non existan. Con todo, a Xunta non só os mantén, senón que os endurece. Existen formas de computar estes dentro do proceso de selección, permitindo un acceso universal a competir polas axudas”, informan no comunicado. A isto, o secretario de InvestiGal engade que a nota media foi un criterio que sempre se tivo en conta pero o problema é que agora hai carreiras nas que “a media é moi esixente”.

Con todo, dende InvestiGal avogan por unha revisión integral. “A aposta pola investigación faise mediante o aumento do financiamento e non a reducción da formación investigadora apenas a unha cohorte en función do expediente”, ao que engaden: “Os criterios levan anos modificándose de ano a ano. Isto crea un clima de incertidume e impide axustarse ao perfil necesario, pois descoñéce cal vai ser o baremo polo que se nos valore. Debemos esixir á administración o mínimo: estabilidade, claridade e medios para realizar a labor investigadora”.

Os respectivos investigadores e investigadoras consideran que se non existe unha compensación económica en próximas convocatorias polo seu traballo previo, unha parte importante verase na obriga de abandonar a carreira investigadora ou realizala fóra.