Teatro social na busca dunha ‘xustiza poética’ para as vítimas da trata

O Principal acolleu o venres (19.30 horas) a obra ‘Aquí nunca pasa nada’ inspirada na Operación Carioca

"Aquí nunca pasa nada", a obra inspirada no Caso Carioca chega a Santiago

Ana Triñáns

Ás 19.30 deste venres daba comezo nun Teatro Principal de Santiago cunha nada desprezable cantidade de público a función da peza Aquí nunca pasa nada, de Teatro Sin Papeles. Un pase de balde para unha obra de carácter social que busca, en palabras dunha das súas protagonistas “facer xustiza poética coas vítimas” da Operación Carioca, que destapou en 2010 un macrocaso de trata de mulleres con Lugo no epicentro. 

As vítimas, migrantes, ascendían a 400 e as persoas implicadas eran 90 nun caso que “deixou ao descuberto as cloacas do sistema do sistema, a políticos e membros das forzas de seguridade, destapou numerosos vínculos con proxenetas... pero non tivo repercusión, os 524 anos de prisión quedaron en menos de 10 que os 3 condenados nin sequera chegaron a cumprir”.

Así lembraba a concelleira de Dereitos sociais de Santiago, María Rozas, este caso na presentación de Aquí nunca pasa nada, realizada na mañá de onte no Pazo de Raxoi xunto a Cristina Bandín da Rede de Apoio a Persoas Refuxiadas e Olga Compte, unha das dúas protagonistas da peza.

“O caso Carioca foi unha macrocausa vinculada coa prostitución, mulleres e nenas vítimas da explotación sexual”, lembraba Compte en rolda de prensa, un caso que definía como “paradigma do que sucede en moitos lugares de España, porque hai que ter en conta que este é un país que consume prostitución, o primeiro en Europa e o terceiro no mundo”. Olga Compte recalcaba este aspecto e facía fincapé no “turismo, que é certo que é unha fonte de ingresos pero tamén o é que trae moita demanda de prostitución”.

A actriz non quixo deixar de falar dun tema de actualidade, o crecente consumo de pornografía por parte da xente máis nova. “A pornografía aumenta e éste é o márketing da prostitución”, sentenciou Compte, “vemos o incremento nas agresións sexuais que se dan entre a xente máis nova, recíbese pornografía a partir dos oito anos e non porque se busque, senón porque chega, dende os videoxogos, dende os chats... Isto xera unha formación na sexualidade nada saudable”.

Mulleres prostituídas

A actriz Olga Compte, que realizou unha profunda investigación sobre a macrocausa Carioca e a trata, quixo poñer o foco nas mulleres prostituídas, cuxa esperanza de vida se sitúa nos 40 anos. “Hai unha elevada taxa de suicidio entre as mulleres prostituídas e tamén de drogadicción”, apuntaba Compte para alertar a sociedade sobre a “vulnerabilidade” destas mulleres “empobrecidas, migrantes, prostituídas” e poñendo o foco en que “non importa se viñeron aquí sabendo ou non que ían ser prostituídas”, xa que as situacións nas que se ven obrigadas a desenvolver as súas vidas “son brutais”, aseguraba.

“A nosa obra pretende facer xustiza poética a todas estas mulleres vítimas de trata". “En moitos casos”, a incidía a actriz, “estas mulleres están en situación irregular” o que complica aínda máis o feito de que poidan denunciar a súa situación. 

Violar custa 20 euros

A actriz non quixo deixar de facer mención tampouco ao tema do consentemento, que en casos de trata e de mulleres prostituídas leva a que “poidamos dicir que violar custa entre 20 e 30 euros”. O feito de que exista prostitución fai, para Olga Compte, “que todas as mulleres poidamos ser vítimas”, por iso insistiu en derrubar o tópico que di que “se non houbera prostitución habería máis violacións, isto é mentira”, defendeu con contundencia. “A realidade é que vivimos unha situación na que a prostitución é coactiva e beneficia o proxenetismo”.

“Parece que isto non vai parar”, aseguraba Compte, e por iso Teatro Sin Papeles quere facer xustiza poética e que a sociedade se interrogue sobre “quen lles vai pedir perdón?”. “Porque non só non houbo unha reparación legal, non hai tampouco unha reparación social, a sociedade non está respondendo”. Quizais un teatro practicamente cheo poida mudar esta circunstancia.