O PP de Santiago propón que o locutor Luis Rial lle dea nome a unha rúa da cidade

Solicitan a colocación na praza de San Fiz dunha placa conmemorativa

Afirman que merece que “a súa memoria sexa lembrada”

O xornalista Luis Rial faleceu o domingo 7 de xaneiro

O xornalista Luis Rial faleceu o domingo 7 de xaneiro / David Suárez

O vicevoceiro do Partido Popular de Santiago José Antonio Constenla solicitou este domingo, no nome da súa formación, que o Concello de Santiago teña un recoñecemento especial co xornalista radiofónico Luis Rial, falecido o pasado domingo día 7. Constenla que se refire ao locutor como “histórico e ben querido” asegura que Luis Rial se fixo “acredor de que a súa memoria sexa lembrada e honrada pola nosa cidade”, polo que tamén pide a colocación dunha placa conmemorativa na praza de San Fiz.

“Porque Luis”, destacaba nun comunicado o edil ‘popular’, “forma parte desa nómina de personaxes singulares e xornalistas históricos que viviron ou traballaron na nosa cidade, á que se mantivo ligado de por vida desde o seu nacemento”.  

“Quen non escoitou algunha vez a voz de Rial a través da ondas? Quen non sintonizou algunha noite de desvelos o seu programa ‘Estamos contigo’?”, sinalaba Constenla para destacar que o histórico locutor “chegou a ser o xornalista radiofónico en activo con máis idade con ‘Estamos contigo’, que tanta compaña nos facía aos composteláns nas longas noites de insomnio”.

O programa nocturno ao que fai referencia o concelleiro Constenla emitíase con periodicidade diaria en Radio Obradoiro (EL CORREO GALLEGO). ‘Estamos contigo’ estivo na parrilla da emisora durante máis dunha década, un programa que non quixo deixar de facer nin nos momentos máis duros da pandemia da Covid, co único propósito de seguir acompañando os seus fieis oíntes nas madrugadas.

Cun estilo moi marcado, o locutor tiña máis de 60 anos de experiencia diante do micro. No programa de Radio Obradoiro contou coa colaboración de máis de 280 personalidades de toda índole: médicos, profesores, políticos, empresarios, músicos... que desfilaron polo estudo de forma desinteresada, aunados polo espírito solidario e humanista deste formato.

Ademais de en Radio Obradoiro, Rial traballou en distintas cadeas, como a SER (Radio Galicia), Radio Cadena Española, RNE e a Radio Galega. Percorreu Galicia dando a coñecer as festas e romerías tradicionais e pronunciando máis de medio cento de pregóns. A súa voz chegou máis alá, á emigración, como ‘Volta Galega a España’ e ‘Volta Galega a Europa’, recorrendo os centros galegos.

Dende 1991 a súa figura quedou ligada á hostalaría de Compostela ao fundar nese ano o pub La Radio, na rúa das Ameas, precisamente xunto á Praza de San Fiz.