Festival Maré: máis de 25 de artistas recalan ata o domingo en Santiago

Esgotadas as entradas para o concerto de Amancio Prada e a Real Filharmonía de Galicia

A portuguesa Maro ou os burgaleses Fetén Fetén, tamén camiño do ‘sold out’

Amancio Prada e a Real Filharmonía de Gailcia durante un ensaio para a estrea, este mércores, da versión sinfónica dos 'Seis Poemas Galegos' de Federico García Lorca

Amancio Prada e a Real Filharmonía de Gailcia durante un ensaio para a estrea, este mércores, da versión sinfónica dos 'Seis Poemas Galegos' de Federico García Lorca / Ramón Feáns

B.C.

O Festival Maré de Artes e Músicas Atlánticas principia este mércores en Santiago. A actuación especial de Amancio Prada e a Real Filharmonía de Galicia, coa colaboración de Cantigas e Agarimos, abre o festival no Auditorio de Galicia. Prada estrea a versión sinfónica dos Seis Poemas Galegos, orquestados e dirixidos por David Fiuza, ao tempo que principia a conmemoración dos 50 anos do seu disco Vida e Morte con entradas esgotadas desde hai varios días. Outras actuacións, como a da popular cantante portuguesa Maro, o xoves 21 no Teatro Principal, van camiño tamén do sold out. 

O concepto do Maré, un evento afastado das grandes masas, onde o público pode gozar comodamente de músicas de calidade seleccionadas que supoñen un escaparate das tendencias de moitos países do mundo, xera grande expectación na cidade. A maioría das bandas apenas teñen actuado antes en Galicia e presentan en Maré os seus novos proxectos. É o caso dos cataláns Pol Batlle e Rita Payés, cantante cuxa popularidade se disparou ao actuar con C. Tangana nos últimos premios Goya, da afro-colombiana, considerada iniciadora do Pacific Sound, Nidia Góngora, ou das rompedoras irmás arxentinas que forman Fémina, e que actúan na Sala Riquela.

O concerto dos virtuosos burgaleses Fetén Fetén no Principal está a piques de completar o aforo, con grandes da música galega como Xosé Lois Romero, Guadi Galego ou Pedro Pascual entre os convidados. 

Outros artistas galegos como O Rabelo, a debutante Gloria Pavía co seu primeiro disco Flores novas, o folk de Maricarme ou a mestura de funk e hip-hop de Mundo Prestigio, fan tamén parte do cartel. Toda a información e as entradas, na web do festival: maré.gal.