Mobilidade

Xan Duro: “Non entendo por que 20 prazas son unha solución e 575 non o son”

A ANPA do Pío XII non descarta “acometer as medidas oportunas de presión necesarias”

O concelleiro, durante a rolda de prensa

O concelleiro, durante a rolda de prensa / Concello

O concelleiro de Mobilidade, Xan Duro, expresouse unha vez máis sobre as protestas da ANPA do colexio Pío XII ao consideraren que a oferta municipal de dispor de praza de aparcamento gratuíta en Galeras por un máximo de 25 minutos non resolve os seus problemas ás hora de entrada e saída do centro escolar.

Ante a reivindicación da ANPA que solicita eliminar 20 prazas de aparcamento na avenida das Burgas para que poidan ser utilizadas para deixar e recoller os cativos, Xan Duro asegurou “non entendo por que 20 prazas son unha solución e 575 non” e engadiu que “bastantes colexios en Santiago estarían encantados de ter esas cincocentas prazas para poder aparcar”.

Por parte da ANPA do Pío XII, reunida de urxencia onte á tarde, emitiuse un comunicado no que se explicaba que as medidas do Concello “crean un problema na mobilidade cotiá da contorna do centro escolar nas horas de acceso do alumnado” para engadir que “a postura do goberno local manifesta unha total falta de sensibilidade polas formas”. “De persistir a negativa do goberno actual a dialogar e negociar propostas razoables, esta asociación valorará acometer as medidas oportunas de presión necesarias para defender unha agresión inxustificada por parte do concelleiro Xan Duro”, denuncian.

O edil de Mobilidade informou de que na xuntanza do pasado mes de xullo se advertiu que a proposta da ANPA era inviable, “hai traballadores no Ensanche que necesitan deixar o coche, por iso a medida que propoñen é inviable”, afirmou, “temos que entender que o espazo público é escaso e o Concello ten que optimizalo”.