Erguer convoca unha folga ante a "abusiva" suba de prezos nas cafeterías e comedores públicos da USC

O paro de consumo celebrarase os días 9 e 10 de novembro na Facultade de Filoloxía

Reclaman a xestión pública do servizo e alimentos de maior calidade

Dende a xerencia sinalan que na actualidade "non hai un menú por seis euros"

Estudiantes de la USC en el campus universitario

Estudiantes de la USC en el campus universitario / Antonio Hernández

A organización estudantil Erguer.Estudantes da Galiza vén de convocar un primeiro paro de consumo para os vindeiros 9 e 10 de novembro na facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago ante unha suba de prezos en distintas cafetarías e comedores públicos da institución académica, a cal xa lle remitiron un escrito coas demandas.

Dende a organización sinalan que a suba de prezos é abusiva e esixen a aplicación dunha política de prezos reducidos que se adapte ás necesidade e á capacidade económica do estudantado universitario. “Non é asumible que teñamos que pagar 7,50€ por un menú mentres na maioría de universidades europeas o prezo manténse entre os 3 e 5 euros, como é o caso da Universidade de Granada”, sinala Iago Fraga, responsable de Erguer na facultade de Filoloxía, onde comezaron as demandas.

Apuntan tamén que varias cafeterías xa incrementaron os seus prezos, de maneira ilegal, antes da entrada en vigor da nova táboa de prezos, sobre a cal calculan que sexa publicada nos vindeiros días. En conversa con EL CORREO, Iago Fraga apunta a que en Filoloxía págase polo menú 7,50 euros dende hai tres semanas, cando anteriormente costaba 6,40 euros, o que levou á organización estudantil a celebrar a semana pasada unha asamblea "con alumnado de todos os graos e cursos, e na que se decidiu convocar o paro". Explican que é a Universidade de Santiago a que marca unha política de prezos máximos e que as empresas implicadas "deciden aplicalo".

Cartel colgado na facultade de Filoloxía da USC en contra da suba de prezos na cafetería

Cartel colgado na facultade de Filoloxía da USC en contra da suba de prezos na cafetería / Erguer

Dende Erguer tamén reclaman un servizo de cafeterías e comedores adaptado ás necesidades reais do estudantado, con alimentos que pasen controis de calidade. No caso específico de Filoloxía, Iago Fraga asegura que "hai moitos estudantes que se queixan da calidade do menú". A maiores, tamén reclaman unha xestión pública deste servizo, denunciando a externalización do mesmo.

Na folga a intención será "non consumir e mostrar que como organización e como estudantes temos opcións a decidir", conclué Iago Fraga.

A USC reparte 1.400 bonos comedor no curso 2023-2024

Ante o anuncio da convocatoria da folga de consumo, o xerente da USC, Javier Ferreira, destacou que “a suba do IPC e dos costes salariais derivou en que as cafeterías demandasen unha actualización de prezos”. Así o puxo en valor a este medio incidindo en que na actualidade “non existe un menú por seis euros” en universidades nas que o servizo non estea subvencionado. Ferreira comentou que os prezos en cafeterías e comedores da USC levaban anos sen actualizar e agora a suba “é bastante sensata”.

Co que están dacordo coa organización estudantil Erguer é coa necesidade de “estar enriba” para lograr un control de calidade, un tema co que xa lle trasladaron ao Consello de Estudantado da USC. En referencia á posbilidade de que a xestión do servizo sexa pública Ferreira comenta que nese caso “non habería un aforro”, e ademais“estamos a falar de hostaleiros da cidade que non se lucran do servizo”.

Con todo Ferreira destaca o reparto de 1.400 bonos comedor que a Universidade emitirá en concepto de axudas de manutención para o estudantado que sofre unha situación económica, social ou familiar que poida influír negativamente na continuidade dos seus estudos universitarios. Unha medida que implica unha dotación orzamentaria duns 700.000 euros e para a que, en palabras de Ferreira, “non hai ningunha universidade en España que destine tanto diñeiro”.

En total, cada bono está dotado de 80 consumos que poden trocarse ata o 19 de xullo de 2024. O alumnado beneficiario, que ten de prazo ata o vindeiro venres 10 de novembro para recollelos, poderá intercambiar o bono por un menú diario para levar ou para consumir nas instalacións da cafetaría ou comedor universitario, na franxa horaria do mediodía, coa posibilidade de retirar un menú adicional para levar de luns a xoves ou ata dous menús adicionais os venres, nos días e períodos lectivos segundo o calendario escolar do curso 2023/24.