Entrevista | Ana María Gude Fernández Decana de la Facultade de Dereito

“Nesta nova etapa debemos traballar para actualizar e ampliar a oferta académica”

Reelixida recentemente no cargo, Gude promete que neste mandato tratará de solucionar coa reitoría os problemas de pingueiras na Facultade

Ana Gude repite catro anos como decana de dereito

Ana Gude repite catro anos como decana de dereito / Santi Alvite/USC

A profesora de Dereito Constitucional Ana Gude repetirá outros catro anos como decana da Facultade de Dereito da Universidade de Santiago logo das eleccións desenvolvidas a principios de novembro. Para o próximo mandato marcase o obxectivo de ampliar a oferta académica e tamén solucionar algunhas necesidades da Facultade, que ten problemas de climatización ou pingueiras.

Despois de catro anos xestionando a Facultade de Dereito da USC, cales son os principais retos que ten por diante nesta nova etapa? 

Nesta nova etapa debemos traballar para actualizar e ampliar a nosa oferta académica e para proxectar aínda máis a facultade ao mundo do Dereito, á empresa e á sociedade en xeral. 

Cantos alumnos e alumnas ten no actual curso académico a Facultade, principalmente dos graos en Dereito e Criminoloxía? 

Ofertamos 180 prazas no grao en Dereito e 50 no grao en Criminoloxía. Dereito ten un total de 975 alumnos matriculados e Criminoloxía 270, en ambos os casos cunha porcentaxe de alumnas considerablemente superior (representan ao redor dun 75%). Son titulacións moi demandadas. En Criminoloxía o número de solicitudes para entrar en primeiro curso multiplica ata por 16 a oferta que fai a USC, e en Dereito, neste curso académico, presentáronse 828 solicitudes para 170 prazas. Estes datos fannos sentir orgullosos, pero, ao mesmo tempo, fan recaer sobre nós unha gran responsabilidade. 

En referencia á docencia do centro, hai opción de que se incremente ou é necesaria unha estabilización da actual? 

Nestes últimos anos a USC fixo un gran esforzo para promocionar ao profesorado da facultade e estabilizar a mozos docentes e investigadores. Con todo, as esixencias de renovación son constantes no tempo. A formación dos docentes de calidade que o centro necesita é un proceso esixente e longo, que require dun apoio sostido e a longo prazo. A día de hoxe, determinadas áreas seguen necesitando novas incorporacións para atender os seus compromisos e obrigacións docentes e de investigación. Comprometinme coa facultade para apoiar esas demanda porque son absolutamente razoables.  

O funcionamento das prácticas académicas. Con que entidades colaborades fundamentalmente? 

No desenvolvemento das prácticas académicas a facultade colabora con numerosos recursos, entidades e institucións (públicos e privados): bufetes de avogados, notarías, rexistros, xulgados, a fiscalía, concellos, establecementos penais, as Forzas e Corpos de Seguridade, o Consello Consultivo de Galicia, a Xunta de Galicia, o Parlamento de Galicia, o Valedor do Pobo, etc. 

Cales son as principais demandas que vos fan chegar os estudantes? 

Son, afortunadamente, un “público” moi esixente. A nosa oferta académica debe adaptarse a un mundo en permanente cambio, e eles son os primeiros que nolo advirten. Demándannos unha formación que estea en contacto co mundo laboral e a práctica profesional. Esperan tamén de nós unha constante renovación das metodoloxías docentes. Como decana do centro cónstame e ao mesmo tempo agradezo o esforzo de todos os nosos docentes para responder a esas expectativas. 

Contades cunhas infraestruturas adecuadas para a formación do estudantado? 

En liñas xerais si. A Facultade conta con aulas razoablemente cómodas e ben equipadas, unha sala de estudo recentemente reformada, unha aula de informática, salas para seminarios e conferencias, unha sala de vistas para simulación de xuízos, etc. Ademais, temos a sorte de contar coa magnífica biblioteca Concepción Arenal, con máis de 190.000 volumes de manuais, 5.000 títulos de revistas e dispón de ao redor de 950 prazas para o estudo e a investigación. A pesar diso, hai que dicir tamén que o edificio que alberga á facultade foi construído nos anos 70 do pasado século, o que provoca que presente algunhas deficiencias en materia de impermeabilización (as pingueiras son constantes), sistemas de calefacción e climatización e cadro eléctrico. Na miña axenda para os próximos anos está o afrontar co reitorado esas carencias e necesidades.

A facultade aposta pola internacionalización? 

Si, apostamos claramente pola internacionalización, tanto no ámbito da docencia, como no da investigación. No terreo da docencia, e concretamente no caso do grao en Dereito, contamos cun gran número de convenios de intercambio coas principais universidades europeas de Francia, Italia, Alemaña, Austria, Portugal, Bélxica, Holanda, Polonia, Noruega, República Checa, Romanía, Bulgaria, Hungría, etc. Tamén temos convenios bilaterais con universidades de países como Suíza, Arxentina, Chile, México, Brasil ou Uruguai. Nas nosas aulas atópanse alumnos de intercambio procedentes deses países. En neste mesmo terreo da docencia quero destacar a frecuente participación de profesores europeos en seminarios e congresos de formación docente, tan relevantes para a formación e actualización do noso profesorado, e, tamén, a inclusión na oferta do centro dun título interuniversitario coorganizado coa Escola de Dereito da Universidade do Minho (Braga): o Mestrado Xurídico Transnacional e das Tecnoloxías Dixitais. 

Polo que se refire á investigación, os grupos e investigadores da facultade manteñen, xa desde hai anos, relacións intensas e moi frecuentes con grupos e investigadores europeos (en particular italianos, franceses, alemáns e portugueses). Son habituais os eventos científicos de carácter internacional que se celebran no centro e que desde o decanato seguiremos incentivando e apoiando. O excelente nivel da investigación e transferencia que realizan os grupos que traballan no centro fixeron dela unha referencia a nivel nacional e internacional en diversos campos do Dereito. 

En que se centran os proxectos de investigación da facultade? 

A facultade conta cun gran número de grupos que investigan sobre temas moi distintos. Unicamente a título de exemplo, porque me resultaría difícil mencionalos todos, aludirei aos seguintes: o dereito de obrigacións e contratos e as disposicións testamentarias do Código civil, a manipulación informativa, o branqueo de diñeiro, as estratexias de transparencia e prevención da corrupción pública, a administración electrónica, a seguridade marítima, o Dereito da competencia, a incidencia do Dereito da Unión nas reformas laborais, a intelixencia artificial e as súas implicacións para o Dereito procesual ou o dereito dos bens inmateriais.

Na actualidade, cales son as principais saídas profesionais? 

Polo que se refire ao grao en Dereito, os graduados poden, tras cursar o Mestrado da Avogacía e Procura, incorporarse a un despacho de avogados e abordar cuestións relacionadas con calquera materia xurídica. Tamén poden tamén formar parte da asesoría xurídica de calquera empresa ou de calquera outra institución pública ou privada ou opositar a un importantísimo número de postos na Administración Pública (xuíz, avogado do Estado, diplomático, notario, rexistrador, técnico da Administración do Estado, autonómica ou local, inspector de facenda ou traballo, etc.). A formación que reciben os graduados en Criminoloxía capacítaos para opositar a postos na Administración (en especial no ámbito das Forzas e Corpos de Seguridade ou das Institucións Penais), así como para o desenvolvemento de actividades profesionais relacionadas coa seguridade privada ou a atención ás vítimas.