O alumnado da USC tamén acode ás urnas: eleccións para o Claustro e o Consello do Estudantado

Adrián Couso, vicepresidente do consello, e Iria Nande, membro de Erguer, coinciden nun rexurdimento do asociacionismo

Estudantes da Universidade de Santiago nas instalacións da Facultade de Dereito

Estudantes da Universidade de Santiago nas instalacións da Facultade de Dereito / santi alvite

Os alumnos da Universidade de Santiago, ademais do chamamento ás urnas como o resto de cidadáns galegos para decidir quen preside a comunidade o próximo 18 de febreiro, están convocados a outras dúas citas electorais, a primeira delas o 23 de febreiro para elixir a súa representación no Consello do Estudantado, e a seguinte o 14 de marzo, data na que serán elixidos os representantes de estudantes no Claustro Universitario.

Dúas citas ante as que se está a vivir un rexurdimento do interese do alumnado polo asociacionismo. Así o sinala Iria Nande, membro de Erguer Estudantes da Galiza, quen en conversa con este xornal asegura que “nos últimos anos, sobre todo desde setembro do pasado, vemos que hai unha maior participación, estamos a ver unha especie de pequeno boom na participación dos estudantes”, e engade que “nalgunhas facultades temos máis candidatos que postos para o claustro”.

Alumna dun máster na Facultade de Economía, indica que a asociación á que pertence está agora mesmo organizando o tema das candidaturas, algo que analizarán nunha reunión hoxe mesmo.

En canto aos temas que pensan poñer sobre a mesa “continuar coa normalización da lingua na universidade, seguir facendo a institución o máis pedagóxica posible, impulsando o recurso das residencias, pedindo melloras nas infraestruturas da USC para facela máis accesible a todo tipo de estudantes e mellorar as condicións materias dos alumnos”.

Tamén nese renovado interese polo asociacionismo coincide Andrés Couso, actual vicepresidente do Consello do Estudantado, quen aínda que admite que “comparado con hai dez anos o movimento estudantil está moi reducido, pero nas últimas eleccións de facultade aumentou moitísimo a participación”.

Alumno de Veterinaria no campus de Lugo, considera que neste cambio de actitude por parte dos estudantes é fundamental “coñecer os órganos da USC e saber que neles se poden cambiar as cousas, como o tema dos horarios ou o calendario de exames, é algo que anima”.

Sobre os retos a propoñer tras os comicios, menciona os cambios de normativa e a conciliación do alumnado que tamén traballa relacionada coa asistencia ás clases.

Explica ademais que a coordinadora do Consello do Estudantado acostuma a deixar un plan feito para este ano, aínda que é o novo equipo o que decide os pasos a dar.

Sobre o máis inmediato levado a cabo, destaca a negociación dos locais para estudantes ou a reivindicacións dos prezos diferentes dos menús das cafeterías da universidade. Sinala, así mesmo, como exemplo do labor do Consello do Estudantado, a súa intervención nun problema cos horarios que tiñan os alumnos de Bioloxía, “preguntáronnos como levar unha proposta deses horarios que xa estaban aprobados no ano anterior, e intervimos”.

Dentro do seu funcionamento, subliña ademais a relación co reitorado, especialmente coa vicerreitora de Estudantado, Pilar Murias, coa que manteñen encontros practicamente de maneira mensual, aínda que ás veces tamén se reúnen co reitor da universidade ou co xerente, dependendo dos casos a tratar.

Publicado o censo provisional para ambos procesos electorais, ata este venres poden facerse reclamacións. A resolución da Secretaría Xeral sobre rectificación do censo provisional para o Claustro publicarase o 14 de febreiro, e ata o 16 poderán presentarse recursos ante a Comisión Electoral Central.

O censo definitivo publicarase o 19 deste mes e ata o 28 poderanse presentar as candidaturas. A proclamación provisional producirase o 29 de febreiro e a definitiva terá lugar o próximo 5 de marzo.

A campaña estenderase entre o 6 e o 12 de marzo.

O prazo de presentación de candidaturas, neste caso para formar parte do Consello do Estudantado, será do 14 ao 16 de febreiro, o 19 publicarase a listaxe provisional e o 22 a definitiva. As votación terán lugar o 23 desde as 09.00 ás 12.00 horas.

Todos os detalles e o calendario dos comicios atópanse accesibles na páxima web das eleccións da Universidade de Santiago.