O Nadal de Compostela aspira a ser a terceira festa máis importante da cidade

Goretti Sanmartín: "Queremos unha celebración diferente, coa implicación da xente"

María Rozas: "A de Santiago será unha festa para vivir e non para ver"

María Rozas e Goretti Sanmartín na presentación do programa das festas de Nadal

María Rozas e Goretti Sanmartín na presentación do programa das festas de Nadal / CONCELLO

A rexedora de Santiago, Goretti Sanmartín, e a primeira tenenta de alcaldesa, María Rozas, presentaron na mañá de onte as actividades que se desenvolverán na cidade para celebrar o Nadal, entre o 1 de decembro co acendido da iluminación destas festas, até pasado o día de Reis. “Un Nadal participado e espallado polo municipio, para vivilo e non para velo”, en palabras de María Rozas.

“Queremos que esta sexa a terceira festa da cidade, xunto á Ascensión e ao 25 de xullo”, proclamou Goretti Sanmartín, que convidou a que se implique “toda a xente” para o que se deseñou un programa con actividades “para todos os colectivos, para descentralizar os eventos e levalos aos barrios”. 

A alcaldesa tamén anunciou que haberá xardíns “de oito puntas” espallados en diversos barrios, ademais de na praza do Obradoiro, como Vista Alegre, Santa Marta, San Roque, San Pedro, Fontiñas, Sar, O Castiñeiriño e Conxo.

A edil de Compostela Aberta María Rozas foi a encargada de debullar o programa das festas de Nadal, "no que participou o goberno en pleno e tamén o persoal técnico dos distintos departamentos". O comercio é un dos puntos chaves desta festas, alén da iluminación que se acendará o venres 1 ás 18.30 horas no Obradoiro e simultanamente no resto da cidade, "agás en puntos específicos entre esta praza a a praza Roxa", engadiu Sanmartín, que se irá acendendo unha iluminación especial mediante unha ruta que se realizará ese mesmo día entre o casco antigo e o Ensanche.

“Elaboramos propostas de ocio para todos os públicos e en especial para as familias”, contou María Rozas, pero tamén na busca de dinamizar o comercio local. Así, “haberá un espazo de xogos e obradoiros na Carreira do Conde, vencellado ao mercado de Nadal”, que vai contar con 15 casetas de diversos produtos artesáns e unha alternancia de cinco quendas. Un mercado que se vai desenvolver dende o día 1 de decembro até o 20. Unhas semanas máis tarde, dará comezo tamén o mercado de Área Central, entre os días 12 de decembro e 5 de xaneiro e tamén “o Mercado da Estrela do 15 ao 17 deste mes”. Ademais, tamén se manterá o concurso de escaparates de Nadal entre os comercios locais.

A edil de Servizos Sociais, María Rozas, anunciou que haberá dúas carpas estables durante toda a programación de Nadal, ubicadas na praza Roxa e na Alameda, onde se desenvolverán concertos cada venres, sesións vermú cada sábado, e diversas actividades lúdicas para os máis pequenos. Entre os concertos que poderán gozarse na praza Roxa, a edil destacou especialmente “os das formacións locais, bandas que ensaian no Centro Xove da Almáciga”. Algunhas destas actuacións serán as de Abella e Filloas (venres 8 ás 20 h.) ou Funky Kongs e Boa Sunet, o venres 15, e Sheila Patricia ou Pauliña nas sesións vermú dos sábados 9 e 30 de decembro (ás 13 horas).

Mais tamén se contará con espectáculos de maior embergadura, coma o Circo do Sol (con varios pases o 6 de xaneiro no Multiusos Fontes do Sar), o concerto polo 30 aniversario do Coro da Ra (Auditorio, domingo 17 ás 19.30), o concerto da Banda da Loba (xoves 28 ás 20.30 no Teatro Principal), a Gala solidaria de Pallasos en rebeldía con Palestina (tamén no Principal, o día 22 ás 20.30 h.) ou a actuación de Touriñán e Perdomo (Corentena, no Auditorio, o venres 15 ás 20.30 h. e o sábado 16, con pases ás 20.30 e ás 22.30 h.). 

No afán do goberno bipartito por “espallar a celebración” ata os barrios, tamén haberá diversas actividades nos diferentes centros socioculturais da cidade. Obradoiros de coroas ou cociña e centros de mesa para a cea de Nadal, contos sobre o Apalpador (ademais da visita do propio personaxe), espectáculos de circo, maxia e contacontos. 

Outra das particularidades do Nadal compostelán deste ano, cuxo deseño ambas as edís coincidiron en destacar que agardan “que se manteña no tempo”, será a iluminación de cada unha das estatuas que poboan a Alameda de Santiago, como As Marías, Valle-Inclán ou Lorca. 

E, por suposto, manteranse citas chave, como a carreira San Silvestre o día 31 (con saída da avenida Xoán XXIII), a celebración da despedida do 2023, ás 23 h. no Obradoiro ou a tradicional cabalgata para recibir os Reis Magos de Oriente.

Un programa vertebrado en tres eixos:

• As actividades do Nadal 2023 en Santiago están organizadas en orde a tres eixos: ‘En ruta’, coas actividades itinerantes pola cidade e os CSC; ‘En escena’ coas carpas da praza Roxa e da Alameda, ademais dos eventos programados no Principal ou no Auditorio; e ‘En creación’, a través dos obradoiros para a cativada, a mocidade e o público familiar.

• O xardín das 8 puntas unha nova decoración máis alá das clásicas luces, que ornará con composicións en forma de 8 puntas, símbolo da cidade, na praza do obradoiro e noutros barrios populares de Santiago.

‘Luces e voces’ iluminando especificamente as figuras escultóricas, de personaxes ilustres, que poboan a Alameda, co ánimo tamén de difundir a importancia destas figuras.

Beléns composteláns para que a veciñanza se anime a visitar estas composicións en diversas igrexas e barrios de Santiago, como San Fiz de Solovio, a Colexiata de Sar, Conxo ou San Martiño Pinario.