Galardóns best in class

Cardioloxía e Infectoloxía Pediátrica do CHUS, mellores servizos de España

Veñen de recibir o premio que promove 'Gaceta Médica' e a cátedra de innovación e xestión sanitaria da Rey Juan Carlos

Redacción

O Servizo de Cardioloxía e a Unidade de Infectoloxía Pediátrica da área sanitaria de Santiago e Barbanza recollen o premio como mellores servizos de España na XVIII Edición dos Best In Class (BIC) promovidos anualmente polo diario de información sanitaria Gaceta Médica e a cátedra de Innovación e xestión sanitaria da Universidad Rey Juan Carlos, coa finalidade de “promover a calidade asistencial nos hospitais e centros de saúde”. A mención de honra recaeu na Unidade de Reanimación na categoría de Medicina Intensiva/UCI.

O CHUS ven de ser recoñecido como un dos cinco mellores hospitais de alta complexidade, e conta con 10 servizos ou unidades tamén entre os cinco mellores: Farmacia Hospitalaria, Farmacia Hospitalaria Oncolóxica, Medicina Preventiva e Saúde Pública, Microbioloxía, Oncoloxía, Investigación en Oncoloxía, Patoloxía Dixestiva, Reumatoloxía, Traumatoloxía e Cirurxía Ortopédica e Unidade CAR-T.

O Servizo de Neuroloxía e o Centro de Saúde da Estrada recibiron un recoñecemento de excelencia clínica, mención especial por ser elixida a mellor nas últimas 4 edicións.

O obxectivo destes premios é recoñecer aos mellores servizos e unidades estatais, hospitais e centros de saúde, tanto públicos coma privados, que buscan a excelencia na atención aos seus pacientes. A concesión baséase na puntuación obtida polos candidatos co Índice de Calidade Asistencial ao Paciente, a partir da análise multivariable dos indicadores de calidade recollidos nos cuestionarios de autoavaliación dos hospitais e centros de atención primaria.

Os gañadores recibiron o diploma acreditativo nun acto onte en Valencia, no que a xerente da área, Eloína Núñez, agradeceu “o traballo, o esforzo e a dedicación dos profesionais por manter aos centros da área compostelá nos primeiros postos en canto a calidade asistencial“, e os animou a “continuar neste camiño, que non é outro que a busca da mellor atención aos pacientes”.