A atención á drogodependencia adoece de persoal especializado

A unidade municipal acumula unha histórica e longa lista de agarda

Unidade Municipal de Atención á Drogodependencia (UMAD)

Unidade Municipal de Atención á Drogodependencia (UMAD) / ECG

A Unidade Municipal de Atención á Drogodependencia (UMAD) acumula, dende hai tempo, deficiencias en canto a persoal clínico que provocan, entre outras cousas, que as listas de agarda sexan cada vez máis copiosas. EL CORREO quixo saber cal é a situación e cales os plans do novo goberno local sobre esta unidade de saúde mental que atende a 41 concellos da área sanitaria Santiago-Barbanza e de fóra e que está aínda pendente da súa integración no Servizo Galego de Saúde (Sergas).

Pilar Lueiro é a concelleira de Festas, Deportes, Relacións Veciñais, Rural e UMAD e recentemente reuniuse coa psicóloga clínica María Carou, que dende que esta unidade está sen dirección asumiu tamén as tarefas propias desa área. O panorama da Unidade de Atención a Drogodependentes non é positivo, mais entre as dúas institucións (UMAD e Concello) deseñaron unha folla de ruta que obriga, de inicio, a reunións semanais entre un e outro organismo para mellorar o funcionamento do centro e dar unha mellor atención a unha cidadanía que por mor da drogodependencia ten unha alta vulnerabilidade, ademais da estigmatización social.

“A maior necesidade é de persoal, xa a teñen e dentro duns meses vaise incrementar porque hai previstas dúas xubilacións e o problema da UMAD é que ten ser persoal especializado”, explica a concelleira Pilar Lueiro, que tamén apunta unha segunda causa da falta de persoal clínico, “a xente non fai caso cando saen estes concursos porque hai algo que temos que arranxar xa e é que o tempo traballado para o Concello non lles conta como experiencia noutros centros sanitarios ou no Sergas, é coma se non traballaran nunca”.

Pilar Lueiro (BNG) é a concelleira de Deportes e UMAD

Pilar Lueiro (BNG) é a concelleira de Deportes e UMAD

“A intención desta concellaría é coidar que estean cubertas as necesidades de persoal porque somos un centro sanitario público especializado en saúde mental”, prosegue Lueiro, “adherirémonos aos programas de saúde xa implantados pero hai que facelos visibles”, di a concelleira, en referencia ao descoñecemento por parte da veciñanza de que, por exemplo, os servizos sociais levan comida á casa. Sobre estas e outras cuestións, Lueiro explica que se trata de “temas que temos que falar coa oposición e que teñen que ir ao pleno municipal e queremos facer fincapé en que se desenvolvan moitos programas tamén sobre a perspectiva de xénero”, assegura.

“Falamos de traballar en programas transversais, porque son moi importantes para a prevención: educación, deporte, saúde e tamén igualdade, todo coordinado pola directora da UMAD, María Carou”, explica a concelleira, que lembra a necesidade de “traballar en relación á autoestima das mulleres, sobre as que aínda se mantén o estigma por seren drogodependentes ou alcólicas”. Unha cuestión que tamén vai requerir da implicación da propia alcaldesa, Goretti Sanmartín, que xestiona a área de igualdade municipal.

Lexislación e plans específicos

A Unidade Municipal de Atención á Drogodependencia depende organicamente do Concello pero a nivel funcional faino do Sergas, e así se recolle nunha Orde de 2007 que regula a integración no Servizo Galego de saúde, mais esa unión aínda non se produciu, e segundo afirma Pilar Lueiro, “esa demora tamén complica a situación á hora de sacar proxectos adiante”.

Unha lexislación que convén que se vaia actualizando, pois a última norma local, Plan de Prevención de Drogodependencias, cobre o período 2018-2021, pero os hábitos de consumo tamén mudan. A directora da UMAD, a psicóloga María Carou, explica que anualmente se recompilan informes do Observatorio europeo, unha enquisa que se realiza en máis de 30 países entre persoas maiores de 18 anos que consomen algún tipo de substancia, estean ou non en tratamento. Unhas cifras que secunda o Sergas, “en 2022 acudiron para tratarse no servizo público persoas adictas á heroína, á cocaína, ao cannabis e ao alcol”, explica Carou. Case a metade desas persoas, o 47% foi para tratar o consumo de heroína, seguido polo 25% que o fixo por adición á cocaína, o 16% polo consumo de cannabis e un 5% por alcolismo. Mais o peculiar destes datos, explica a directora da UMAD é que lonxe do que se cre, “o consumo de heroína mantense nas mesmas cifras dende hai anos, e é menor que o consumo de cannabis”. Neste último caso, María Carou alerta sobre a carencia de “percepción de risco ante o consumo de cannabis, pero esta droga pode estar relacionada co trastorno psicótico, a poboación con risco de suicidio ten unha maior probabilidade de desenvolver un trastorno e tamén unha adicción ao consumo, e este tipo de transtornos pode ser duais”.

Contaxios por VIH

A cifra de contaxios por VIH (SIDA) dáse agora por practicar sexo sen protección, e “por un fenómeno emerxente nas grandes cidades, aínda non nas galegas, polo uso de substancias que permiten manter sexo durante máis tempo”, conta Carou, “unha práctica que se dá sobre todo entre homes”.