O Concello de Santiago tarda ano e medio en devolver un ingreso indebido polo pago do IBI

A Valedora do Pobo lémbralle a Raxoi os seus deberes legais: “Resolver en prazo evitando demoras”

Tesouraría escúsase na implantación dun novo programa electrónico

Oficina de recaudación do Concello de Santiago, en Galeras

Oficina de recaudación do Concello de Santiago, en Galeras / Jesús Prieto

Ano e medio é o que tivo que agardar o propietario dun inmoble da cidade para que o Concello de Santiago lle devolvese un pagamento indebido de recibos do Imposto de Bens Inmobles (IBI). Neste tempo, non foi só o propietario quen tentou resolver a situación coas áreas municipais de Atención ao Contribuínte e Tesouraría, tamén tivo que intervir a Valedora do Pobo. A institución vén de facer pública a súa comunicación ao Concello dun “recordatorio de deberes legais” onde, lle lembra á administración local “a obriga de resolver os procedementos nun prazo razoable”, así como “evitar demoras inxustificadas”.

O relato do acontecido remóntase ao 28 de setembro de 2020, cando o propietario abonou o recibo do IBI correspondente ao seu inmoble. Pero unha división horizontal do mesmo, realizada con anterioridade a ese pago, provocou que se emitisen novamente recibos reclamando ese imposto, desta vez cinco, un por cada piso. En total, este propietario debería recibir da administración local 1.033,88 euros, dos que 980.80 corresponden coa cantidade principal e 53,08 son xuros de demora. Segundo o informe da Valedora do Pobo, a incidencia produciuse a causa dos “problemas informáticos do Concello e á súa deficiente relación computacional co Catastro, xerando así cinco novos recibos”. 

En xaneiro de 2021 o propietario, “seguindo instrucións administrativas de Atención ao Contribuínte”, procedeu a abonar os recibos correspondentes, pois explicáraselle “reiteradamente” que o primeiro recibo sería reembolsado nun breve espazo de tempo. Algo que non se produciu e que levou ao propietario a insistir nas súas visitas ás dependencias municipais, como a mencionada oficina de Atención ao Contribuínte e tamén a Tesouraría. Foi neste último espazo onde o propietario descubriu que o expediente estaba arquivado porque “xa fora abonado e non había ningunha orde de reintegro”, descubriu, así mesmo, que o procedemento correcto sería o de “regularizar ambos os recibos, pagando só a diferenza que houbese entre eles”. 

A resposta do Concello ás peticións de información da Valedora do Pobo, alén de rexistrar as entradas dos escritos desta última entidade e os remites da unidade de Asistencia á Xunta de goberno local para que a unidade de Atención ao Contribuínte cursase a petición do informe, amosa unha certa reticencia a asumir responsabilidades. Así, nas consideracións presentadas ante a Valedora fálase dunha “carga de traballo na Tesouraría que impide a xestión en prazo das queixas”, e escúsase, entre outras cousas, na posta en marcha da administración electrónica coincidindo “coa implantación dun novo programa de xestión de ingresos”, cuestións que segundo do Concello de Santiago “obrigaron a manter a xestión sen reforzo de persoal” porque “éste non sería de axuda para os traballadores xa en cadro senón, ao contrario, requiriría apoio do persoal” existente que xa “estaba bastante ocupado co cambio de aplicacións”.

Ademais, os interlocutores do Concello coa Valedora, comentan no seu escrito que “a pesares das visitas do interesado, e sen poñer en dúbida a súa versión, aínda que resulta estraño que o persoal de atención ao contribuínte non o informara correctamente”. De seguido, o informe fai constar que non se puxo en marcha o procedemento de devolución ata a súa visita en novembro de 2021, máis dun ano despois de pagar o primeiro dos recibos do IBI e dez meses máis tarde de abonar os seguintes. O Concello afirma que a devolución (1.033,88 euros) se realizou con data 20 de xuño de 2022.

Servir con obxectividade os intereses da veciñanza

Como non podía ser doutro xeito, a resposta da Valedora a estas explicacións foi contundente, lembrándolle ao Concello que “as administracións públicas deben cumprir escrupulosamente as normas que rexen os procedementos e garantir a correcta tramitación do expediente administrativo”. Ademais de lembrarlle ao persoal de Atención ao contribuínte e Tesouraría as súas obrigas de “servir con obxectividade os intereses xerais” tamén fixo fincapé nos principios de “eficacia, xerarquía, descentralización, desconcentración e coordinación”. A Valedora, tamén fai referencia no seu escrito ao artigo 41 da Carta dos Dereitos Fundamentais da UE, “se o concello non conta cos medios que lle permitan resolver os procedementos nos prazos legais, debe dotarse dos mesmos para non prexudicar os dereitos da veciñanza”

Finalmente, a Valedora agradece a acollida por parte do Concello a todo o manifestado no seu informe, máis lembra a necesidade de que no prazo dun mes “dea conta a esta institución da aceptación da resolución formulada e das medidas adoptadas para darlle efectividade”. Este documento, datado en setembro deste ano, advirte que “en aplicación do principio de transparencia” fará pública na súa web a resolución e dará conta da mesma no informe anual ante o Parlamento galego.