A Olimpíada Matemática Galega reúne en Santiago a 150 estudantes que buscan acudir á fase nacional

Esta proba , que inclúe a realización de seis problemas, celébrase este venres na Facultade de Matemáticas 

Estudantado realizando o exame da Olimpíada Matemática Galega,na Facultade de Matemáticas da USC

Estudantado realizando o exame da Olimpíada Matemática Galega,na Facultade de Matemáticas da USC / Santi Alvite

As probas da Olimpíada Matemática Galega 2024 estanse a desenvolver este venres na Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago, coa participación dun total de 105 alumnos e 45 alumnas de bacharelato e da segunda etapa da ESO que compiten por ocupar os tres postos do equipo galego para a fase estatal da LX Olimpíada Matemática Española, que se celebrará en Calatayud do 14 ao 17 de marzo. 

Nestas probas que se desenvolven ao longo de toda a xornada, o estudantado participante afróntase a un total de seis problemas “nos que o enxeño e a creatividade xogan un papel importantísimo cara á súa resolución”, explican dende a organización que corre a cargo da Asociación Eduardo García-Rodeja, que honra a quen se encargou durante 35 anos das probas en Galicia.

“É unha gran oportunidade que haxa tanto estudantado presentado nesta proba e que o 30 % sexan mulleres”, sinala en conversa con EL CORREO a decana da Facultade de Matemáticas da USC, Elena Vázquez Cendón, que xunto co profesor Felipe Gago foi a encargada de dar a benvida ao estudantado pertencente a distintos centros da comunidade.

Vázquez Cendón puxo en valor o “entusiasmo” dos participantes na Olimpíada e o “vínculo” dos mesmos co profesorado. Ademais destacou o papel que xogan os docentes. “Soe vir un con cada alumno e alumna e está pendente deles durante todo o día”, asegura. 

"É unha gran oportunidade que haxa tanto estudantado presentado nesta proba e que o 30 % sexan mozas”

María Elena Vázquez Cendón

— Decana da Facultade de Matemáticas da USC

O responsable das probas, Felipe Gago, xunto cun equipo de profesores da USC e estudantes do club Sementeira, era o encargado da corrección dos exames que se poden ir entregando unha vez finalizados. O obxectivo é dar a coñecer o nome dos tres alumnos/a que representarán a Galicia na fase nacional á ultima hora do día.

Os exercicios a nivel estatal son organizados pola Real Sociedade Matemática Española e teñen por obxecto a selección do equipo que representará a España nas competicións internacionais, a International Mathematical Olympiad e a Olimpíada Iberoamericana de Matemáticas, así como a European Girl Mathematical Olympiad.