Sica Romero, Brenda Navarro e Nell Leyshon, gañadoras do Premio San Clemente de Novela

Foron as escritoras elixidas por un xurado formado por estudantes de bacharelato na modalidade de lingua galega, española e estranxeira 

Lectura do fallo do xurado na vixésimo sétima edición do Premio San Clemente de Novela, no IESRosalía de Castro

Lectura do fallo do xurado na vixésimo sétima edición do Premio San Clemente de Novela, no IESRosalía de Castro / Cedida

Sica Romero, en lingua galega; Brenda Navarro, en lingua española; e Nell Leyshon, en lingua estranxeira foron as gañadoras do Premio Literario San Clemente na súa vixésimo sétima edición, onde o xurado está formado por alumnado de segundo de Bacharelato de unha decena de institutos tanto galegos como de fóra. 

O fallo dos xurados, emitido onte onte no IES Rosalía de Castro, como instituto organizador, contou coa participación das voceiras escollidas polos respectivos xurados, así como do secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García; do director do IES Plurilingüe Rosalía de Castro, Xabier Mouriño, e do presidente da Asociación Cultural Instituto Rosalía de Castro e antigo director deste centro compostelá, Ubaldo Rueda. 

Na categoría de novela en galego o título premiado foi Avelaíñas eléctricas, primeira novela de Sica Romero, quedando de finalistas Os seres queridos, obra de Berta Dávila e Ninguén queda, de Brais Lamela.

Da novela premiada, o xurado destacou a súa capacidade de “concentrar” nunha soa obra unha “gran variedade de temas de actualidade” e a aposta da escritora Sica Romero por “romper prexuízos” ao empregar o seseo e mais a gheada con naturalidade, convertendo o “dialectalismo” en ferramenta literaria. Para o xurado, Avelaíñas eléctricas é “unha obra próxima á realidade da xente nova” 

Ceniza en la boca, título de Brenda Navarro foi a obra galardoada na categoría de novela en lingua española. Quedaron de finalistas Obra maestra, de Juan Tallón, e Lo demás es aire, de Juan Gómez Bárcena. En referencia a Ceniza en la boca, o xurado salientou o carácter “reivindicativo” dunha narración que permite “entrar na psicoloxía humana” e tratar “con naturalidade temas tabú”. 

Na categoría de novela estranxeira, a obra gañadora foi La escuela de canto, da autora inglesa, Nell Leyshon, xunto ás finalistas La autopista Lincoln, de Amor Towles e La promesa, de Damon Galgut. Sobre a gañadora, o xurado destacou a “óptica humana e natural” coa que se aborda o feminismo neste título ambientado na Inglaterra de 1573.

O alumnado que conformou os tribunais da nova edición dos Premios San Clemente de Novela, nos que colabora ación da Xunta de Galicia a través da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, procedeu do IES Laxeiro, de Lalín (Pontevedra); IES da Terra Cha José Trapero Prado, de Castro de Rei (Lugo); IES Lagoa de Antela, de Xinzo de Limia (Ourense); IES Terra de Xallas, de Santa Comba (A Coruña); IES Eduardo Pondal, de Santiago de Compostela, IES Ramiro de Maeztu (Madrid) e IES Rosalía de Castro.

Tamén foron convidados neste 2023 os alumnados das seguintes institucións europeas: Lycée Saint François Xavier de Vannes (Francia), Hockerill Anglo European College de Londres (Reino Unido), e Grimmelsahusen Gymnasium de Gelhausen (Alemaña).