Entrevista | José Porto Buceta Párroco de Santa María a Real do Sar

“As parroquias cristiás teñen que ter un compromiso social”

José Porto Buceta é, por mérito propio, unha institución no barrio e no concello

Defendeu e defende que non lle interesa a ideoloxía de quen vai a xunto del

José Porto Buceta, párroco do Sar

José Porto Buceta, párroco do Sar / Antonio Hernández Rios

O pasado martes 26 de setembro cumpríronse os 50 anos da chegada do párroco José Porto Buceta a Santa María a Real do Sar, un cura, unha persoa que é, por mérito propio, unha institución no barrio e tamén no concello (o Partido Socialista, PSOE, de Santiago vén de iniciar os trámites para nomealo fillo adoptivo da cidade). Aínda que el sempre fala en plural e en termos de comunidade, mostra tanta devoción pola súa parroquia coma os seus fregueses a amosan por el.

Hoxe, o barrio ao que non quería vir e co que traballou man con man para mellorar a vida, as infraestruturas e os servizos, réndelle homenaxe civil e relixoso, este último oficiado polo arcebispo Francisco Prieto. “Monseñor Ángel Suquia díxome que tiña que vir para o Sar, pero eu non quería”, afirma José Porto e reivindica que el entendía mellor unha parroquia rural sendo “fillo de labregos”, pero semanas despois da primeira conversa con Suquía e por máis que Porto insitía en que non quería vir para o Sar, o arcebispo despediuse coa frase: “Como me alegro de que quieras ir para la parroquia de Sar”. Ao que engadiu “si no va bien será error mío pero si va bien algún mérito tendré”.

José Porto Buceta quería celebrar os seus 50 anos no Sar cunha eucaristía, de modo máis ben privado, pero “o día menos pensado” viu o cartel da homenaxe que lle facía a parroquia. Algo que recibiu con agradecemento porque “teño moi claro que a miña vida ten que ser de servizo, e buscar o ben dos demais antes que o meu propio”. “Sempre tentei crear unha parroquia con sentido comunitario, con compromiso social”, algo que el asegura que se fai con naturalidade porque é o que “Deus che confiou”.

Defendeu e defende que non lle interesa a ideoloxía de quen vai a xunto del, “todas as personas temos parte de verdade e parte de mentira, porque nos equivocamos”. E asegura que máis alá da ideoloxía ou da profesión de quen se achega el ve, detrás da persoa, “a Xesucristo”.

Unha lección que lanza tamén o papa Francisco dende o Vaticano, “as parroquias fronteirizas”, entendidas coma aquelas nas que entran todos, tamén os migrantes, un dos colectivos que se favorece de creación de Cáritas, agora en colaboración co Banco de Alimentos de Santiago.

Ao párroco de Sar non lle importa tanto a crenza porque, simplemente, “se o que vén é católico e comulga, ben, e se é ateo tamén, coma se fora católico, porque senón caemos no que Cristo condena”. Cando san Ignacio de Antioquia ía camiño do martirio dixo “non vaiades ter a Deus moi cerca da boca e moi lonxe do corazón”. Porto Buceta asegura que na Igrexa teñen que medrar todos, “a cizaña e mais o trigo, esa separación xa a fará Deus cando chegue o momento”.

Afirma ter aprendido leccións “no camiño da vida”, como naquela época na que a heroína estaba por todos os barrios, na que atopou un mozo fregués “pinchándose” e parou a conversar con el, e deulle diñeiro sabendo que non o ía usar “para o que é debido” e conserva no recordo o agradecemento dese rapaz por “escoitalo”, e insiste en que o que hai que valorar é a “actitude da persoa, a esencia da vida cristiá, o amor, a entrega, eu teño que facer iso se é un beneficio para a maior parte da xente, senón non o fago, hai que estar metido no medio da xente e tratar de corrixir dende min”.

E con esta actitude revitalizou, nada máis chegar ao Sar, a gardería da Colexiata, que pasou de cinco rapaces a máis de 40 ao curso seguinte. E non só iso, senón que coa veciñanza organizou a Coral Polifónica, a Agrupación Folclórica e a de Acordeóns e pandeireteiras.

Don José Porto Buceta explica case toda a súa traxectoria como “unha casualidade” e diso non escapa a agrupación folclórica, porque “atopei uns traxes tradicionais” na Colexiata e decidiron achegarse até o obradoiro de Seivane e mercar unhas gaitas, bordar (el tamén) traxes rexionais e traballar porque a mocidade “non andase por aí zascandileando”. O éxito foi tal, que a Colexiata era o lugar no que “quedaba” toda unha xeración de 'picheleiros'.

E máis alá de todo isto a súa cifra de nenas e nenos na catequese é excepcional, 257 cativos no pasado curso dende os tres anos até os 15 e máis de 50 catequistas. “Na catequese hai tres piares fundamentais: pais, cativos e catequistas, o cura é como moito o cuarto elemento”. E non se corta á hora de amosar a súa “predilección” pola xente que imparte a catequese, porque é “un traballo voluntario, infunden valores, é unha cuestión fundamental”, asegura.

Lonxe da burocracia, coa que ten que cumprir porque é obriga, a José Porto Buceta gústalle confiar na palabra da xente

Lonxe da burocracia, coa que ten que cumprir porque é obriga, a José Porto Buceta gústalle confiar na palabra da xente e valora, sobre todo, que na súa igrexa son máis os pais que as nais os que acompañan as crianzas á catequese. “Os pais e nais fan un labor grande, porque traen os fillos”. E nesta liña defende que a misa, sendo a mesma, teña un ritmo distinto cando se trata da catequese e cando non.

Logo da súa viaxe a Angrois en Lambretta co seu antecesor na parroquia, a pesar de que “tiña claro que non quería ver unha moto nin en pintura porque xa caera dúas veces”, José Porto non parou de traballar e percorrer a parroquia, que cando el chegou abranguía tamén San Pedro e San Lázaro, para realizar ese traballo social que el entende que é o labor parroquial. Agora, cunha alcaldesa veciña da parroquia, el non disimula á hora de expresar as ganas que ten de toparse con ela para falarlle, da limpeza do río, “que é unha cloaca” e tamén do paradoxo, xa expresado ao anterior rexedor (Xosé Sánchez Bugallo), de crear pavillóns e parques infantís cando hai cada vez menos cativos e, sen embargo, esquecer a creación de espazos para a xente maior, “para que non estean cinco horas atontados diante da televisión”, afirma Porto Buceta. E neste punto refírese o parroco de Sar ao campo de fútbol, á posibilidade de cederllo ao Concello para facer un centro sociocultural, ademais da propia cancha, e mesmo levar para alí as festas. “Teño ganas de facerlle esta proposta á alcaldesa”, asegura José Porto Buceta, “non interesa a propiedade senón o uso da propiedade”.

O cura de Sar, sabe delegar, e por iso, dende a catequese até as agrupacións ou os obradoiros de manualidades poden funcionar, “cando eu desapareza”, e agarda o seu relevo como párroco do Sar, aos seus 83 anos, cun sacerdote “preferido” que agarda poida incorporarse dentro de pouco máis dun mes.