Unha xuntanza “cordial e produtiva”

Rueda accede a instaurar a taxa turística só en Santiago pero pide un estudo detallado

Antes de que remate o ano revisaranse as contas do Estatuto de capitalidade

O plan de mobilidade do Clínico estudarase nuns días

O presidente da Xunta e a alcaldesa de Santiago durante a reunión

O presidente da Xunta e a alcaldesa de Santiago durante a reunión / Jesús Prieto

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reuníronse este luns en San Caetano para tratar temas como a taxa turística, o Estatuto de capitalidade, a vivenda baleira e pública e o saneamento do rural compostelán, entre outros temas, nunha xuntanza que a alcaldesa definiu como “cordial e produtiva”, algo no que coincidiu tamén o presidente da Xunta.

No referido á implantación dun imposto sobre estadías turísticas, Xunta e goberno local chegaron ao acordo de crear unha habilitación especial para o concello de Santiago, e non, como pedía Raxoi, para todos os concellos galegos. Así as cousas a Xunta queda á espera dun “estudo máis detallado, argumentado” por parte do goberno local, comentaba Alfonso Rueda, con cifras de “afluencia turística, taxas medias de ocupación que ten Santiago todo o ano e en momentos determinados” para a realización desa “habilitación especial” que recadará directamente o concello e que, como condición da Xunta, terá que “destinar o cento por cento do recadado ao que ten que ver con finalidades eminentemente turísticas”, explicou Rueda, e non o 20% que solicitaban inicialmente dende o Pazo de Raxoi.

O presidente da Xunta tamén quixo recalcar a necesidade de dar conta á cidadanía e aos profesionais do turismo de Santiago de Compostela sobre en que vai consistir esa taxa turística porque percibiu “unha certa desinformación” ao respecto. Xunta e concello acordaron que este estudo poderá realizarse ao abeiro do Plan de Sustentabilidade Turística de Santiago, dotado de 3 millóns de euros, que se vai prorrogar pola súa baixa execución e que implica as tres administracións (local, autonómica e estatal).

Preguntada polos prazos para poder implementar esta taxa turística, tendo en conta tamén os procedementos parlamentarios, a alcaldesa Goretti Sanmartín asegurou que de “facerse con axilidade” podería implementarse “ao longo do próximo ano, porque ese procedemento parlamentar pode ser abreviado e rápido, estou segura”, remarcou. Máis a confianza da alcaldesa de Santiago na implementación desta taxa diferiu un tanto das palabras do presidente Alfonso Rueda, que non quixo dar nada por sentado mentres o concello compostelán non achegue ese estudo “detallado”.

Estatuto de capitalidade

A revisión da achega que fai a Xunta de Galicia a Compostela como capital da comunidade foi outro dos temas estrela do encontro e dos últimos días na cidade. Alfonso Rueda explicou que lle reclamou a Goretti Sanmartín que tivesen coñecemento do último estudo encargado polo concello a través dos medios de comunicación. O acordo ao que se chegou será o de debatelo no Consello da Capitalidade, antes de que finalice o ano, para posteriormente poñer enriba da mesa as cifras que estimen o Concello e a Xunta. Sobre este último punto o presidente Alfonso Rueda non quixo adiantar ningunha cifra inicial.

“A intención é que se incremente a cantidade que se reciba a partir de 2025”, explicaba Sanmartín, que destacaba a intención do presidente da Xunta que “esa cantidade que se consensúe para o Estatuto de capitalidade que poida ter un certo carácter retroactivo e que se aplique a 2024”. Arredor deste incremento, Sanmartín quixo destacar que xa hai outro estudo “de hai anos, que fixaba a cantidade en 5,5 millóns de euros, polo que entendo que ese incremento se pode dar por feito” e insistiu en que é “a cantidade máis baixa das que se dá a outras cidades do Estado por este concepto”.

Acordos sobre mobilidade

Outro dos temas chave tratados na xuntanza entre a alcaldesa e o presidente da Xunta foi o Plan de Mobilidade para o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), para o cal se puxo en coñecemento do goberno local en que consiste este plan, para que poida ser estudado e que colabore tamén o Concello nesta obra de ampliación para a que o goberno autonómico fixo un investimento de 73 millóns de euros. Un Plan de Mobilidade para o cal se reunirán a próxima semana os técnicos de Concello e Xunta para ver cales son “as necesidades e as obrigas de cada administración e a proposta que fará a Xunta como lle facemos a outros concellos nos que estamos a realizar obras”.

Ademais, tal e como informou o presidente da Xunta, durante o encontro avaliouse o problema de falta de taxis que sofre Santiago en momentos puntuais de gran afluencia turística. Alfonso Rueda confirmou que o concello vai solicitar máis licenzas definitivas de taxi e que a Xunta avaliará esta solicitude e “se está argumentada tecnicamente” dará luz verde a incrementar o número deste tipo de licenzas en Santiago con carácter estable xa que o ratio por habitantes xa está “sobrepasado”. En canto a mobilidade, o presidente da Xunta preguntou á alcadesa se tiña novidades sobre a chegada da alta velocidade a Galicia, máis aló do que se coñece a través dos medios de comunicación e lamentou “o incumprimento de prazos, a lixeireza e a inconcreción do goberno central”.

Vivenda baleira e pública

O tema a vivenda foi outra das cuestións chave propostas pola alcaldesa de Santiago na xuntanza co presidente da Xunta. Segundo explicaba en roda de prensa Goretti Sanmartín, “a nivel normativo acordouse que na lei dos orzamentos puidese haber unha definición de vivenda baleira coa intención de que se facilite un plan de dinamización das máis de 6.000 vivendas baleiras que hai agora en Santiago de Compostela”.

En canto á vivenda pública, dende a Xunta fíxose a proposta de intercambiar a parcela da que é titular a administraciión autonómica en Xoán XXIII por outra xa que, en palabras do presidente da Xunta, “presentaba problemas técnicos”, xa que non pode destinarse a ese uso segundo o PXOM (Plan Xeral de Ordenamento Municipal), polo que o Concello estudará a proposta doutros solares municipais como poden ser os do Restollal, Volta do Castro ou San Lázaro.

“Xa poñiamos enriba da mesa que para poder facer vivenda pública o Concello poñerá a disposición da Xunta de Galicia os solares que agora están dispoñibles”. Por iso a alcadesa destacou que “non podemos perder a oportunidade de que haxa vivenda de protección en Santiago”, xa que recordou que hai máis de 800 persoas en agarda de poder adquirir este tipo de vivendas.

Ao respecto o presidente da Xunta comentou que hai 270 vivendas públicas na cidade, lembrou que se están a construíndo agora 24 máis e que se prevé a licitación de 36 vivendas máis proximamente.

A conclusión final de Goretti Sanmartín foi a de estar “medianamente satisfeita”, anque tamén lamentou que “reclamacións históricas” como pode ser o Conservatorio de Danza ou o Centro de Saúde de Conxo non chegaran a un bo acordo. Aínda así destacou a boa acollida do presidente da Xunta á maior parte das propostas.

Pola súa parte, Alfonso Rueda tamén destacou que se chegara a “acordos importantes” por parte de “dous gobernos responsables independentemente das cores políticas”. En relación coas palabras de Borja Verea sobre a actitude “macarra” da alcaldesa de Santiago, o presidente da Xunta fixo referencia a que “unha cousa é a rivalidade política que pode haber na contorna municipal” e outra o entendemento entre distintas administracións.

Outras temáticas chaves da reunión

Disposición para subir a aportación ao Consorcio

A Xunta podería aumentar á súa aportación ao Consorcio de Santiago, pero vincula este incremento a unha negociación co Estado para que tamén incremente as partidas. A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, pediulle a Rueda máis cartos para un ente que é vital para o mantemento de edificios monumentais ou inmobles como o Palacio de Congresos o Multiusos do Sar ou a Escola de Altos Estudos Musicais. Actualmente o o orzamento xeral do Consorcio da Cidade de Santiago ascende en 2023 a 9, 6 millóns de euros. Pero en 2021 as administracións comprometeron investir 200 millóns de euros nos próximos 11 anos, a unha media de 18 millóns por ano. “Isto supón duplicar as achegas que se fan actualmente”, recalca o Concello na documentación entregada en San Caetano. Raxoi tamén explica que dende 2015 os orzamentos mantense no entorno dos 9 millóns de euros, o que “á vista das subidas salariais do persoal e dos custos de materiais, aprovisionamentos e servizos, supón unha perda de capacidade de investimento de entre o 15 e o 20 % nestes 9 anos”.

Nin nova Escola de Idiomas nin conservatorio de danza

O achegamento de posturas entre ambas administracións en infraestruturas e equipamentos na cidade podería calificarse de máis ben escaso, xa que de entre as múltiples demandas requeridas por Raxoi neste capítulo únicamente Rueda amosouse favorable sobre a nova escola infantil no barrio de Santa Marta, e abriuse a considerar a ampliación do conservatorio profesional de música. Unha opción que en cambio o presidente da Xunta desestimou con respecto á posibilidade de dotar dunha nova sede á Escola Oficial de Idiomas, que leva casi dúas décadas de forma provisional en Vite, e que o Concello consideraba que podería trasladarse aos edificios das facultades de Ciencias da Educación e de Enfermería da USC. O Goberno autonómico tampouco contempla por agora a creación dun conservatorio profesional de danza que apoian máis de 5.000 sinaturas, segundo Raxoi. E o mesmo sucede con infraestruturas de carácter sanitario como a creación dun centro de saúde en Conxo e un centro de día en Fontiñas. Rueda si que respondeu afirmativamente á proposta de crear unha Cidade da raqueta.

O parque comarcal de Bombeiros activarase

Rueda comprometeuse onte a activar o acordo, comprometido no 2022, para a comarcalización do parque de Bombeiros de Santiago que pide o Concello de Santiago. Sanmartín puxo sobre a mesa que o novo parque deberá contar cos recursos e a capacidade suficientes para a prestación do servizo contra incendios e salvamento dentro do ámbito territorial municipal e, ademais, estendelos ao resto de municipios da contorna: Ames, Brión, Teo, Vedra, Boqueixón, Val do Dubra, Oroso, O Pino e Trazo. “O borrador do acordo prevía unha achega aproximada de 1.000.000 € por parte da Xunta e outro tanto por parte da Deputación da Coruña, asumindo o Concello de Santiago a prestación co cadro de persoal actual”, indica Raxoi. “Tendo en conta que a fórmula prevista, a través do aumento da xornada compensado como horas extras, excede das limitacións legais e non garante unha adecuada calidade da prestación, as tres administracións deben defender conxuntamente a consideración deste parque como un novo servizo para o que atinxe aos límites da taxa de reposición de efectivos”, indica.

Compromiso para mellorar o saneamento no rural

Un informe municipal elaborado en 2021, con base nos datos de diferentes estudos e nos proxectos xa deseñados, sitúa os investimentos necesarios para dotar dos servizos básicos de abastecemento e saneamento no territorio rural de Compostela en 49 millóns de euros, dos cales 19 millóns se inclúen nas actuacións prioritarias. Sanmartín pediulle onte a Rueda máis investimento por parte da Xunta para acometer as obras necesarias. Máis aló do urxente, Raxoi indica que serían precisos uns 160 millóns de euros para mellorar as redes existentes e que o Concello non ten suficiente capacidade financieira para para poder asumir estes custes. O presidente da Xunta, recordou na rolda de prensa posterior ao encontro, os investimentos que en materia de saneamento realiza periódicamente a administración autonómica. Ainda que non deu ningunha cifra concreta de investimento para Santiago nos próximos anos, Rueda sí se comprometeu a seguir traballando para mellorar o abastecemento e saneamento de augas na capital galega.

Negativa a inxectar máis fondos para a EDAR

A alcaldesa de Santiago recibiu un non por resposta a súa reclamación de que a Xunta puxese máis cartos enriba da mesa para o financiamento da nova estación depuradora de augas residuais (EDAR) de Santiago. ACUAES vén de licitar o contrato de execución das obras da nova estación depuradora da Silvouta cun orzamento de 53, 9 millóns (IVE excluído), o que incrementa os custos da obra a respecto da licitación inicial de 46,4 millóns de euros, que se resolveu polo incremento de custos e outras cuestións. A achega da Xunta quedou fixada no convenio asinado 5 de febreiro de 2021 en 10,8 millóns de euros e non se alterou malia estes sobrecustos. “Tendo en conta a revisión dos prezos á alza, non parece lóxico que a achega da Xunta de Galicia permaneza conxelada mentres o Concello debe afrontar todos os sobrecustos que se produciron”, recrimina Raxoi. Sanmartín pediu que a Administración galega incrementase a súa partida de xeito “equitativo e proporcionado ao investimento que van realizar tamén o Concello de Santiago e o Ministerio para a Transición”.

A Xunta non aportará máis cartos para axuda no fogar

A administración galega non pensa incrementar a súa aportación para sufragar o Servizo de Axuda no Fogar (SAF). En 2024 a achega por parte da Xunta por cada hora efectiva de atención será dun máximo de 12,00 euros/hora na modalidade de dependencia. Segundo os cálculos do departamento municipal de Servizos Sociais o custo por hora do próximo contrato poderá alcanzar os 25 €/hora. “Isto significa que o financiamento da Xunta para 2024 estará moi por baixo da porcentaxe actual que cobre o 55,77 % do servizo”, recrimina o Concello. A alcaldesa tamén recibiu a negativa da Xunta para incrementar a achega económica para o servizo dos comedores escolares. Segundo o Concello, a administración autónomica paga 0,50 euros por usuario e a local 0,81 pese a que a competencia é da Xunta. Rueda si se comprometeu a integrar no Servizo Galego de Saude á Unidade de Drogodependencias, UMAD. Sanmartín lembroulle que o Concello asume a xestión de forma impropia e resulta urxente o traspaso dado que atende a persoas de toda a comarca.