Raxoi desvía 430.000 euros de limpeza de colexios e centros socioculturais para festexos

O Concello compostelán argumenta que os cartos pertencen a “partidas que quedaron sen utilizar“

Santiago ocupa o cuarto posto entre as cidades galegas que máis gastan en iluminación de Nadal

Santiago ocupa o cuarto posto entre as cidades galegas que máis gastan en iluminación de Nadal / Antonio Hernández

Gabriel Fernández Blach

A Concellaría de Economía e Facenda, Persoal, Contratación e Modernización da Administración Local do Concello de Santiago deu a súa aprobación para levar a cabo unha transferencia de crédito por un valor total de 430.000 euros, pasando da partida de limpeza de colexios e centros socioculturais á de festexos. Esta actuación irá ao pleno que se celebrará este martes día 28.

Concretamente, e segundo se reflicte no documento da resolución, a orixe sería a seguinte: 5.218,86 euros da administración xeral de educación, reparacións, mantemento, maquinaria e utillaxe; 158.655,14 euros da limpeza e aseo dos centros socioculturais; 55.723,42 euros da limpeza e aseo dos CEIPs (Colexios de Ensinanza Infantil, Primaria e Secundaria) e 210.402,58 euros de traballos feitos por outras empresas en materia de seguridade nos colexios.

Por outro lado, os destinos dos fondos e a cantidade para cada un é: 150.000 euros para arrendamento de maquinaria, instalacións e utillaxe; 30.000 euros para publicidade e propaganda, 160.000 para actividades, 20.000 para seguridade e outra contía de 70.000 euros para estudos e traballos técnicos, todo dedicado a festas e festexos.

O Concello de Santiago foi preguntado por esta cuestión, xa que a orixe e destino dos fondos resulta destacable a primeira vista. Na súa resposta, Raxoi achaca esta decisión ao voto negativo do Partido Popular cando se solicitou no pleno municipal a “transferencia de crédito buscando remanentes para a organización das festas do Nadal”, afirman desde o goberno municipal.

Ante este resultado negativo da votación, o goberno municipal tivo que explorar outras vías para conseguir os cartos necesarios para poder desenvolver os festexos programados para a época do Nadal. Finalmente, os cartos saen da partida destinada para limpeza de centros de ensino e socioculturais, argumentando que son cartos de “partidas que quedaron sen utilizar, ben pola licitación de novos contratos ou ben polos sobrantes”, segundo relatan desde o consistorio.

Ademais, destacan que os orzamentos actuais do Concello “atópanse prorrogados desde 2022”, algo que imposibilita modificar doutra forma as partidas asignadas para cada temática municipal e poder aumentar o diñeiro para organizar os festexos. Os orzamentos do ano pasado responden a unha realidade diferente á actual, debido a que eses cartos “obedecen a unha situación post-covid que xa mudou, polo que non se requiren esas partidas tan elevadas para limpeza que estaban consignadas”, din dende Raxoi, facendo referencia ás necesidades de limpeza e hixiene que se implementaron coa aparición da covid no 2020 e que quedaron presentes os anos seguintes. O Concello reforza o seu argumento destacando que “no informe detállase que este crédito dispoñible obedece a crédito consignado no orzamento prorrogado para un servizo extraordinario e ampliado de limpeza... Que, unha vez desaparecida esa situación de emerxencia covid, se considera dispoñible real”.

Alén da necesidade de aumento da partida para o Nadal, os cartos redistribuídos intentan solucionar “o burato que deixou o PSOE nas festas do Apóstolo, que era de 335.000 euros”, facendo referencia ao déficit en festas do anterior goberno. Dende o Concello subliñan que este movemento orzamentario “non afecta ao funcionamento do servizo de Educación”, e engaden que esta acción axuda a “poder pagar con maior axilidade e transparencia as facturas de actividades que se contraten”.