Entrevista | Julia González Álvarez Directora da Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC

“No grao en IA logramos a nota de corte máis alta das tres universidades galegas”

Julia González estará á fronte da ETSE outros seis anos

Julia González estará á fronte da ETSE outros seis anos / Santi Alvite

Julia González Álvarez (Vigo, 1967), profesora do departamento de Enxeñaría Química da USC dende 1998, acaba de ser reelixida como directora da Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE). Asegura que hai unha intención por implantar un doble grao para completar a oferta no ámbito de Enxeñaría Química, sendo a formación de calidade unha das liñas prioritarias.

Que poñería en valor da anterior etapa e cales son os seus principais obxectivos de cara aos vindeiros anos?

O máis importante da anterior etapa é a experiencia adquirida. Hai catro anos eramos un equipo completamente novo, e nada máis chegar tivemos que afrontarnos á pandemia. Vímonos na obriga de centrar os nosos esforzos en dous anos, pero en calquera caso conseguimos moitos dos obxectivos que plantexaramos. Por destacar algúns, arrancamos tres novos títulos: o grao e mestrado en Intelixencia Artificial, no curso 22-23, e o mestrado en Xestión Sostible da Auga no presente curso. Ademais nese periodo fixemos modificacións sustanciais dos outros títulos de grao e mestrados, xa que é moi importante mantelos actualizados. Outro aspecto que quixera resaltar é que podemos dicir que temos uns títulos de calidade. Unha evidencia disto é que tres dos nosos mestrados teñen o recoñecemento de Mención de Excelencia da Xunta de Galicia. En referencia ao futuro, o que nos plantexamos para os próximos seis anos céntrase na oferta académica da escola e a calidade da docencia. Temos xa unha ampla oferta académica, ademais en sectores moi estratéxicos, polo que unha das nosas liñas prioritarias é ofrecer ao noso estudantado unha formación de calidade. Para iso, entre os propósitos a conseguir está obter novas mencións e acreditacións internacionais para os nosos títulos e tamén fortalecer as relacións co mundo empresarial, que no título de enxeñaría resulta imprescindible, e tamén aumentar a internacionalización. 

Impártense no centro tres graos, un dobre grao e sete mestrados. Hai posibilidade de aumentar a oferta docente?

Este curso superamos os mil alumnos e alumnas de grao e mestrado e nos próximos anos a cifra seguirá aumentando un pouco porque o grao en Intelixencia Artificial aínda está en proceso de implantación. Estamos co segundo curso, polo que faltan o terceiro e cuarto curso. Despois, no grao en Enxeñaría Informática, debido á alta demanda, tamén estamos aumentando o número de prazas. E no próximo curso iniciaremos un novo mestrado, polo que pasaremos a ter oito. Con todo, non estamos pechados a novos títulos que poidan ser de interese para a escola, pero o que está claro e que temos que ter en conta a dispoñibilidade de espazo e de persoal docente. Polo tanto non hai unha liberdade total en canto á proposta de novos títulos. A primeira acción que si desenvolveriamos sería estudar a posibilidade dun doble grao para completar a oferta no ámbito de Enxeñaría Química, que non supoñería necesidade de espazo e novo persoal, sendo así unha proposta que podería ser factible e de interese para o centro.

O grao en Intelixencia Artificial comezouse a impartir no curso 2022-2023. Que valoración faría do seu recorrido?

O grao en Intelixencia Artificial implantouse no curso 22-23 simultaneamente nas tres universidades galegas e tivo unha demanda moi importante que se volveu a repetir no curso actual, onde xa temos implantado o segundo curso. Nos dous cursos conseguimos a nota de corte máis alta das tres universidades galegas e a tendencia é que o interese por este título continúe. Acabamos de ter os encontros co alumnado de Bacharelato e recibimos máis de seiscentos estudantes para obter información sobre os títulos de Intelixencia Artificial e tamén Enxeñaría Informática. Polo tanto, son títulos que teñen un gran interese para o estudantado. Neste momento propoñémonos continuar coa implantación do título dotándoo de todos os medios necesarios para iso con espazos docentes, equipamentos, oferta e prácticas en empresas que comenzarán o próximo curso, prazas de intercambio que tamén se iniciarán o próximo curso e de cara ao futuro trataremos de que sexa un título completamente implantado e que se convirta nun grao de referencia entre todos os de Intelixencia Artificial. 

O profesorado vai actualizando o coñecemento tecnolóxico?

Somos unha escola de enxeñaría e o noso profesorado está ao día non só no coñecemento tecnolóxico, senón tamén en estratexias de innovación docente. Ademais, dende o propio centro promovemos esa formación. De vez en cando propoñemos cursos en ámbitos de interese precisamente para promover a formación dos noso profesorado.

A aposta por captar alumnas. De que maneira se aborda esta cuestión?

É un tema complexo, pero unha aposta importante no noso centro. No curso pasado, do que temos os últimos datos definidos, tiñamos un 30% de mulleres a nivel xeral, pero nalgún título, como o de Enxeñaría Informática a cifra baixaba ata o 15%, un valor moi baixo. Agora estamos traballando para conseguir un aumento dende a Comisión de Igualdade do centro que creamos no curso no ano 2022. Consideramos que a visibilización de referentes femininos para as nenas é unha das vías máis efectivas e así damos a coñecer os logros profesionais das nosas propias egresadas tanto nas actividades que desenvolvemos no centro como nun espazo web que creamos. Tamén hai asociacións estudantís bastante activas que organizan actividades co mesmo obxectivo. No presente curso observamos unha certa melloría na captación de alumnas, no grao en Enxeñaría Informática temos no primeiro curso un 24% de mulleres. Temos que esperar a ver a evolución e ver se seguimos no camiño de aumentar o número de alumnas.

Conséguese nos últimos anos captar alumnado internacional? Pódese ir máis alá?

En xeral sempre captamos alumnado internacional. Na pandemia reduciuse un pouco pero agora volvemos aos valores que tiñamos antes. Podemos dicir que hai máis mobilidade a nivel de mestrado que a nivel de grao. Incluso nalgúns mestrados temos convenios de dobre título con outras universidades estranxeiras, a maiores dos típicos convenios bilaterais ou erasmus. Precisamente un dos obxectivos que nos plantexamos para o futuro é conseguir aumentar a mobilidade tanto entrante como a saínte, particularmente nos graos.

Hai satisfacción co rendemento acadado a nivel xeral polo alumnado da ETSE?

Creo que de forma xeral o grao de satisfacción é moi alto. Un dos obxectivos de calquera centro é conseguir unha alta empregabilidade dos seus titulados. E nese sentido podemos dicir que na ETSE se logra, posto que os datos de inserción laboral son moi bos. En xeral, o alumnado colócase en periodos de tempo curtos e tamén en postos directamente relacionados coa súa formación, e incluso nalgúns graos xa o conseguen cando realizan as prácticas en empresa, polo que en terceiro ou cuarto curso xa teñen o seu primeiro posto de traballo.