Novos protocolos de atención para nais e neonatos nos partos por cesárea do CHUS

A Plataforma Loita reuniuse coa xerencia do Clínico nun encontro “moi positivo” que levou ao compromiso de implantar o ‘contacto pel con pel’ dende este mes de setembro

Reunicón da Plataforma Loita coa xerencia do CHUS

Reunicón da Plataforma Loita coa xerencia do CHUS / Jesús Prieto

Na mañá de onte reuníronse no Hospital Clínico de Santiago (CHUS), a xerencia do hospital coa Plataforma Loita, que vela polos dereitos de nenas, nenos e adolescentes. O obxectivo desta xuntanza, da que ambas partes extraeron un “resultado moi positivo”, era conseguir melloras nos protocolos de partos inducidos e cesáreas, coma o acompañamento da nai para o parto, o CPP (Contacto Pel con Pel) e tamén o acompañamento dos menores nas visitas médicas. 

Segundo explicou a este medio a presidenta da plataforma, Tamara Campos, na xuntaza estiveron presentes a xerenta do CHUS, Eloína Núñez, e varios profesionais, entre eles as xefas de enfermería, Victoria Carral, de obstetricia, Laura Souto, e as supervisoras da unidade de partos, Consuelo Vázquez e Patricia Peñas. Xunto a Campos tamén estivo Xoana Pintos, de Teta e Coliño e membro da plataforma.

“Estas profesionais xa levaban tempo querendo empezar coas cesáreas respectuosas”, conta Campos. “O compromiso é que o acompañamento e o ‘pel con pel’ sexan unha realidade xa neste mes de setembro”, asegurou. Dende o CHUS afirman que este novo protocolo posibilita o “acompañamento da nai ao nacemento mediante cesárea, de quen ela decida, durante todo o proceso, e a non separación en ningún momento do seu fillo, ao igual que xa se viña facendo no parto vaxinal, polo que se adianta o contacto pel con pel continuado co recén nado”.

Esta medida enmárcase no compromiso da xerencia da Área Sanitaria de Santiago e Barbanza por “adoptar actuacións encamiñadas á potenciar a atención de calidade ao parto e aos nacementos por cesárea en todas as etapas do proceso, dende a dilatación ata a recuperación da nai e o bebé”, segundo subliña a xerente do CHUS, Eloína Núñez.

Para implantar a dinámica do acompañamento en partos inducidos, partos por cesárea, o período é dun ano “para adaptación das áreas”, comenta Tamara Campos, posto que se precisa unha adaptación nas salas de reanimación. “Todo isto”, recalca Campos, “obviamente cando se trate de partos nos que non se corran perigos”. 

E así o refrendan dende o Hospital Clínico, “o novo protocolo de acompañamento está indicado nas cesáreas programadas que se realicen con anestesia loco-rexional nas que non se prevexan complicacións cirúrxicas”. Así mesmo, desde a xerencia do CHUS explican que este protocolo se introducirá en dúas fases: “cuns determinados criterios clínicos na primeira etapa, que se ampliarán nunha segunda fase a medida que se normalicen estas prácticas”.

Como xa comentaba a presidenta da Plataforma Loita, a implantación deste novo proceso é posible pola adaptación de espazos na área de paritorio e a reorganización, así como a adaptación e adquisición de material necesario para a súa posta en marcha. 

“Trala cesárea facilitarase inmediatamente o contacto pel con pel coa nai de forma continuada e na presenza do acompañante, xa que se ten habilitado un espazo na propia área de paritorio para o postparto que permite o seu acompañamento permanente ata a subida á habitación, sempre que o estado de saúde da nai e do bebé o permitan”, conclúen dende o Hospital Clínico.

Melloras tecnolóxicas

O servizo de prensa do Hospital Clínico, informaba tamén onte de que a Unidade de Traballo de Parto e Reanimación (UTPR) do Servizo de Obstetricia “acaba de incorporar, este verán, cinco novas camas que se instalaron no hospital grazas a un investimento de arredor de 78.000 euros. “Estas camas mellorarán a experiencia das pacientes durante todo o proceso de parto, favorecendo, tamén o labor dos profesionais do servizo de obstetricia”, aseguran. Segundo informan, o seu deseño é ergonómico e a súa tecnoloxía avanzada, “polo que se adapta ás necesidades específicas das mulleres durante o proceso de dilatación, o parto, a reanimación e o posparto”. 

Esta mellora vense a sumar á recente instalación de 11 novos ecógrafos nas consultas de xinecoloxía e obstetrica da área sanitaria compostelá adquiridos pola Xunta de Galicia, cun custe de 900.00 euros. Esta renovación e a ampliación tecnolóxica “permitirá unha importante mellora na capacidade de resolución das consultas” e “implicará grandes avances na capacidade diagnóstica de cada visita médica”.

A área sanitaria de Santiago asistiu unha media de cinco partos ao día no Hospital Clínico, durante o primeiro semestre do ano. En total, do 1 de xaneiro ao 11 de xullo, rexistráronse, no CHUS, 1.100 recén nados. A idade media das nais foi de 31,6 anos, descendendo un pouco ao respecto da idade media das nais o pasado ano 2022, cando fora de arredor dos 34,70 anos.