Parque de Galeras, primeira área verde do Concello "sen fume"

Santiago adhírese á iniciativa da AECC no Día Mundial contra o Tabado, 31 de outubro

A edil responsable da UMAD, Pilar Lueiro, adianta que se buscará ampliar o número de espazos sen fume do municipio

O parque de Galeras será o primeiro da cidade libre de fumes

O parque de Galeras será o primeiro da cidade libre de fumes / Jesús Prieto

A edil encargada da UMAD (Unidade Municipal de Atención a Drogodependentes), Pilar Lueiro, anunciou este luns a adhesión do concello á rede de espazos sen fume promovida por AECC (Asociación Española Contra o Cancro). O primeiro espazo será o Parque de Galeras e para explicar o significado desta iniciativa a edil nacionalista fíxose acompañar por Jorge Carballido (UMAD) e Francisco Pais (AECC).

"O parque de Galeras será un espazo sen fume no Día Mundial contra o Tabaco", anunciaba Lueiros, unha prohibición para a que comentaba que se habilitará "sinalización sobre a prohibición" mais non haberá vixilancia nin sancións, porque o que se busca é o "compromiso social". "Segundo os datos da OMS -Organización Mundial da Saúde- o tabaquismo é a primeira causa de morte evitable", comentaba Pilar Lueiro, que tamén indicou que entre os 16 e os 24 anos, "o 22% dos rapaces e o 18% das rapazas" son fumadoras, por iso a intencionalidade desta iniciativa é a de "desnormalizar o consumo de tabaco".

Francisco Pais, de AECC, indicou que ademais, o consumo de tabaco é "o principal factor de risco e un de cada tres cancros", para engadir que o tabaquismo "non é problema dos que fuman, tamén dos que nun fuman, xa que o 90% do espazo está contaminado polo tabaco". Na liña da loita contra o tabaquismo, a edil de UMAD anunciou a intención do goberno local de ampliar "os espazos sen fume a prazas e espazos deportivos ao aire libre", aínda que non indicou cando nin que lugares se sumarán aos espazos sen fume.

Iluminación do Nadal

Preguntada polos orzamentos destinados á iluminación e actividades para o Nadal, a edil de Festas, Pilar Lueiro, indicou que se trata dunha "reserva herdada de 200.000 euros", e sobre o voto en contra do PP (Partido Popular) e a abstención do PSOE (Partido Socialista) ao incremento da partida para as actividades de Nadal, Lueiro especificou que "queremos facer o Nadal que Santiago merece e farémolo cos recursos que temos".

Entre o "Nadal que Santiago merece" Lueiro fixo referencia ao Belén, que é "unha tradición que hai que manter", á eliminación de iluminación azul e a prevalencia da branca "máis elegante", asegurou. Para o desenvolvemento das actividades nas que "están implicados todos os departamentos do Concello", Lueiro afirmou que se recorrerá a partidas que determinados deses departamentos non van gastar antes da fin do ano. Sobre se a partida levada a pleno fose "tumbada a mantenta", a edil nacionalista explicou que "o PP é o do non e o PSOE abstívose sabendo como estaban as contas cando deixaron o goberno", e remarcou "sabían que isto tiña consecuencias".