‘Santiago proxectado’ a arquitectura que puido ser e non foi na Casa do Cabido

A mostra recolle 14 propostas non construídas de nomes tan afamados como Moneo ou Siza

Recréase como sería a fachada gótica da Catedral de Santiago se chegase a construírse

A exposición permanecerá activa até o mes de febreiro de 2024

Fernando Franjo explica a mostra a Sanmartín e Rozas

Fernando Franjo explica a mostra a Sanmartín e Rozas / Jesús Prieto

A Casa do Cabido (na praza das Praterías) acolle até o mes de febreiro de 2024 a mostra ‘Santiago proxectado, arquitecturas non construídas’, unha exposición con 14 proxectos que ao longo da historia da cidade foron propostos ou proxectados mais que nunca se chegaron a levar a cabo. 

Na presentación, que tivo lugar onte, estiveron presentes a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, a primeira tenenta de alcaldesa, María Rozas, e os edís Iago Lestegás (BNG), Mercedes Rosón (PSOE) e Borja Verea (PP). Xunto a eles, os comisarios da exposición, o xornalista Fernando Franjo, a historiadora da arte Ana Paula Castro e a arquitecta Paula Franjo, ademais da xerente do Consorcio de Santiago, Belén Hernández, e o responsable de publicacións desa entidade, Juan Conde.

“O propósito desta exposición é divulgativo e non competitivo”, insistía Fernando Franjo na presentación, durante a que fixo un percorrido guiado polos catros espazos nos que se divide a mostra: ‘Catedral e contorna’, ‘Alameda e apertura de Compostela’, ‘Ensanche e bordos do casco histórico’ e ‘Límites urbanos’ (correspondente éste último bloque coas décadas máis recentes).

Varios edis do Concello de Santiago asistiron á inauguración

Varios edis do Concello de Santiago asistiron á inauguración / Concello

Proxectos asinados por figuras clave da arquitectura compostelá que poden facer vixiar os visitantes a mundos posibles, como o que puido ser a construción da fachada gótica da Catedral. “Agora isto que vemos descansa debaixo das escaleiras da Quintana”, lembraba Franjo, mentres a arquitecta Paula Franjo daba conta da escaseza de “planimetría” daquela época, polo que “en base ao que supoñemos que puido ser fixemos unha recreación”. Unha fachada, que tal e como destacaban os comisarios da mostra, mudaría por completo a Catedral e Santiago.

Pero os proxectos de obras de Compostela tamén afectaron á Alameda e á Porta Faxeira, concretamente a Santa Susana. “Alí proxectouse no ano 1782 unha grande praza, maior que o Obradoiro, de carácter civil e con vivendas, dando a benvida a quen entraba en Santiago”, explicaba Fernando Franjo, que tamén agradecía a cesión do plano que se expón na mostra ao Museo do Pobo Galego. 

Espazos case distópicos, unha realidade paralela que puido ser e non foi, como é o caso da ‘Gran vía’, que partía da Porta da Mámoa e chegaba a San Roque, “nun momento de modernización e hixienización que non só afectou a Compostela senón que se estaba dando en toda Europa”, afirmaba o comisario. Unha vía tamén apta para tranvías que tiña como centros neurálxicos a Universidade (Facultade de Historia naquela altura) e o Mercado de Abastos.

A mostra recolle un total de 14 propostas non construídas

A mostra recolle un total de 14 propostas non construídas / Concello

Tanto Fernando Franjo coma Goretti Sanmartín coincidiron en destacar que alá de que os proxectos poidan parecerlle ao público máis ou menos acertados, cómpre lembrar que os houbo que si contaron con boa acollida por parte da cidadanía e das formacións políticas, así coma outros non. O primeiro caso deuse na Rúa de Galicia, un grande boulevard que partía da Porta Faxeira cara ao Obradoiro, e cuxo proxecto, aprobado polo goberno municipal de Ánxel Casal se viu truncado polo Golpe de Estado de 1936.

Outro dos grandes proxectos que se poden aprezar en ‘Santiago proxectado’ é o deseñado por Jenaro de la Fuente, que estaría onde hoxe están as Galerías Vía Cambre e que sería o Gran Teatro Cine Romero Donallo. Unha construción que ademais de cine e teatro contaba con sala de festas, espazo comercial e un refuxio antiaéreo (propio da época). Ou tamén, o proxecto que lle valeu ao recoñecido Rafael Moneo unha bolsa de estudo en Roma, con tan só 26 anos, e que consistía na edificación dun centro emisor de televisión nas inmediacións do Pazo de Raxoi.

De novo reclacando que se trata de divulgar e non de comparar, a xerente do Consorcio, Belén Hernández, bromeaba. “Hai proxectos que diremos, miña nai, menos mal que non se fixo, e outros que diremos, que mágoa que non se fixera”. Algo que Fernando Franjo recalcaba tamén desta mostra, porque “a arquitectura podemos gozala tamén no papel”. Unha exposición que todos os intervintes coincidiron en destacar que é “apta para todos os públicos” e moi especialmente “para a veciñanza de Compostela”.

A mostra conta con planos, recreacións vídeos polos que circulan primeiras figuras da arquitectura coma os xa mencionados Rafael Moneo ou Álvaro Siza, que explican de primeira máis os proxectos que presentaron para cidade. Unha exposición que conta tamén con códigos QR a través dos que a persoa visitante pode profundizar naquelas cousas lle sexan de maior interese. 

Edificio Castromil

En relación ao conseso da cidadanía e das formacións políticas á hora de tomar decisión sobre o deseño urbano da cidade non só falou Fernando Franjo, tamén o fixo a alcaldesa Goretti Sanmartín, e unha vez máis foi inevitable facer referencia ao derrubamento do Edificio Castromil. “Agora temos a idea unánime de que non se debeu derrubar, pero a xente daquel momento non tiña esa preocupación”, contaba Sanmartín. 

A alcaldesa reivindicou que “hai que ter proxectos aínda que sexa no caixón e buscar que xeren consenso social, xa que a intrahistoria é importante tamén para proxectar futuro e entender a cidade coma un organismo vivo”. Sanmartín asegurou que a mostra “esperta a imaxinación” e “non vai deixar indiferente a ninguén”.