ANIVERSARIO

Filosofía na USC cumpre 50 anos: “Na actualidade está de moda”

Foi o 8 de xaneiro de 1974 cando comezaron as clases do primeiro ano académico nunha facultade que pasou do campus á praza de Mazarelos

O actual decano, Xavier de Donato, asegura que hai inquietude por estos estudos ante a evolución da sociedade

Cinco imaxes como resumo da historia de Filosofía: 1. Carlos Baliñas colocando o anel de doutor Honoris Causa da USC ao ilustre filósofo francés Paul Ricoeur 2. O profesor arxentino Mario Bunge impartindo unha conferencia 3. Inauguración do primeiro Congreso Mundial de Fenomenoloxía  4. Profesores e alumnos nunha excursión e 5.Tribunal de tese doutoral de Marcelino Agís

Cinco imaxes como resumo da historia de Filosofía: 1. Carlos Baliñas colocando o anel de doutor Honoris Causa da USC ao ilustre filósofo francés Paul Ricoeur 2. O profesor arxentino Mario Bunge impartindo unha conferencia 3. Inauguración do primeiro Congreso Mundial de Fenomenoloxía 4. Profesores e alumnos nunha excursión e 5.Tribunal de tese doutoral de Marcelino Agís / Jesús Prieto

Este 2024 a Universidade de Santiago celebra os cincuenta anos da facultade de Filosofía. Durante este medio século cambiou a forma de impartir docencia, a “filosofía” dos profesores e quizais os intereses do alumnado que agora se ven influenciados polos cambios da sociedade actual. O 8 de xaneiro de 1974 comezaron as clases do ano académico 1973-74, uns meses máis tarde do habitual debido a unha decisión reitoral. Foi nese momento cando a facultade pasou a ter a súa independenza, xa que existía como Facultade de Filosofía e Letras. Un ano máis tarde, o 15 de febreiro de 1975, aprobouse a orde ministerial que daba conta da creación do centro, que nun principio recibía o nome de Facultade de Filosofía e Ciencias da Educación, a cal estivo dirixida polo decano Carlos Baliñas, quen recentemente cumpriu 93 anos, e quen nunha recente entrevista con EL CORREO manifestaba o seguinte. “Por estudiar Filosofía no vas a morir de hambre ni quedarte en el paro de por vida”.

Agora, cinco décadas máis tarde, o seu actual decano, Xavier de Donato, comenta varios fitos destacados, que á vez define como “anecdóticos” para a historia da facultade. Nos inicios o centro estaba ubicado no campus sur e a partir do 2006 pasou a un edificio histórico do centro da cidade, na praza de Mazarelos. Un espazo contiguo á igrexa da universidade. 

Un cambio “moi importante” na historia da facultade foi o que supuxo a introdución do Plan Bolonia, xa que a partir do 2009 suprimiuse a licenciatura de Filosofía, que estivo vixente ata que os alumnos matriculados poideran rematala, e implantouse o grao, o que supuxo ter que formular un novo plan de estudos nos seguintes catro anos. “Agora estamos pensando na posibilidade de renovalo e facer un novo grao de Filosofía para adaptar as materias aos problemas da actualidade, xa que a filosofía ten que contribuír á reflexión das posibilidades que se abren no futuro para a sociedade”, declara con seguridade Xavier de Donato. Con todo, valora que se estivo á altura dos cambios que se necesitaban e de adaptar as titulacións ás novas realidades. Ofrécese o grao en Filosofía que incorpora varias materias de antropoloxía, “algo que non é exclusivo da USC, pero que é importante ao contribuír ao pensamento filosófico e así lograr que o estudantado reciba unha formación máis ampla”. A maiores está o mestrado en Coñecemento e Cidadanía, que proporciona unha formación sólida e especializada en pensamento crítico sobre o coñecemento e comprensión do mundo, a cidadanía e a globalización. “Tamén familiariza ao alumnado coas técnicas e requerimentos da investigación, dado que se trata dun mestrado que da acceso ao doutoramento”, asegura Donato. 

Este mestrado incorpora profesorado doutras facultades da USC como Física, Ciencias da Comunicación ou Xeografía e Historia, xa que a colaboración con outras disciplinas é “imprescindible e necesaria para unha sociedade que reclama cada vez máis unha aproximación aos problemas actuais que veñen dende distintos ámbitos”. Con esta formación, en palabras de Donato, “podemos estar satisfeitos co traballo feito”.

Un gran logro da facultade é para Donato a revista que alí se edita e que recibe o nome de Ágora. Papeles de Filosofía. Xurdiu en 1981 como unha revista interna do centro e agora “é das mellores revistas de filosofía de España”.

Fachada da Facultade de Filosofía da USC, na praza de Mazarelos

Fachada da Facultade de Filosofía da USC, na praza de Mazarelos / Jesús Prieto

A percepción sobre os estudos

Para o actual decano de Filosofía, estes estudos, como en xeral os máis humanísticos e de dereito, foron unha saída para os que finalmente se adicaron a escribir ou ao xornalismo. Á vez recoñece que co paso do tempo a sociedade foi demandando traballos “máis especializados” e a filosofía decaeu un pouco na demanda. “Tivemos anos nos que o pasamos mal ante unha relevante baixada no número de matrículas”, recoñece. Sen embargo, nos últimos oito anos houbo un progreso positivo. Agora, o problema céntrase na tasa de abandono. “É certo que algúns marchan porque non saben o que se van encontrar e cando ven que non é tan fácil ou que non é o que pensaban deciden abandoar”, asegura o decano, referíndose a unha situación xeralizada no resto de facultades do conxunto do Estado. Por iso, apostan por facer “máis atractiva” a filosofía e conectala coa sociedade. “Coas reformas que poderiamos integrar nos próximos tempos imos nesa dirección”, manifesta.

"Xorde inquietude pola filosofía porque a sociedade está evolucionando nos últimos anos e hai unha serie de cambios que obrigan a pensar”

Xavier de Donato

— Decano da Facultade de Filosofía da USC

Con todo, Donato considera que houbo un cambio importante na percepción que se ten da filosofía tendo forza a conexión co ensino medio a través do programa A Ponte e de distintas colaboracións co profesorado do institituto para aproveitar “o interese crecente do alumnado preuniversitario”. Donato reflexa que “xorde inquietude pola filosofía porque a sociedade está evolucionando nos últimos anos e hai unha serie de cambios que obrigan a pensar”. Así as persoas decátanse de que “hai problemas que merecen espíritu crítico”.

Vendo que é un bo momento para esta rama de coñecemento “polo feito de que está de moda” ao contar con un número relevante de publicacións, series de televisión, ou sendo mediatizada a través de Youtube con canais que contan cun amplo seguimento de xente xoven.

Pensando en se estos estudos aínda poden ‘ir máis alá’, Donato ten claro que si grazas en parte a que se está a vivir un repunte das humanidades en xeral. Por iso, a institución compostelá creou recentemente o Instituto de Humanidades, o que Donato valora como “positivo” para a filosofía ao ser parte da axenda científica. Vendo que a actualidade está marcada pola intelixencia artifificial, as humanidades poderán contribuír á reflexión de “como imos a interaccionar os seres humanos coa tecnoloxías nos últimos anos”.

Actividades polo 50 aniversario

Para conmemorar os cincuenta anos da facultade, Filosofía conta cun programa amplo de actividades que arrancará o 7 de febreiro. As conferencias Cultura en Mazarelos’, o ciclo de cinema filosófico e a conferencia maxistral a cargo da profesora María José Agra, o día 22 do vindeiro mes, xunto cunha exposición e un encontro con todos os decanos que houbo na facultade para rememorar a súa historia, que posiblemente se celebre en marzo, serán algunhas das citas abertas á comunidade universitaria e á cidadanía.