O PP de Santiago urxe ao bipartito solucións para os colexios afectados polas obras da Pastoriza

A presidenta da ANPA trasladoulle ao concelleiro Adrián Villa o escrito presentado en Raxoi para buscar solucións aos preto de 1.400 alumnos e alumnas

O edil popular cualificou de “bochornoso” que sexa a veciñanza quen teña que formular alternativas a “un goberno incapaz”.

Uno de los avisos del corte de la rúa Pastoriza por obras

Uno de los avisos del corte de la rúa Pastoriza por obras / Jesús Prieto

ECG

O concelleiro do PP de Santiago, Adrián Villa, logo de participar no Consello Escolar do Colexio La Salle, mantivo un encontro coa presidenta da ANPA, Montse Trillo, coa finalidade de tratar a problemática que están a causar as obras da Pastoriza aos preto de 1.400 alumnos e alumnas deste colexio.

A presidenta da ANPA, Montse Trillo, trasladoulle ao concelleiro os problemas que durante esta primeira semana ten causado o corte da rúa, que acumulou considerables retrasos na chegada dos alumnos, tanto nos que o fan en vehículo particular como no transporte escolar. Trillo aproveitou para tratar con Villa o escrito presentado e asinado pola propia ANPA, ao que se sumou a dirección do colexio. Neste, solicitan ao concello a presencia da policía local desde ás 8.30 horas durante o presente mes e desde as 9 horas a partir de outubro. Aínda que na actualidade se está a regular o tráfico coa presenza dos axentes, ANPA e colexio cren que é preciso adiantar a chegada dos efectivos para que poidan ordenar o tráfico desde a chegada dos vehículos e autobuses, non cando xa se están a colapsar os accesos ao propio centro. 

Por outra banda, tamén se ofrecen alternativas como a circulación provisional pola rúa de San Pedro, rúa Espírito Santo ou rúa dos Xasmíns, coa finalidade de que os vehículos particulares poidan facer breves paradas e así deixar e recoller os nenos e nenas nas inmediacións do colexio sen necesidade de acceder ata a rúa San Roque ou de Ramón del Valle Inclán. 

Villa indicou que as demandas realizadas pola entidade e pola ANPA “son lexítimas e teñen todo o sentido”. Así, o edil reprochou aos concelleiros de tráfico e obras a reunión informativa do pasado luns coa veciñanza da Almáciga. “Celebramos que dean explicacións, pero ademais da Almáciga está implicado un colexio con preto de 1.400 alumnos e alumnas como é La Salle, o colexio San Jorge e a veciñanza de San Roque, Basquiños, Estila e parte do casco histórico”, afirmou. 

Neste senso o edil criticou que “non son conscientes do trastorno que está a causar o corte desta rúa” engadindo que, polo de agora, non houbo días de chuvia, durante os que aumenta considerablemente a circulación de vehículos. “O caos vivido a semana pasada pode superarse ao longo dos vindeiros 3 meses. É insostible para a mobilidade da cidade”, indicaba Villa. 

Por último, o concelleiro trasladou todo o apoio á ANPA comprometéndose a facerlle seguimento a este escrito. “A día de onte o escrito presentado, que involucra a 1.400 familias non tiña resposta. Parece que non interesa”. En canto á solicitude das vías alternativas Adrián Villa tamén manifestou o seu apoio “máis que coherente” a un caos circulatorio ao que aínda lle quedan 3 meses por diante, aínda que puxo de manifesto o “bochorno” de que teña que ser a veciñanza quen plantexe solucións ante a incapacidade do goberno actual.