Licitada por case 800.000 euros a primeira fase das obras do tramo compostelán da Vía Verde

Con esta nova ampliación, o trazado total alcanzará os 36 quilómetros de lonxitude

Discorre por Cerceda, Tordoia, Ordes, Oroso e Santiago

A Deputación da Coruña vén de publicar a licitación da primeira fase das obras do tramo da Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle que discorerrá en territorio de Santiago, cun orzamento de 796.766,58 euros

A Deputación da Coruña vén de publicar a licitación da primeira fase das obras do tramo da Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle que discorerrá en territorio de Santiago, cun orzamento de 796.766,58 euros / J. TÁBOAS

A Deputación da Coruña vén de publicar a licitación da primeira fase das obras do tramo da Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle que discorerrá en territorio de Santiago, cun orzamento de 796.766,58 euros.

A Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle, que desde 2022 conecta os concellos de Cerceda, Tordoia, Ordes e Oroso, con 26 quilómetros de senda ciclable sobre as antigas vías do ferrocarril, é a máis longa de Galicia. Con esta nova ampliación para conectar a Vía Verde coa capital de Galicia, o trazado total alcanzará os 36 quilómetros de lonxitude.

As obras para conectar a Vía Verde con Santiago divídense en dúas fases e teñen un orzamento total de 1,6 millóns de euros. A primeira delas, xa en fase de licitación pública, irá desde a Estación da Sionlla ata o punto quilométrico 2+200.

A segunda fase do tramo compostelán, que vai desde o PQ 2+200 ata o PQ 10+200 onde conecta co trazado da Vía Verde, xa está en funcionamento, en Sigüeiro, e suporá outros 800.000 euros de investimento, dos que 300.000 euros serán aportados polo PSTD Vía Verde, 250.000 euros pola Deputación da Coruña e 250.000 euros polo Concello de Santiago.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou “a colaboración entre administracións para facer posible este proxecto”, que implica ao Goberno de España, Deputación da Coruña e aos cinco concellos polos que discorre a Vía Verde. Con esta actuación, a Deputación da Coruña inicia a conexión de Compostela coa maior Vía Verde de Galicia, contribuíndo a crear unha oferta de mobilidade sustentable e respectuosa co medio ambiente que contribúe a vertebrar as comunicacións nos núcleos rurais e a dinamizar o turismo na zona.

Proba delo, indican dende a Deputación, é o Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) da Vía Verde aprobado polo Goberno de España con 1.375.000 € de orzamento.

Arredor da Vía Verde e enmarcado no Plan Nacional de Turismo Enogastronómico, o plan busca impulsar este destino como unha alternativa sostible baseada no desenvolvemento dun produto turístico singular a partir da gastronomía e os recursos inmateriais vinculados ao territorio (patrimonio histórico, cultural, paisaxístico…).

Entre as actuacións previstas neste PSTD destacan a elaboración dun plan de actuacións para evitar inundacións nos cauces dos ríos Tambre e Lengüelle, a instalación de puntos de auga e de autorreparación de bicicletas; a elaboración dun plan de sombras nas áreas de descanso, coa instalación de pérgolas axardinadas, a elaboración dun mapa virtual e app dixital con recursos vinculados ao turismo gastronómico ou un plan para impulsar feiróns no que se fomenten os produtos locais, en colaboración con pequenos produtores.

O orzamento do PSTD da Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle inclúe tamén 300.000 euros para financiar parte das obras do segundo tramo da Vía, que conectará con Sigüeiro (Oroso).