Seis meses de atraso: as bolsas predoutorais da Xunta seguen pendentes de convocatoria

Decenas de investigadores de Santiago, co seu futuro laboral en suspenso á espera destas axudas

A Consellería achaca a situación ás imposicións do novo marco de regulación estatal tras a Lei de Ciencia

Sandra, estudante predoutoral pendente das axudas da Xunta, no laboratorio do grupo de Investigación Biomédica do CiMUS / jesús prieto

Sandra, estudante predoutoral pendente das axudas da Xunta, no laboratorio do grupo de Investigación Biomédica do CiMUS / jesús prieto / valeria pereiras /lorena rey

“É máis factible gañar o rosco de Pasapalabra que vivir da investigación”, afirmaba Fernando Castro, o concursante revelación de Santiago, no seu debut no programa. A percepción deste doutorando en Estatística e Xenética e investigador no Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS), compártena moitas persoas que agardan iniciar a súa carreira profesional neste eido sen poder acceder de momento a unha das axudas de apoio á etapa predoutoral. É o caso de Sandra, que rematou o grao en Farmacia no mes de xullo do ano pasado e forma parte do grupo de Investigación Biomédica do Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS). “En xuño xa deberiamos estar cobrando a bolsa da Xunta, que adoita saír convocada en xaneiro e resolverse en maio. Pero a estas alturas do calendario, sigo coa incerteza de saber se poderei continuar coa miña actividade investigadora”.

A Sandra contratouna o grupo que dirixe Román Pérez Fernández á espera de que se resolvan as bolsas predoutorais da Xunta. “O sistema obriga a que estean seis meses agardando, desde que rematan a carreira ou o máster, ata que sae a convocatoria en xaneiro ou principios de febreiro”, explica o catedrático de Medicina da USC. “Desta vez levan case un ano en suspenso. A Sandra fixémoslle un contrato que está en vigor desde o 1 de xaneiro deste ano, vinculado aos fondos propios do laboratorio procedentes das axudas do Ministerio de Ciencia e Innovación, o que supón retraer recursos de reactivos e experimentos para poder pagarlle un salario”.

Cada ano, a Secretaría Xeral de Universidades (SXU), dependente da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, convoca as chamadas axudas de apoio ás etapas pre e posdoutoral. Estas bolsas adoitan convocarse en xaneiro de maneira que, se se cumpren os prazos previstos, as persoas que resulten adxudicatarias comezan o seu contrato a inicios do curso académico. A Xunta vén de dar luz verde á convocatoria de posdoutorais (tanto de formación inicial como de continuidade) medio ano despois do que adoitan. No caso das predoutorais, aínda se descoñecen as bases para poder optar ás axudas de tres anos de duración que cobren os custos de contratación da persoa investigadora, así como os custos da matrícula do doutorado.

Con esta situación, hai xente coma no caso de Sandra que, rematado o grao ou o mestrado e presentado o TFM, comeza o doutoramento tendo que abonar a matrícula pagando este primeiro ano, en principio sen contrato, a non ser que consigan outra vía de financiamiento. Cóntao Julio Novoa, membro da Asemblea de Investigadoras de Compostela (AIC), quen xunto a Investigal leva anos reclamando á Xunta a necesidade de establecer un calendario de convocatorias estable e a consideración dos mesmos requisitos de acceso ao longo dos anos.

Xa o ano pasado houbera problemas para os contratos predoutorais, chegando a firmarse xa con retraso, en decembro. “Había xente que quedara na lista de agarda, que por diversos motivos e renuncias, dábanlle esa axuda pero esas persoas quedaron como catro ou cinco meses esperando á lista definitiva. Un prexuízo porque moitas delas tiveron que renunciar ao contrato que tiñan antes”, comenta Novoa a respecto do actual curso académico.

Desde AIC non teñen unha cifra de prexudicados, porque “tampouco sabemos exactamente nin cantas prazas se van convocar porque non temos nin o texto”. O ano pasado saíron sesenta destes postos predoutorais a repartir entre as tres universidades galegas, un terzo cada unha aproximadamente.

Recentemente, desde a AIC e InvestiGal, co apoio das Vicerreitorías de Investigación das universidades de Santiago, A Coruña e Vigo, enviaron unha carta ao secretario xeral de Universidades e ao Gain, para evitar que se esixa a matrícula de doutoramento para o acceso á convocatoria de axudas predoutorais da Xunta de Galicia de 2023, unha condición que conseguiran retirar o ano pasado. Consideran que esta obrigatoriedade é prexudicial para o colectivo investigador e trátase dun factor excluínte. Todos os anos, son moitas as persoas que se ven obrigadas a abonar un ano de matrícula dun programa de doutoramento para poder solicitar estas axudas, por teren que cumprir este requisito de estaren matriculadas no momento de presentación da solicitude, sinalan.

Dende a Consellería apuntan á nova lei estatal de Ciencia como causante do atraso. A preguntas de EL CORREO GALLEGO pola demora de medio ano na convocatoria, desde a Xunta alegan que a nova normativa, aprobada en setembro de 2022 —hai xa nove meses— “introduciu novidades na contratación de investigadores e no remate dos seus contratos, regulando o dereito á indemnización dos mesmos”. Por este motivo, din, as convocatorias de predoutorais e posdoutorais e os seus correspondentes contratos “están afectadas por estas novidades, polo que foi necesario analizar as repercusións orzamentarias e xurídicas destes cambios nas bases e convocatorias das axudas”.

Este atraso de seis meses por mor dunha adaptación legal non supón “que haxa ningún problema nin falta de compromiso”, aseguran desde o Goberno galego que afirma que “a Consellería está a traballar para convocalas canto antes para que estean antes do inicio do curso que vén”.

O departamento competente na materia asegura, así mesmo, que “este non é un tema novidoso. De feito, o secretario xeral de Universidades, xa a principio de ano (concretamente en febreiro) mantivo reunións cos representantes das asociacións de investigadores para explicarlles todos os detalles do procedemento”. Polo tanto, “é algo sabido tanto polas universidades como polos colectivos investigadores”.

CONVOCATORIA 2022

A contratación de persoal nas súas etapas iniciais constitúe a base para que, mediante procesos formativos estables, se adquiran as habilidades propias do persoal investigador, e ademais permite lograr que o sistema alcance unha dimensión dos seus recursos humanos de investigación comparable a outros países europeos.

No ano 2023 a convocatoria incorporou dúas novidades:

1. Aumentou a duración das axudas de tres a catro anos. Durante o cuarto ano da axuda pódese proseguir coa actividade predoutoral ou ben, lida a tese no terceiro ano, o contrato vixente pódese transformar nun contrato de capacitación para a formación posdoutoral.

2. A selección das persoas candidatas realizouse en dúas fases e non se esixiu o requisito de estar matriculado nun programa de doutoramento. Si debe existir un compromiso de matriculación da persoa candidata nun programa dunha universidade de Galicia.