O PSOE de Santiago denuncia a opacidade do Goberno de Sanmartín coa Casa da Xuventude

Aféanlle a Goretti Sanmartín que non poña todas as alternativas para o edificio enriba da mesa

Retoman o anteproxecto da Deputación da Coruña e o mantemento do convenio

Preparan unha campaña de buzoneo na cidade vella para que a cidadanía tome conciencia da proposta que defende o Grupo socialista

O PSOE de Santiago pide a comparecencia no pleno do edil de Urbanismo para que explique o proxecto do goberno local para a Casa da Xuventude

O PSOE de Santiago pide a comparecencia no pleno do edil de Urbanismo para que explique o proxecto do goberno local para a Casa da Xuventude / PSOE de Santiago

Os edís Mercedes Rosón e Gonzalo Muíños (PSOE) compareceron o mércores en rolda de prensa para solicitar a presenza no pleno de Iago Lestegás, concelleiro de Urbanismo, para que explique o plan do Bipartito para a Casa da Xuventude. Muíños baseou esta solicitude no feito de que o nacionalista sexa autor do anteproxecto do Goberno local para o edificio e denunciou que "a alcaldesa non poña todas as alternativas".

O edil instou a explicar por que o Bipartito se nega a "conservar un equipamento de 2.500 metros cadrados e un auditorio para 400 persoas" alén de destacar que "a alcaldesa lle negou á cidadanía un debate honesto".

Mercedes Rosón preguntouse "que pasa cos colectivos que usaban" o edificio e lembrou as palabras da primeira tenenta de alcaldesa, María Rozas (Compostela Aberta -CA-) durante a campaña: "Nunca, nunca, nunca CA apoiará o derrubamento da Casa da Xuventude", a edil socialista engadiu que non se sabe se "o clamoroso silenzo de CA é imposto ou autoimposto" agora. "Mañá comprobaremos se a palabra de Rozas ten algunha validez", recalcou Rosón en referencia ao pleno do xoves.

O PSOE lembrou que o rexeitamento do Goberno local ao convenio coa Deputación da Coruña supón "unha perda de preto de 3 millóns de euros" sumando o millón que ía achegar a Deputación, a asunción por parte da Administración provincial dos custos de mantemento do edificio durante 25 anos, o gasto que suporá a demolición da Casa da Xuventude e a construción "do que Rozas definiu en campaña como o galpón de Goretti", apuntou Rosón.

Buzoneo coa proposta do PSOE na cidade histórica

Na comparecencia de prensa o PSOE presentou un pequeno folleto no que se recrea o anteproxecto de rehabilitación da Casa da Xuventude proposto pola Deputación da Coruña, e explica a perda que supón para Santiago prescindir deste convenio. Un folleto que se repartirá nas vivendas do casco vello "para que a cidadanía tome conciencia" do que supón eliminar a Casa da Xuventude.

Na defensa do mantemento da edificación, Mercedes Rosón enxalzou a figura do arquitecto creador (Severino González) e o valor arquitectónico da Casa da Xuventude, resaltado no seu momento dende o Colexio de Arquitectos de Galicia. A edil socialista tamén fixo referencia ao prexuízo da cesión deste equipamento á Xunta de Galicia que o "mantivo pechado á cidadanía".

Problemas de mobilidade na zona

Sobre os problemas de mobilidade que xeraría a cesión desta construción á Deputación da Coruña, cuestión na que coinciden BNG e CA, Mercedes Rosón dixo que se trataba de "escusas de mal pagador" posto que "coas administracións agora a maioría dos trámites son telemáticos, así que non se tensiona a mobilidade na zona".

"A política de mobilidade nesa contorna vai máis alá de que se estableza alí unha oficina da Deputación", secundou Gonzalo Muíños.