Mobilidade en Compostela

Desvíos no bus urbano este martes por mor da concentración de tractores

Haberá cortes de tráfico puntuais entre as 8 e as 22 horas na área de San Caetano

A liña C2 será unhas das afectadas polos desvíos por mor da tractorada deste martes en Santiago

A liña C2 será unhas das afectadas polos desvíos por mor da tractorada deste martes en Santiago / Jesús Prieto

Redacción

A previsión de concentración de tractores para este martes 20 de febreiro, entre as 8 da mañá e as 22 horas obriga a cortar puntualmente o tráfico na área dos edificios administrativos da Xunta en San Caetano, concretamente nas rúas Rodríguez de Viguri, Ánxel Casal e San Caetano. Unha previsión que tamén afecta as liñas de autobuses urbanos que circulan pola zona, e que verán provisionalmente desviado o seu itinerario.

A partir das 8 horas as liñas 5, 6, 6A, 9, C2, C4, C6, P2 e P7 realizarán desvíos. Así a liña 5 desviarase na súa circulación sentido Vite dende Pastoriza á avenida Castelao, e en direción Á Rocha pasará directamente desta última avenida a Xoán XXIII. As liñas 6 e 6A cara a San Marcos e ao aeroporto de Lavacolla-Rosalía de Castro desviarase dende a Pastoriza por San Caetano. Na súa circulación cara á rúa do Hórreo e a Os Tilos, pasará dende a rúa Valiño e o CEIP Monte dos Postes cara á rotonda da avenida do Camiño francés.

As liñas 9 e C6 cara á Cidade da Cultura e o polígono de Costa Vella tamén sufrirán alteracións, circulando por San Caetano. Os buses que cobren o traxecto das liñas C2 e C4 evitarán a zona de Anxo Casal, Rodríguez de Viguri e da praza Camilo Díaz Baliño. No caso do bus C2 desviarase da avenida Castelao por San Caetano cara ao Camiño francés; e a liña C4 pasará desta última rúa pola praza de Espeña cara a San Caetane a avenida Castelao.

As liñas P2 e P7 (nas prolongacións a San Caetano), xirarán logo da Pastoriza pola praza de España para iniciar o percorrido no sentido contrario. O Concello informa de que por mor destes desvíos haberá paradas que queden temporalmente suprimidas.