Felipe Gago, coordinador da Olimpíada Galega de Matemáticas: “Vívese con moito entusiasmo”

Os irmáns ourensáns Pablo e Raquel Freire, e David Lago, de Redondela, irán á fase nacional do 14 ao 17 de marzo en Calatayud

Hugo Domínguez, do Peleteiro, recibiu unha mención

Os tres gañadores da Olimpíada Matemática Galega no centro da fila superior, entre o O coordinador da competición, Felipe Gago, e a decana de Matemáticas da USC, Vázquez Cendón, co resto de alumnos recoñecidos.

Os tres gañadores da Olimpíada Matemática Galega no centro da fila superior, entre o O coordinador da competición, Felipe Gago, e a decana de Matemáticas da USC, Vázquez Cendón, co resto de alumnos recoñecidos. / Cedida

Os irmáns Pablo e Raquel Freire Fernández, de terceiro da ESO e segundo curso de Bacharelato do IES As Lagoas de Ourense, e David Lago Alonso, de cuarto da ESO do IES Illa de San Simón, de Redondela, son os tres alumnos que representarán a Galicia na LX Olimpíada Matemática Española, que se celebrará en Calatayud do 14 ao 17 de marzo, despois de ser os tres mellor valorados na fase galega. Esas probas desenvolvéronse este venres na Facultade de Matemáticas da USC. A pesar de que estaban inscritos 149 alumnos e alumnas de centros de Bacharelato e da segunda etapa da ESO, finalmente participaron na competición galega 142, 100 mozos e 42 mozas. 

“O que máis valoramos é o entusiasmo co que se vive esta competición”, sinala en conversa con este medio o coordinador da Olimpíada Matemática Galega e profesor da USC, Felipe Gago. 

A xornada acolleu a realización de seis problemas divididos en dúas sesións de tres horas e media de duración cada unha delas. “Os participantes trasladaron que algún problema lles resultou moi difícil”, manifesta Gago, recalcando o feito de que a proba está feita para estudantes de Bacharelato, se ben poden participar alumnos da última etapa da ESO que acrediten especiais aptitudes, así como integrantes do proxecto EsTalMat-Galicia, maiores de 12 anos, para os cales “é importante o apoio do seu profesor”. Por iso, Gago recoñece que é unha actividade “apaixonante”, pero ao mesmo tempo considera que se precisa “certa madurez”.

O coordinador da competición en Galicia, que se encargou de correxir os exames coa axuda dun equipo de profesores da USC e estudantes do club Sementeira, asegura que todos os anos descubren solucións diferentes ás que tiñan previstas. “Sempre hai quen nos sorprende”, admite.

O feito de que algún dos estudantes destacase por algunha resposta concreta fixo que o equipo evaluador decidira entregar un total de doce mencións especiais. Unha delas recibiuna o compostelán Hugo Domínguez Conde, de primeiro de Bacharelato do Colexio Manuel Peleteiro.

Os alumnos e alumnas que consigan a mellor puntuación na fase nacional da Olimpíada de Matemáticas, para a que resta menos de dous meses, poderán ser seleccionados para representar a España nas competicións internacionais, a International Mathematical Olympiad e a Olimpíada Iberoamericana de Matemáticas, así como a European Girl Mathematical Olympiad.