Conta atrás para que o goberno local realice o sorteo das parcelas de cinco das hortas urbanas

A socialista Mila Castro, exconcelleira de Medio Ambiente, critica que o bipartito non realizase actuacións en sete meses de mandato

a imaxe, as hortas urbanas de Pontepedriña. Nas vindeiras semanas o Concello sorteará as de Belvís, Caramoniña, Campo das Hortas e Santa Marta

a imaxe, as hortas urbanas de Pontepedriña. Nas vindeiras semanas o Concello sorteará as de Belvís, Caramoniña, Campo das Hortas e Santa Marta / Antonio Hernández

O sorteo das hortas urbanas de Belvís de Arriba e de Abaixo, Caramoniña, Campo das Hortas e Santa Marta xa está un pouco máis cerca. Segundo informan a EL CORREO fontes municipais, a convocatoria para o sorteo farase pública nas próximas semanas e as persoas afortunadas poderán cultivar o terreo que lles corresponda durante 2 anos, prorrogables a 2 máis, segundo se indica na normativa.

O último sorteo realizado, e o primeiro do novo Goberno local (BNG-CA), produciuse o pasado 16 de xaneiro, neste caso asignábanse as fincas de Cotaredo (Fontiñas) e da Almáciga. No primeiro caso a horta divídese en 36 bancais, no segundo nun total de 32, e en ambos casos se menciona a través da web de Compostela Verde que a adxudicación se prolonga ata 2028.

Todo indica que este período será o que corresponda ás novas rifas das hortas. As máis antigas, aquelas que dende hai tempo xa amosaban nalgún caso claros signos de abandono son as que se sitúan en Belvís de Arriba e Caramoniña, outorgadas por última vez en 2016 e cuxa renovación cometeu en setembro de 2019 o executivo de Sánchez Bugallo. Segundo figura na web Compostela Verde, ambas as dúas hortas constan de 30 e 21 parcelas, respectivamente, e manteñen segundo este mesmo portal unha lista de agarda de 66 e 44 solicitantes.

As hortas de Belvís de Abaixo, Campo das Hortas e Santa Marta, pola súa parte, foron adxudicadas por última vez en 2019, e a última renovación levouna a cabo a ex titular de Medio Ambiente, Mila Castro (Partido Socialista) en decembro de 2022. En Belvís de Abaixo hai un total de 27 hortas, cunha lista de agarda de 66 persoas, mentres en Santa Marta o número de terreos é de 38 e a lista de agarda chega aos 48 solicitantes. Tan só no Campo das Hortas o número de bancais que entran a sorteo supera a lista de agarda: constan, sempre segundo a web Compsotela Verde, 54 leiras e están en espera 41 persoas.

As hortas de Brañas de Sar, no barrio da Pontepedriña, son as únicas que non entran neste próximo sorteo. Divididas en dúas, unha parte delas renovounas tamén o Goberno socialista en setembro de 2019, mentras a outra parte foi adxudicada o 26 de decembro de 2022, polo que aínda están no período inicial de 2 anos prorrogables a dous máis. Nesta zona, próxima á estación intermodal, distribúense 54 horas, e a lista de agarda é de 81 persoas.

Covid-19 e novo Goberno local

Durante o confinamento pola pandemia da Covid-19, os usuarios das hortas urbanas chegaron a un acordo co Goberno local (liderado por Xosé Sánchez Bugallo, PSdeG) para que se lles permitise ampliar o uso das parcelas, compensando así os meses que non se puideran traballar. 

Naquela altura a concellaría de Medio Ambiente estaba dirixida por Mila Castro que, en conversa con este diario ao fío do atraso no sorteo e do abandono dalgunhas hortas, criticou que “xa van sete meses de goberno de BNG e CA”, un prazo no que a edil socialista considera que “tiveron tempo máis que suficiente para realizar ese sorteo”.

A edil lembra que o Partido Socialista realizou os sorteos de Belvís de Abaixo en setembro de 2019, “e adxudicáronse en outubro”, mentres que Brañas de Sar, Santa Marta e Campo das Hortas se adxudicaron en decembro de 2022. Castro apunta tamén a renovación das adxudicacións en Belvís de Arriba, Almáciga e Caramoniña en setembro de 2019 e Cotaredo en agosto de 2020.

A exconcelleira especifica que cómpre agardar a recolección dos titulares e reivindica que “a pesar dos atrancos fíxose o traballo coas maiores dilixencias”. Mila Castro recalca que os sorteos só se paralizaron durante a pandemia e lembra ademais que se deben facer entre setembro e decembro “para evitar prexudicar as persoas que teñen colleitas”.