Convocada por ERGUER

Parón contra a "marcada" suba dos prezos nas cafeterías e comedores da USC

A vindeira semana terán unha reunión coa Xerencia da Universidade de Santiago para debater estas peticións

Parón contra a "marcada" suba dos prezos nas cafeterías e comedores da USC

Parón contra a "marcada" suba dos prezos nas cafeterías e comedores da USC / CEDIDA

Gabriel Fernández Blach

O sindicato estudantil Erguer, Estudantes da Galiza convocou hoxe ás 11:00 horas da mañá un paro diante da Xerencia da Universidade de Santiago ante a suba de prezos que experimentaron as cafeterías e comedores desta institución universitaria.

Ademais, á reivindicación dos prezos sumouse a modificación do sistema de bolsas, a revisión da calidade dos alimentos que se empregan e o cambio á xestión pública das cafeterías.

Dende a organización deixan claro que a suba de prezos nos menús é excesiva, sobre todo para os alumnos e alumnas con menos recursos. Sinalan que "xantar tres días á semana na cafetaría supón un gasto de 90€ mensuais", un importe que se afasta considerablemente dos prezos doutras institucións académicas como a Universidade de Granada, onde o prezo do menú é de 3,50€.

O parón congregou 90 persoas e en Erguer "están satisfeitos coa acollida que tivo esta concentración", afirma Lucas Pardo, responsable de Erguer Compostela.

Alén dos prezos dos menús en cafeterías e comedores, o sindicato estudantil puxo o foco en mellorar o sistema de bolsas, xa que os Bonos Comedor son "insuficientes" para abarcar a todo o estudantado que o precisa.

Por outra parte, fíxose fincapé en revisar a calidade dos alimentos que se empregan na institución académica, xa que desde a organización consideran que "serven de pouco os prezos reducidos se os alimentos son malos".

Como peche a este paquete de reivindicacións, reclamaron o cambio de xestión das cafeterías, pasando das concesións a empresas privadas á xestión pública. "O obxectivo principal non é garantir o dereito á alimentación do estudantado, senón retirar unha marxe de beneficio axeitada", afirman desde o sindicato estudantil en referencia ás concesións.

O responsable de Erguer Compostela adiantoulle a ELCORREO que a vindeira semana terán unha reunión coa Xerencia da Universidade de Santiago para debater estas peticións. Mentres, Lucas Pardo di que "seguirán mobilizando ao estudantado e convocarán eventos posteriores sobre este mesmo tema".