O corte ao tráfico da Pastoriza causa conxestións de vehículos na avenida de Coímbra e en Xoán XXIII

As obras retrasáronse do pasado xoves a este luns por mor do encontro de ministros de Economía celebrado na fin de semana

Atascos na confluencia entre a rúa Coímbra e a avenida Xoán XXIII

Atascos na confluencia entre a rúa Coímbra e a avenida Xoán XXIII / Antonio Hernández

Ao mediodía de onte, na confluencia entre a avenida de Coímbra e a avenida Xoán XXIII, era visible a conxestión circulatoria derivada das obras de mellora da Pastoriza, cortada ao tráfico dende este luns e cuxo tráfico se desviou por estas rúas, así como as liñas e paradas de buses urbanos que circulaban entre San Caetano e Santa Clara a través da rúa dos Basquiños.

Así comezaba a primeira das 12 semanas (tres meses) nas que está previsto que se finalicen as obras de mellora da mobilidade e da accesibilidade na área oeste do barrio da Almáciga, cunha importante conxestión de tráfico nas vías que conectan a cidade histórica, San Caetano e o campus norte. Vehículos particulares, transporte público e autobuses escolares obrigaron nas horas centrais do día a que a Policía Local dirixise o tráfico na zona. Unha situación que o concelleiro de Mobilidade, Xan Duro, considera que se resolveu “con relativa fluidez” grazas á actuación da Policía Local. Duro estima que son circunstancias normais no comezo dunhas obras e que todo se regulará “unha vez que a xente se afaga aos novos itinerarios”. Unhas rutas que só poderán mudar os vehículos particulares en función de cara a onde se dirixan, a concentración das liñas de buses non pode evitarse “xa que teñen que dar servizo a todas as paradas eliminadas”, explica Xan Duro, que recalca que desta maneira “tan só se perde unha parada, a da rúa dos Basquiños”, e séguese mantendo operativa a de Santa Clara.

Estas obras de mellora xa molestaron os negocios da Pastoriza antes de comezaren, por temor á perda de clientes (bares que se viron obrigados a retirar as terrazas) e complicacións cos servizos de reparto. Xan Duro afirma que dende o goberno “non podemos máis que desculparnos polas incomodidades que sempre supoñen as obras”, mais tamén apuntou que o Concello estará “vixiante” para se cumpra o prazo de tres meses na execución dunha obra que ten un orzamento de 331.735,79 euros e afecta unha área de 1.250 metros cadrados.

O obxectivo é recuperar esta rúa de entrada á cidade para o uso peonil, como acontecía antes de que a mediados do século pasado se convertese en travesía urbana. Neste sentido, tamén apunta que toda incomodidade “se verá compensada unha vez rematados os traballos tal e como vai quedar a rúa”.

As obras, previstas para o pasado xoves día 14, adiáronse até o luns por recomendación dos corpos de seguridade da cidade ante a chegada á capital dos ministros de Economía da UE (Unión Europea), Latinoamérica e Caribe para participar no encontro informal Ecofin.