Saúde mental e rutas LGTB entre as 103 propostas dos orzamentos participativos que vota a mocidade

A concellaría de Xuventude conta cunha partida de 100.000 euros

Elixen ata o 3 de marzo os mozos de entre 16 e 30 anos

O concelleiro Xan Duro (CA) e a técnica de Xuventude Noela Vilas na súa c omparecencia de prensa

O concelleiro Xan Duro (CA) e a técnica de Xuventude Noela Vilas na súa c omparecencia de prensa / CONCELLO

A concellaría de Xuventude presentou na mañá de onte as 15 áreas nas que se engloban os proxectos dos orzamentos participativos para a mocidade. Unha iniciativa que conta con 103 propostas, das máis de 200 presentadas, e nas que os mozos e mozas de entre 16 e 30 anos que residan, estuden ou traballen en Compostela poden tomar parte até o vindeiro 3 de marzo.

A presentación da apertura deste prazo fíxoa o concelleiro de Mobilidade, Convivencia e Centros socioculturais, Xan Duro (Compostela Aberta -CA-), que actuaba desta volta como concelleiro de Xuventude en funcións por atoparse a titular, María Rozas, de baixa médica. Duro estivo acompañado por Noela Vilas, técnica da área de mocidade que xestiona esta iniciativa. 

“A filosofía de participación non debe limitarse só ao período electoral”, así comezaba a súa intervención o edil Xan Duro, que lembrou que a contía total dos orzamentos participativos para a mocidade ascende a 100.000 euros, e os proxectos obxecto de votación non superan os 15.000 euros de presuposto cada un deles.

Previo á apertura de votacións e á presentación de iniciativas, a concellaría de Xuventude levou a cabo obradoiros formativos para ver como presentar as propostas a concursos, uns talleres dos que formaron parte uns 900 mozos e mozas. A partir de agora e até o 3 de marzo, aqueles rapaces e rapazas residentes, estudantes ou traballadores da cidade poden escoller os tres proxectos que máis lles interesen para que se desenvolvan neste 2024, “todas as actividades terán lugar durante o ano natural”, puntualizaba Noela Vilas. A técnica tamén lembrou que se trata de escoller as tres iniciativas que máis interesen ao votante, “cualificándoas con 3, 2 e 1 punto” segundo a prioridade que queiran darlle. Desta escolma de proxectos extráese, segundo o concelleiro Xan Duro “os intereses da mocidade, que son amplos e diversos” e que demostran, segundo explicou, que a mocidade “ten gañas de participar expresarse” ademais de rachar con estereotipos vencellados ao desinterese da xente máis nova. 

“A filosofía de participación non debe limitarse só ao período electoral”

Xan Duro

— Concelleiro de Compostela Aberta

Para votar as iniciativas que máis lles interesen aos mozos e mozas de entre 16 e 30 anos, éstes deberán estar empadorados en Compostela, polo que para escoller as súas preferencias será necesario incluír o DNI. “No caso de non seren residentes en Santiago”, explicaba Noela Vilas, “a través do correo electrónico decide@santiagodecompostela.gal poderase achegar a documentación acreditativa de estar estudando —carné de estudante ou matrícula— ou de estar traballando na cidade —mediante, por exemplo, a achega dun contrato ou dunha nómina—. 

Música, cultura, arte, ciencia ou deporte son só algunhas das áreas nas que se distribúen as propostas de actividades que forman parte destes orzamentos participativos para a mocidade. Noela Vilas, técnica da área de Xuventude, explicaba durante a rolda de prensa de presentación destas iniciativas que algunhas das propostas (presentáronse o dobre das que se oferta) tiveron que quedar fóra por diversos motivos, entre eles: superar o límite máximo orzamentario -establecido nos 15.000 euros- ou superar as competencias municipais, como foi o caso, por exemplo do proxecto para establecer un sistema de regulación dos alugueiros para a mocidade.

Así, as 15 categorías que integran os orzamentos participativos para este 2024 divídense en: festivais de música, arte urbana, cultura, cine, ciencia, emprendemento, ecoloxía, economía circular, gastronomías, eMocidade, deporte, igualdade e educación sexual, inclusión social, saúde e dereitos dos animais. 

As iniciativas

Máis alá de pular pola promoción de festivais que poñan en valor o talento local a través do Centro xove da Almáciga e que toca tanto a música e a artesanía tradicional coma os ritmos e artes gráficas máis urbanas, cómpre destacar a querencia da xente nova por tratar temas como a saúde mental, a educación sexual a través de charlas e rutas LGBTI ou a ecoloxía e a economía circular, con proxectos centrados na creación de hortas pedagóxicas ou actividades de mellora ambiental, sen esquecer propostas como a organización dunha feira/rastro para poder darlle aos obxectos “unha segunta vida” ou o obradoiro de de reciclaxe ‘tapóns creativos’, entre outros.

No apartado de Ciencia, ademais de presentárense proxectos vinculados á propia área ou a organización dunha ruta polos museos da cidade, chama á atención unha iniciativa centrada na realización de obradoiros “de vida adulta”. Proxectos orientados á formación en relacións laboracións ou búsqueda de emprego, por exemplo.

O voluntario para realizar tarefas que revertan na comunidade son outra das áreas nas que se engloban proxectos tan interesantes e que mostran a implicación da mocidade como o acompañamento de persoas maiores, a realización dun acampamento inclusivo ou a organización dunha feira para promover a adopción de mascotas.