Continúa o desencontro da ANPA do Pío XII coa concellaría de Mobilidade

Piden un aparcamento disuasorio máis próximo ao centro de ensino que Galeras

“Non se precisa máis tempo de aparcamento senón ter en conta o que leva ir dende alí ata o colexio”, Borja Suárez (ANPA Pío XII)

As familias do colexio Pío XII buscan solucións alternativas ao aparcamento de Galeras

As familias do colexio Pío XII buscan solucións alternativas ao aparcamento de Galeras / Jesús Prieto

A finais da pasada semana saltaba a noticia do ofrecemento do Concello para as ANPA dos colexios Raíña Fabiola e Pío XII mentres duren as obras de humanización do campus sur. Dende a concellaría de Mobilidade poñíase a disposición dos pais e nais de maneira gratuíta do aparcamento de Galeras, durante 15 minutos, para a entrada e saída dos colexios. 

Unha medida que non compracía as ANPA e que este luns se ampliou dez minutos máis, ata os 25 minutos gratis no citado aparcadoiro, que tampouco conta co apoio da ANPA do Pío XII, que manifesta que o que se precisa non é “máis tempo no aparcadoiro, senón ter en conta o que leva ir dende alí ao colexio, cando hai pais que dispoñen de moi pouco tempo”, precisa Borja Suárez, presidente da ANPA do Pío XII.

Esta asociación, que hoxe se reúne de urxencia para informar a toda a comunidade do centro, insiste nas súas propostas á concellaría de Mobilidade de habilitar un aparcamento disuasorio en zonas próximas a Alameda e aos centros de ensino.

“Propuxemos habilitar aparcamentos na zona azul que hai próxima as escaleiras de baixada da Alameda”, explica Suárez, “algo que o concelleiro Xan Duro veu inviable, a pesar de que nós falamos de facer un uso puntual desa zona para a chegada e saída dos colexios”. Outra das propostas, comentada no seu día co edil socialista Gonzalo Muíños, foi segundo conta Borja Suárez, a de usar un carril da avenida das Burgas como aparcamento disuasorio en batería”, unha solución que a nova concellaría non valora.

O certo é que coas obras xa empezadas non era posible este luns que ningún pai ou nai do colexio Pío XII puidese facer uso do aparcamento de Galeras, xa que para iso é preciso presentar un xustificante de ser usuario do centro en cuestión, un documento que debe expedir a dirección do colexio, e que non foi posible conseguir con tanta premura.

Sobre a falta de diálogo do Concello co centro pronunciábanse tamén onte os edís do Partido Popular Borja Rubio e Adrián Villa. Logo de coñecer a decisión do goberno nacionalista no referente ao aparcamento do colexio Pío XII, Borja Rubio considera que “a medida do parking de Galeras, lonxe de ser unha solución para as familias, mostra a falla de escoita e diálogo do goberno”, posto que esta comunidade educativa ten solicitado que se habilite un dos carrís da Avenida das Burgas durante o horario de entrada e saída ao centro. Pola súa parte, Adrián Villa insistiu en que, se vai crear outro “caos circulatorio”, xa que “nas franxas de entrada e saída ao Pío XII e Raíña Fabiola, vanse formar colas de coches que van obstaculizar a circulación pola rúa das Galeras”. 

“Parece que o goberno non é consciente das obras e desvíos que fan”, denunciaba Adrián Villa en referencia ao corte temporal de Cruceiro do Galo, ás anunciadas obras na rúa do Pombal, aínda non adxudicadas, e á apertura ao tráfico por Xoán XXIII por mor das obras que se están a acometer na zona da Pastoriza ás que se suma agora a humanización do campus sur.